C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

17 sept 2013

XORNADA DE EMPATES

S. D. FLAVIA 1 - C. D. BAIO 1
Os dous equipos e o trío arbitral no Souto [Foto: S. Soneira]

Primeiro partido da liga lonxe do Platas Reinoso e tocaba visita a un histórico como a SD Flavia, que nos recibía no campo do Souto aínda coa feira de Padrón sen rematar. Boa tarde para acudir ao fútbol, aínda que o escenario municipal non presentaba boa entrada, con igualdade de afeccionados dos locais coma dos visitantes. Chegaba o Baio con moitas baixas a este encontro, como foron as dos viaxeiros Eloy, Mario e Martín MC, e os lesionados Christian, Martín e Pablo. Por se fose pouco, ao cuarto de hora tiña que abandonar o terreo de xogo José Antonio cunha brecha na cabeza, o que lle custou varios puntos de sutura nun hospital santiagués.
O partido supuxo os debuts de Alberto Carballo e do xuvenil Santi Díaz como xogadores do Baio en partido oficial, o primeiro como titular e o segundo entrando desde o banco. Non puido principiar de mellor forma o partido, pois logo de recuperar o balón o Baio despois do saque inicial local, un pase en profundidade de Fachal para Canay, que gaña en velocidade aos centrais e bate ao porteiro na súa saída, cando se levaban disputados só 28 segundos. Despois do golpe que lles afectou aos padroneses, e da lesión de José Antonio, o Flavia empezou a chegar con perigo á meta baiesa, sobre todo a través da velocidade do seu dianteiro Benson, que foi un pesadelo para os defensas visitantes. Chegando á media hora de xogo, prodúcese un claro penalti por falta de Alberto Carballo, que se encarga de lanzar o capitán local Iván, pero nunha grande intervención conseguía deter o meta Anxo. Seguiu presionando o equipo padronés na busca do empate, pero unha vez a defensa, outras o porteiro e outras a falta de acerto fixeron que se chegase ao descanso coa mínima vantaxe para o Baio.
Comezou o segundo tempo polos mesmos derroteiros, pero cando apenas se levaban disputados tres minutos empataría o Flavia por medio do seu dianteiro Benson, ao aproveitar un balón solto na área, logo dun saque de esquina. Sufriu o Baio este golpe, e durante moitos minutos estivo impreciso e nervioso, con moitos erros que non foron aproveitados polos locais, debido ao gran partido de Anxo, e dos seus defensas. Intentou cambiar Félix a situación con variantes tácticas que non deron os froitos apetecidos, aínda que durante moitos minutos o Baio conseguiu facerse algo máis coa posesión do balón e chegou ás inmediacións da áreal rival, aínda que sen moito perigo. Si levaba perigo Benson, que unha vez tras outra poñía en apertos ao seu par, pero non soubo definir as oportunidades que el mesmo creaba. Ao final empate a uns, que lles soubo máis aos visitantes que aos locais, pero que lle serve ao Baio para sumar o seu segundo punto nas dúas xornadas disputadas, antes de recibir o vindeiro domingo no Platas Reinoso ao CF Noia, o auténtico favorito desta competición, como o está demostrando coas súas goleadas.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, Chema, Alberto Carballo (Fredi 69'), Yago, José Antonio (Ramón 18'), Norber, Fachal, Rubio (Santi Díaz 60'), Bieito, Alberto (Valentín 87'), Canay.

Goles: 0-1 Canay (1'), 1-1 Benson (48'). [Se picas no seu nome podes ver o gol do Baio]


XUVENÍS: C. D. BAIO 0 - S. D. CORISTANCO 0

Disputado na tarde do venres o partido correspondente á terceira xornada de liga, o segundo na conta dos baieses, por canto descansaron na anterior xornada. A pesar de que os rapaces de Pastoriza o intentaron durante todo o partido, non conseguiron bater a porta bergantiñá, polo que se chegou ao final co empate inicial, o que supón o primeiro punto na conta local.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo (Álex 83'), Fabián, Michi, José Antonio (Kevin 46'), Pablo, David, Anxo, Silvariño (Alfonso 83'), Pedro (Anxo II 46'), Estefan (Pazos 72'), Santi Díaz.  

INFANTÍS: S. D. SOFÁN 3 - C. D. BAIO 3

Na tarde do sábado viaxaba o equipo infantil do CD Baio ao campo do Carral en Sofán, un equipo aínda en formación con varias baixas, pero que xa vai collendo forma e ritmo de competición. Soubo sobrepoñerse ben ás embestidas locais, que ata por tres veces se adiantaron no marcador, pero os rapaces de Julio Vila lograron igualar para sumar un punto na clasificación.

Polo CD BAIO xogaron: Cedrón, Ariel, Víctor, Miguel (David 57'), Manuel Mª, Eloy, Álvaro, Ezequiel (Marina 40'), Dani, Torrado (Samuel 49'), Queiro.

Goles: 1-0 Sebas (10'), 1-1 Manuel Mª (15'), 2-1 Nacho (35'), 2-2 Torrado (37'), 3-2 Ángel (61'), 3-3 Eloy (75').

No hay comentarios:

Publicar un comentario