C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

24 sept 2013

DAVID VENCEU A GOLIAT

C. D. BAIO 1 - C. F. NOIA 0

Na calorosa tarde do domingo xogou no Platas Reinoso o CD Baio o seu terceiro partido da temporada ante o potente CF Noia, o máximo favorito para gañar este campionato. Dous conxuntos que forman parte da historia da Liga da Costa, aínda que o conxunto noiés abandonou esta competición ao desaparecer como SD Noia na temporada 1985-86, e cando se refundou dous anos despois como CF Noia preferiu participar na Liga do Sar. Con todo, volveríanse atopar posteriormente, a última delas cando o Baio xogou na 1ª Autonómica por última vez antes de descender á 2ª Autonómica, que coincidiu co ascenso noiés á Preferente. O Noia tamén pasará á historia do CD Baio polo partido de homenaxe que lle tributaron ao noso club no antigo campo de San Alberto o 27 de marzo de 1975, encontro a beneficio do único club que disputara todos os campionatos costeiros, que naquel momento pasaba por graves problemas económicos.
A anécdota foi a rotura da rede que repararon Mario e Manuel

Pero deixémonos de historia e volvamos ao partido do domingo. Chegaba o Noia, un equipo renovado con moitas fichaxes e cun obxectivo claro, como é o ascenso á Preferente, e durante todo o encontro demostrou a súa fortaleza e as súas moitas armas, que a bo seguro han de ser unha boa base para alcanzar os seus propósitos. Diante estaba un equipo que acaba de ascender, que o domingo se presentaba con 15 dos 16 xogadores convocados formados na canteira baiesa. O encontro foi dun altísimo ritmo e a fortaleza física que amosaron os dous conxuntos, a pesar da calor, foi admirable.
Aínda que os primeiros minutos estiveron moi igualados, cos dous equipos querendo facerlle dano ao rival, pero gardando sempre as espaldas, o gol de Bieito cambiou o decorrer do encontro. Unha xogada de Canay por banda, que combina con Alberto e este con Bieito, que de disparo colocado dende a frontal batía a meta noiesa. A partir de aquí o Baio resgardouse un pouco, mentres que o seu rival se foi achegando moito máis á meta de Anxo, e foron varias as oportunidades que tiveron para igualar o encontro, pero unhas veces a mala puntería noiesa, e outras a intervención da defensa e do porteiro baieses impedírono.
Anxo, a figura, acabou no hospital [Fotos: S. Díaz]
A segunda parte, transcorreu da mesma maneira, co Baio atrás, buscando unha contra a través dos seus puntas, e o Noia achegándose unha e outra vez ás inmediacións da área baiesa, creando moitas ocasións de perigo, que solventou Anxo con varias intervencións de mérito que o converteron no heroe do partido. Con todo, a ocasión máis clara tívoa o dianteiro noiés Toni, que lle gañou as costas aos centrais, e tras irse de Anxo rematou a porta, pero Fredi chegaba a tempo de despexar antes de que o balón se introducise na meta. Tivo tamén o Baio algunha oportunidade para sentenciar. Sen dúbida a máis clara veu dunha xogada por banda de Martín MC, que centrou para a chegada de Canay, pero o lanzamento deste batía contra o poste da meta de Borja. Con moito sufrimento, e coa lesión do meta Anxo que chegou ao final a pesar dun forte golpe na cabeza que o levou ao hospital, rematou o partido no que o débil David venceu ao todopoderoso Goliat. 
Con esta vitoria suma o Baio cinco puntos e mantense invicto logo de tres xornadas. A vindeira semana hai que render visita a Camariñas, no que será o primeiro derby costeiro da actualidade. 

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Ramón 75'), Mario, Yago, Eloy, Norber, Fachal (Fredi 65'), Bieito, Martín MC, Alberto (Rubio 60'), Canay.

Gol: 1-0 Bieito (20'). [Se picas no nome podes ver o vídeo do gol]

XUVENIL: LAXE C. F. 3 - C. D. BAIO 7

Despois de dous partidos nos que deixou moitas dúbidas e unha falta de acerto cara á porteira, os rapaces de Pastoriza desquitáronse o pasado sábado cunha goleada que puido ser maior se non fose pola relaxación dos minutos finais. Non houbo color no encontro, e o Baio foi moi superior ao rival, cuns Estefan e Santi moi resolutivos ante a porta local. Ao descanso chegouse co claro marcador de 0-4, que se incrementou na reanudación, aínda que os ex-xogadores baieses Manuel e Adrián maquillaron o resultado final. 

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo (Álex 78'), Fabián, Michi, Pablo, Silvariño (Alfonso 76'), José Antonio, Anxo, Pazos (Javi 46'), David, Santi Díaz, Estefan (Pedro 75').

Goles: 0-1 David (4'), 0-2 Estefan (10'), 0-3 Estefan (32'), 0-4 Santi (33'), 0-5 Santi (54'), 1-5 Manuel (60'), 1-6 Santi (70'), 1-7 Javi (80'), 2-7 Adrián (83'), 3-7 Adrián (89'). 

CADETE: C. D. BAIO 3 - S. D. FISTERRA 3

Comezou o sábado o CD Baio a Copa da Costa na categoría cadete ante un Fisterra que se mostrou moi forte. Proba desa fortaleza foron os primeiros goles visitantes na primeira parte, que os puxeron en franca vantaxe no descanso. Pero os baieses saíron con forza dos vestiarios e o dianteiro Anxo lograba igualar a contenda con dous magníficos goles a pesar de ter un forte golpe no nocello que lle impedía correr con normalidade. Os fisterráns volvéronse adiantar de novo, pero unha xogada de pillo do infantil David, adiantándose á defensa e á saída do porteiro, poñían a igualada definitiva no marcador.

Polo CD BAIO xogaron: Julián, Queiro, Alberto, Fran, Damián, Javi Muíño, Manuel Mª (Éver 44'), Sergio, David, Eloy (Víctor 56'), Anxo.

Goles: 0-1 Andrés (20'), 0-2 Álex (30), 1-2 Anxo (46'), 2-2 Anxo (56'), 2-3 Álex (75'), 3-3 David (77').

INFANTIL: C. D. BAIO 1 - S. D. CABANA 11

Partido que non tivo moita historia, sobre todo na segunda parte, na que os cabaneses pasaron por riba dun Baio aínda en formación e con bastantes baixas. A pesar de todo, os baieses aguantaron no primeiro tempo e chegouse ao descanso cun apertado 1-3, co gol baiés obra do dianteiro Pablo Queiro. No segundo período, os rapaces de Fariña foron moi superiores e gañaron física e tacticamente ao combinado baiés.

Polo CD BAIO xogaron: Cedrón (David 41'), Víctor, Ariel, Miguel, Manuel Mª, Daniel, Martín (Antía 47'), Iago, Pablo, David, Queiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario