C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

23 jul 2013

PERFILADOS OS CALENDARIOS 2013-14

En reunión celebrada este martes no Auditorio do Pavillón de Baio, a Federación Galega de Fútbol perfilou os calendarios para as distintas competicións, desde afeccionados ata infantís. En quince-vinte días cóntase con que xa estean totalmente confeccionados. 

A 1ª Autonómica (Grupo 2º), na que está encadrado o CD BAIO, vai principiar a liga o vindeiro 8 de setembro, rematando o 11 de maio. Non haberá competición o 29 de decembro nin o 20 de abril (Semana Santa). 

A 2ª Autonómica (Grupo 3º) terá as mesmas datas de competición que o grupo da 1ª Autonómica. Foron varios os equipos que solicitaron disputar os seus partidos como locatarios os sábados: Cabana, Camelle, Corcubión e Fisterra.

A 3ª Autonómica (Grupo 4º) contará tan só con 13 equipos participantes, logo das baixas de Dumbría B, Alcaián e Xaviña, e a alta do Sp. Seaia. Comezarán a liga o 29 de setembro e rematarán o 6 de abril, descansando o 29 de decembro e o 5 de xaneiro. Logo terán que disputar a promoción os clasificados nos postos 3º a 6º. Solicitaron xogar o sábado como locatarios o Ameixenda, Laxe e Soneira B.

En Xuvenís participan ao final 22 equipos, divididos en dous grupos de once. No Grupo 3º están: Cee, Corcubión, Dumbría, Esteirana, Fisterra, Lira, Mazaricos, Muros, Outes, Soneira e Xallas Santa Comba. No Grupo 4º figuran: CD BAIO, Cabana, Camariñas, Castriz, Coristanco, Corme, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Porteño. A competición iniciarase o 31 de agosto e rematará o 1 de febreiro. Os tres primeiros clasificados de cada grupo xogarán a 2ª fase ligueira, mentres que os demais xogarán a 1ª fase da Copa; tanto uns coma os outros entre o 8 de febreiro e o 12 de abril. As eliminatorias de Copa celebraranse do seguinte xeito: Oitavos: 19 de abril (partido único); Cuartos: 26 de abril e 1 de maio; Semifinais: 3 de maio e 10 de maio; Final: 17 de maio (partido único). Os dous primeiros da 2ª fase ligueira xogarán a promoción á Liga Galega, nun formato que este ano varía e que explicaremos máis abaixo.

En Cadetes participan 15 equipos: As Baleas, CD BAIO, Cabana, Cee, Concello de Carnota, Corcubión, Coristanco, Esteirana, Fisterra, Muros, Muxía, Outes, Ponteceso, Xallas Santa Comba e Sp. Zas. Comezará a liga o 28 de setembro e rematará o 17 de maio; descansando o 28 de decembro, o 4 de xaneiro e o 19 de abril. Xogarán o sábado pola tarde (16:00 h.) o Muros e o Sp. Zas, e tamén As Baleas, sen horario fixo. Os dous primeiros da liga xogarán a fase de ascenso, polo sistema que logo explicaremos.

En Infantís participan tan só 13 equipos: As Baleas, CD BAIO, Cabana, Cee, Coristanco, Corme, Esteirana, Fisterra, Muxía, Os Miúdos, Outes, Sofán e E.M. Vimianzo. A liga comezará o vindeiro 8 de setembro e rematará o 16 de marzo, descansando o 29 de decembro e o 5 de xaneiro. O Cee xogará os seus partidos os sábados ás 12:00 horas. Co fin de que non sexa tan curta a competición creouse unha Copa da Costa Infantil, que terá lugar unha vez remate a liga, e extenderase ata o 18 de maio. O primeiro clasificado da liga xogará a fase de ascenso á Liga Galega.


NOVO FORMATO DE ASCENSO Á LIGA GALEGA EN XUVENÍS, CADETES E INFANTÍS     

Na Asemblea Anual da Federación Galega de Fútbol aprobouse por unanimidade un novo formato de ascenso á Liga Galega nas tres categorías, pola que se premia aos equipos que quedaron campións. O novo formato inclúe as seguintes fases:

- FASE PREVIA: Os campións dos grupos da Coruña, das Mariñas e da Costa (enténdese por campión da Costa o vencedor da 2ª fase ligueira) disputarán unha liga a unha volta, en campo neutral e nunha fin de semana (venres, sábado e domingo), para determinar un campión destes grupos.
- 1ª FASE DE CAMPIÓNS: O campión da anterior Fase Previa xúntase cos campións dos grupos de Ferrol, Lugo e Santiago, para que, logo dun sorteo, disputen unha eliminatoria polo sistema de copa a dobre volta. Os dous vencedores desta eliminatoria ascenderán directamente á Liga Galega.
- 1ª FASE RESTO: Ao mesmo tempo, os dous equipos eliminados da Fase Previa e os dez equipos restantes clasificados (entre eles o subcampión da Costa) disputarán, logo dun sorteo, unha eliminatoria polo sistema de copa a dobre volta. Os seis equipos gañadores clasifícanse para a 2ª Fase.
- 2ª FASE: Os dous equipos eliminados na 1ª Fase de Campións e os seis clasificados da 1ª Fase Resto disputarán, logo dun sorteo, unha eliminatoria polo sistema de copa a dobre volta. Os catro equipos gañadores clasifícanse para a Fase Final.
- FASE FINAL: Os catro gañadores da 2ª Fase xogarán, logo dun sorteo, unha eliminatoria a partido único e en campo neutral, mediante o que se determinarán os outros dous conxuntos que ascenderán á Liga Galega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario