C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

7 may 2013

CLASIFICADOS PARA A PROMOCIÓN!!!

C. D. BAIO 0 - S. D. SOFÁN 0

Tarde soleada e calurosa a do domingo que invitaba a ir ao fútbol, e acudiron en masa os afeccionados baieses no último partido de liga no Platas Reinoso. A presenza da maior parte dos xogadores das categorías inferiores ataviados coas camisolas branquiazuis, e a de moitos seguidores que tamén se quixeron unir á festa, fixo que se congregase unha gran cantidade de xente. Aproveitou a directiva para facer a súa tradicional homenaxe aos socios, co agasallo dun vale de 100 Euros a escoller polo afortunado entre os negocios que colaboran coa súa publicidade no campo de fútbol. Realizado o sorteo, tocoulle a sorte a José Antonio Martínez "Tonecho", actual socio número 2. Ao final, houbo churrascada para todos cantos se achegaron a presenciar o encontro, feito polo maestro parrilleiro "Carris".
En canto ao partido, xogábase o Baio a posibilidade de presionar á Esteirana na loita polo título, e ao mesmo tempo certificar de maneira matemática a segunda praza que dá dereito a xogar a promoción de ascenso. Coas baixas de Chema, Jorge e dun Martín MC que ata última hora intentou xogar, presentouse o Baio ante un Sofán que demostrou o porqué da súa clasificación. Saíron os baieses coa súa idea de controlar o partido a través do balón, pero víronse sempre faltos de profundidade, quizais un pouco máis tensos pola trascendencia que se lle deu ao encontro. Non conseguían fiar xogadas perigosas, e os intentos morrían na tupida defensa sofanista, que se pechou ben atrás na busca dalgunha contra. Apenas tivo ocasións de gol a primeira parte, tan só lanzamentos desde fóra da área a cargo de Martín, Alberto e Eloy Vilas, pero ben atallados por Bugy. Conforme pasaban os minutos o Sofán foise achegando á meta de Anxo, pero tampouco creou ocasións de relevancia.
Principiou a segunda parte polo mesmo camiño, e a pesar de que o Baio intentou ir máis arriba na busca do gol, non se notou a frescura no xogo doutras tardes. A ocasión máis clara dos baieses veu dun lanzamento de Alberto, que rexeitou Bugy e que Christian non puido enganchar o remate. Co paso dos minutos o Baio adiantaba máis as liñas, pero non atopaba soltura nos metros finais, perdéndose infinidade de balóns, que aproveitaba o Sofán para saír á contra. Nunha delas, o porteiro Anxo tivo que saír fóra da área, tocando o balón coa man, polo que foi expulsado a falta de pouco máis de cinco minutos. Nese tempo tivo o Sofán as súas ocasións máis claras. No lanzamento da falta que lle custou a expulsión tivo que facer Manuel unha gran parada e nos minutos de desconto, nunha contra Abel lanzou desde corenta metros vendo o porteiro adiantado pero entre Manuel e o poste evitaron o gol.
A pesar da sensación agridoce do resultado, con este empate consegue o Baio matematicamente a súa clasificación para a promoción de ascenso á 1ª Rexional, algo impensable a principios de temporada. A próxima semana haberá que visitar O Cairo, nun encontro no que apenas haberá nada en xogo. Despois virá esa fase, que vai ser un xusto premio ao traballo realizado esta temporada por xogadores e corpo técnico.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Ramón (Yago 55'), Eloy Lema, Norberto, Martín, Eloy Vilas, Rubio (Pablo 76'), Alberto (Manuel 85'), Christian (Fachal 80').  

No hay comentarios:

Publicar un comentario