C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

20 may 2013

DERROTA NO DEBUT EN AGOLADA

S. D. AGOLADA 2 - C. D. BAIO 1

Empezou a promoción de ascenso á 1ª Autonómica o CD BAIO visitando o campo do Hospitalillo de Agolada, nunha tarde fría e algo desapracible, pero a choiva deu unha tregua e non fixo acto de presenza. Bo partido dos baieses, a quen lles pesou un mal inicio cun gol no primeiro minuto, que foi un xerro de auga fría, e do que tardaron en repoñerse, e aínda máis despois do segundo, pero a segunda metade foi de completo dominio visitante e ben puideron levar algo positivo de ter ese algo de fortuna que fai falta neste tipo de partidos. Dous estilos contrapostos, mentres os locais baseaban o seu xogo en lanzamentos sobre a súa torre, o dianteiro Pablo de case dous metros de altura, que descargaba para a incorporación dos rápidos mediapuntas; mentres que o Baio seguía fiel ao seu xogo de toque e posesión, que aínda que na primeira parte non foi moi efectiva, si deu os seus froitos na continuación, na que pechou ao rival no seu campo.

Pola SD AGOLADA xogaron: Rafa, Méndez, Pedro, José (Rubén 53'), Cristian, Javi, Agra, Galego (Negro 53'), Santi, Víctor, Pablo (Iván 65').

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Chema (Christian 52'), Mario, Eloy Lema, Norberto (Fredi 81'), Fachal, Rubio (Yago 61'), Eloy Vilas, Alberto, Martín. 

Árbitro: Carlos Vázquez Barreiros (Subdelegación de Lalín), nun partido cómodo tivo unha regular actuación, que non influíu no marcador, pero apreciáronse erros en aspectos técnicos: mala colocación nas xogadas, pouca coordinación cos xuíces de liña, etc. Moi bo o labor dos seus asistentes, que atinaron en case todas as súas apreciacións.

Goles
1-0 Pablo (1'), logo de recoller un mal pase de Chema que o deixou só ante Anxo a quen bateu por baixo.
2-0 Víctor (22'), que aproveitou o rexeite de Anxo tras o lanzamento dunha falta.
2-1 Christian (84'), rematando de cabeza un centro de Alberto desde a esquerda.

Ocasións do Agolada:
- Saque do meta local sobre Pablo que peina para a entrada de Santi, que remata desviado (14').
- Lanzamento de Víctor desde a frontal da área que peta no traveseiro e vaise fóra (57').
- Novo lanzamento de Víctor desde fóra da área e Anxo saca unha man prodixiosa cando o balón se coaba pola escuadra (78').
- Xogada de Víctor pola banda e o seu centro non o consegue rematar Santi en posición clara (79').

Ocasións do Baio:
- Pase entre liñas de Martín para Rubio pero o seu remate vai ás mans do porteiro local (3').
- Xogada pola banda de Martín e o seu centro á frontal é rematado en volea por Fachal e vaise lambendo o pau da meta do Agolada (12').
- Novo balón entre liñas sobre Eloy Vilas, pero remata mal e váiselle fóra (34').
- Disparo en posición ventaxosa de Alberto que novamente se vai a rentes do poste (56').
- Pase en profundidade de Martín sobre Christian, que se vai en velocidade e preséntase só diante do porteiro pero o seu remate coa esquerda vaise novamente fóra (76').
- Lanzamento de córner e remate de Fredi só ante o porteiro que consegue despexar milagrosamente o balón (92').

En definitiva un partido no que o Baio puido sacar algo positivo, sobre todo pola súa segunda parte, e que a piques estivo de conseguir na prolongación. Tan só lamentar a lesión do dianteiro local Pablo, cun forte golpe nun ombro nunha caída (por certo, nunha xogada que o xuíz de liña anulara por fóra de xogo varios segundos antes pero o colexiado non se decatou ata que rematou a xogada).
A próxima semana visitará o Agolada ao Sálvora, tocándolle ao Baio descansar. O próximo partido dos baieses será dentro de quince días, fronte ao equipo de Ribeira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario