C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

14 oct 2013

VITORIA EN VALGA

CORDEIRO C. F. 1 - C. D. BAIO 2

Volvía o Baio a xogar en Valga e volvía coma sempre cunha vitoria, iso si, rompeuse o habitual 0-2 das anteriores confrontacións e onte o equipo local puxo as cousas máis difíciles e houbo que suar para traer a vitoria. Tarde chuviosa que non afectou ao campo de herba natural e os xogadores non tiveron problema para desenvolver un xogo fluído e combinativo, como é habitual nos dous equipos.
Comezou o partido da mellor forma para o equipo baiés, cun gol de Martín MC aos dous minutos, pero o equipo local veuse arriba e sobre todo a través de internadas pola súa banda esquerda levou o perigo á área visitante. Nunha delas conseguía Leandro de cabeza igualar o encontro e amosar algo de inseguridade na zaga baiesa. Aínda que sería o Cordeiro o que dominou a parte final do primeiro tempo, a ocasión máis clara veu da man do baiés Bieito, que enviou fóra cando se atopa man a man co porteiro Diego.
O auténtico Messi? [Foto: S. Díaz]
A segunda parte cambiou a decoración e o Baio controlou en todo momento o encontro movendo o balón con comodidade, sobre todo cando Bieito entraba en xogo, buscando a Martín MC e Canay, ou Christian cando se incorporou. A pesar de todo non había grandes ocasións, por falta do remate final, pero chegou a gran xogada do xuvenil Christian, que, emulando a Messi, recolleu o balón na esquina da área e foise internando en diagonal aguantando e sorteando as entradas da defensa, para bater de tiro cruzado coa esquerda a meta local. Non pasou apuros o equipo baiés no que quedou de encontro, e só os balóns colgados á área de Anxo poñían algo de incerteza, pero tanto o porteiro como a defensa mostrouse segura e mesmo permitía saír en contragolpe algunha que outra vez.
Con esta vitoria o Baio ascende á cuarta praza, empatado a puntos con outros dous ascendidos como Agolada e Esteirana, a catro puntos do líder Noia. A vindeira semana visita o Platas Reinoso o Arzúa, que tras a vitoria de onte písalle os pés ao equipo baiés.

Polo CD Baio xogaron: Anxo, Chema (Eloy 57'), Yago, Mario, José A., Norber (Fredi 76'), Fachal, Bieito, Martín MC, Alberto (Rubio 71'), Canay (Christian 62').

Goles: 0-1 Martín MC (2'), 1-1 Leandro (21'), 1-2 Christian (76').

XUVENIL: C. D. BAIO 3 - S. D. CABANA 3

Segue a mala sorte dos rapaces de Pastoriza, e na tarde do sábado vían como lle empataban no último minuto un partido que dominou e controlou, e no que tivo numerosas ocasións para sentenciar na segunda parte pero acabou pagando unha xornada máis a súa falta de definición. Con todo, deixou unha boa imaxe e partido a partido demostra que vai a máis aínda que a clasificación non reflicte a realidade do xogo do equipo. Así o manifesta que soubo repoñerse as dúas veces que o rival se puxo por diante e darlle a volta antes do descanso, só lles falta saber matar os partidos.

Polo CD Baio xogaron: Guille, Fabián (Javi 86'), Michi, Pablo, Silvariño, Kevin, Anxo, Pazos (Pedro 81'), Estefan, Santi Díaz, David. 

Goles: 0-1 Sergio (4'), 1-1 David (9'), 1-2 Iván (18'), 2-2 Santi Díaz (38'), 3-2 Pablo (42'), 3-3 Pablo (89').

CADETE: S. D. FISTERRA 7 - C. D. BAIO 0

Terceiro partido do equipo cadete nesta fase previa da Copa da Costa, na que saíron fortemente derrotados ante un rival que se mostrou como o de máis entidade do grupo. Aínda así viaxaban con importantes baixas, coma a do porteiro Julián ou a do dianteiro Anxo, e tiveron a axuda de varios xogadores infantís. A próxima semana decidirase que conxunto acompaña aos fisterráns na seguinte fase da competición, unha vitoria ante a Esteirana chégalles aos baieses.

Polo CD Baio xogaron: Cedrón, Queiro, Javi Muíño, Fran, Damián (Iago 66'), Alberto, Oreiro, Sergio, Ayoub, Éver (Mohedano 48'), Eloy (Dani 58'). 

INFANTIL: C. D. BAIO 0 - CORME C. F. 4

Na mañá do domingo os rapaces de Julio recibían ao líder invicto, e a pesar de comezar con algún que outro despiste, en xeral fixeron un bo partido e demostraron que teñen máis dentro do que sinala a clasificación, e que con confianza en si mesmos poden obter mellores resultados.

Polo CD Baio xogaron: Cedrón (David 65'), Manuel Mª, Víctor, Mohedano, Eloy (Martín 50'), Torrado (Ariel 19'), Miguel, Álvaro, Iago, Ezequiel (Antía 65'), Pablo.

Goles: 0-1 Samuel (5'), 0-2 Martín (11'), 0-3 Eloy (12'), 0-4 Samuel (p., 42').

No hay comentarios:

Publicar un comentario