C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

21 oct 2013

SEGUIMOS CO VENTO A FAVOR

C. D. BAIO 2 - C. S. D. ARZÚA 0

Tarde de domingo con chuvias intermitentes que non impediron que acudise numeroso público ao Platas Reinoso, que puideron ver un partido entretido e competido. Presentábanse os dous conxuntos na parte media-alta da táboa e demostraron o porqué da súa boa clasificación, e aínda que ao final o marcador rexistrou unha vitoria local, os visitantes fixeron méritos para sacar un mellor resultado, pero o Baio segue co vento a favor e suma novamente de tres en tres.
Comezou o partido cun Arzúa moi ben plantado, presionando a saída do balón e roubando en liña de tres cuartos, o que fixo que se lle acumulase o traballo á defensa baiesa. Ata tres ocasións de gol clarísimas dispuxo o conxunto visitante neste período, que milagrosamente non se converteron en gol: un disparo franco desde o punto de penalti que enviou ás mans do porteiro, un balón cruzado que se foi ao pau, e un remate no primeiro pau adiantándose á defensa que se foi fóra por pouco puxeron o medo na afección local. O equipo baiés non conseguía combinar a gusto e o nerviosismo apoderábase dos xogadores, que vían como non conseguían chegar á área rival. Tan só unha xogada de Bieito, que acabou cun remate brando que detivo o porteiro foi o máis destacado da primeira media hora. No final do primeiro tempo houbo algún que outro achegamento máis, tímido, como unha falta que lanzou Martín MC fóra, ata que chegou o primeiro gol local, nunha xogada desafortunada da zaga visitante. Un balón en profundiade de Fachal cara a Martín MC, é cortado polo capitán arzuán David, pero o seu despexe convértese nun tiro cara á propia portería que non pode evitar que entre o gardameta Iago. Chegábase ao descanso coa mínima renda local, que non facía xustiza ao visto no terreo de xogo.
Norber despois de marcar o segundo gol [Fotos: Santi Díaz]
Cambiou a decoración no segundo tempo, e cos cambios o Baio pasou a controlar máis o partido, non permitindo achegamentos con perigo do Arzúa e tratando de enfriar os ánimos de remontada visitante coa posesión de balón e a busca dos puntas, para que puxesen en apertos á defensa contraria. Aínda así non houbo moitas ocasións de gol, e o partido quedou sentenciado co segundo gol mediada a segunda parte, cando Norberto rouba en medio campo, e tras desfacerse de dous rivais fai a parede con Alberto, que o deixa só ante o porteiro, a quen regatea e bate a pracer. Este gol finiquitou as ansias do Arzúa, que vía como se lle escapaba o partido, que se limitou nestes minutos finais a colgar balóns sobre os seus dianteiros na busca dunha segunda xogada, que non se producía polo magnífico traballo dos rapaces de Félix. Incluso puido aumentar a conta o Baio nos minutos finais, pero o lanzamento de Alberto desde a frontal fóiselle fóra.
Conseguiu o Baio sumar os tres puntos ante un gran rival, que demostrou ser un equipo forte ao que onte condenou a súa falta de puntería. Con esta vitoria o Baio ascende á terceira praza da clasificación, e a vindeira semana visitará Pedra Queimada para enfrontarse ao Malpica no partido da xornada.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Cruz, Fredi (Alberto 46'), Mario, Yago, Eloy (Chema 56'), Norber, Fachal (Rubio 86'), Bieito, Martín MC, Canay (Christian 46').

Goles: 1-0 David (pp., 43'), 2-0 Norber (71').

Podes ver estas e outras fotos do encontro na foto-crónica de Santi Díaz se picas no seu nome.
Once inicial baiés

XUVENÍS: MUXÍA C. F. 2 - C. D. BAIO 2

Outra semana máis podemos repetir a mesma crónica de partidos anteriores, nos que o Baio é superior ao seu rival, adiántase no marcador e non é capaz de pechalo e termina empatando e perdendo puntos que o poñen nun lugar na clasificación que non merecen. O sábado na Arliña novamente se poñía por diante o Baio xa aos cinco minutos con gol de Pablo, e á media hora Estefan aumentaba a conta para os visitantes. Pero mediada a segunda metade, en cinco minutos conseguían os muxiáns empatar o encontro e os baieses non tiveron capacidade de reacción para gañar o partido.

Polo CD Baio xogaron: Guille, Pazos, Michi, Pablo (Jose 46'), Silvariño, Kevin (Alfonso 83'), Anxo, Pedro (Álex 53'), David, Estefan, Santi Díaz.

Goles: 0-1 Pablo (5'), 0-2 Estefan (32'), 1-2 Paulo (70'), 2-2 Andrés (p., 76').

CADETE: C. D. BAIO 1 - S. C. R. D. ESTEIRANA 2

Acabou a participación dos cadetes na súa Copa da Costa cunha derrota ante a Esteirana, que os deixou algo tocados moralmente, pois fixeron un bo partido e puideron gañar tranquilamente. Moitas ocasións locais na primeira parte, que non obstante non lograron materializar e chegaron ao descanso sen goles. Na segunda seguiu atacando o Baio na busca do gol que lle dese o pase aos cuartos de final, pero en dúas contras os esteiráns sentenciaron o partido e o Baio só puido recortar distancias no lanzamento de penalti que converteu Oreiro. Agora a preparar a liga que xa comeza en quince días.

Polo CD Baio xogaron: Julián, David, Fran, Queiro, Damián, Alberto (Éver 50'), Javi Muíño, Sergio, Santi (Eloy 58'), Ayoub, Oreiro. 

Goles: 0-1 Fran (60'), 0-2 Brais (72'), 1-2 Oreiro (p., 75').

INFANTIL: S. D. CORISTANCO 6 - C. D. BAIO 1

Segue a súa participación o combativo equipo infantil na liga con resultados máis negativos do que merece, pero son xente nova e pouco a pouco van mellorando. Na tarde do sábado comezaron marcando os baieses, pero xa neste período os locais conseguiron sentenciar o partido. Máis igualada estivo a segunda parte, pero xa estaba todo o peixe vendido.

Polo CD Baio xogaron: David (Miguel 40'), Ariel, Manuel Mª (Antía 49'), Víctor, Mohedano, Eloy (Cedrón 40'), Iago I (Martín 52'), Queiro (Ezequiel 40'), Álvaro, Iago II, Pablo.

Goles: 0-1 Mohedano (1'), 1-1 Jordan (7'), 2-1 Diego (19'), 3-1 Cosmin (23'), 4-1 Rubén (30'), 5-1 David (38'), 6-1 Diego (48').

1 comentario: