C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

19 dic 2011

GOLEADA EN LOMBÁNS PARA PECHAR O ANO

O PINDO C. F. 1 - C. D. BAIO 8

Houbo que madrugar para ver unha nova vitoria do CD BAIO nesta Liga da Costa, e abofé que os escasos afeccionados que se achegaron na mañá do domingo ao campo de Lombáns puideron apreciar unha chuvia de goles, no que supón a maior goleada polo momento na competición. Non tivo historia o partido, que xa estaba sentenciado ao cuarto de hora, e a única incerteza era cantos goles podían chegar. Ao final foron oito a favor dos visitantes, pero ben puideron ser moitos máis de os necesitar, pois O Pindo demostrou o porqué da súa clasificación e apenas opuxo resistencia ante a superioridade técnica e física dos baieses, cun centro do campo no que Alberto e Martín movían o balón coa súa calidade habitual.
MC leva 13 goles: non hai quen o
pare (en todos os sentidos)
Xa desde o primeiro minuto se comprobou que o Baio ía decidido polo partido, con dúas ocasións clarísimas erradas por Canay e por Iván, antes da chegada do primeiro gol de Matías, nunha internada que remataba cun balón cruzado ante a saída do porteiro. Tres minutos despois era Javi Suárez o que aproveitaba outro magnífico pase de Martín para establecer o segundo no marcador. E xa no vinte MC abría a súa conta particular nun fermoso gol, tras regatear ao porteiro. Ampliaría diferenzas Canay á media hora, e xusto antes de chegar ao descanso Alberto convertía unha falta pola escuadra do xa superado porteiro pindés.
Guillermo debutou
cos maiores
Aproveitou Tono para dar descanso aos xogadores tocados e introducir no campo aos suplentes, entre eles aos xuvenís Yago e Valentín. Co partido sentenciado, a segunda parte fíxose monótona e longa, e a relaxación apoderouse dos baieses, que se limitaban a mover o balón. Aínda así chegaron varios goles máis, o primeiro deles de Martín, que remataba cunha preciosa volea un córner botado por MC. Sería este o protagonista do seguinte gol, ao aproveitar un balón solto na área local. A relaxación fixo que os carnotáns se achegasen con algún perigo máis á meta de Manuel, e nun córner conseguían o gol da honra ao despexar cara á súa porteira José Antonio. Reaccionou rapidamente o Baio e dous minutos despois MC pechaba o resultado co seu terceiro gol no partido. De aquí ata o final só hai que destacar o debut do porteiro xuvenil Guillermo, unha das perlas da canteira.
Pouco hai máis que dicir deste partido, que supón prolongar a racha de sete invictos (19 puntos conseguidos dos últimos 21), o que fai que se asenten na cuarta praza, con dous puntos de distancia do Corme e a catro do terceiro, o Fisterra. Do bo momento do Baio fíxose eco esta semana do Depor Sport, cunha reportaxe sobre o seu tridente que podedes ver aquí (Depor Sport) Agora chega o parón, que esperemos que non lles afecte aos nosos, e a agardar logo de Reis ao Buño para pechar a primeira volta da liga.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel (Guillermo 82'), Matías, Iván, José Antonio, Ramón (Fredi 45'), Eloy (Valentín 51'), Martín, Alberto, MC, Javi Suárez, Canay (Yago 45'). 


Goles: 0-1 Matías (11'), 0-2 Javi Suárez (14'), 0-3 MC (20'), 0-4 Canay (31'), 0-5 Alberto (44'), 0-6 Martín (48'), 0-7 MC (63'), 1-7 José Antonio (pp) (76'), 1-8 MC (78').

No hay comentarios:

Publicar un comentario