C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

7 oct 2013

SET E PARTIDO

C. D. BAIO 6 - AMIO S. D. 2
11 incial do Baio, que estreaba a equipación 50 Aniversario [Fotos: Santi Díaz]

Na soleada tarde do domingo enfrontábanse o CD Baio e o Amio SD por vez primeira na historia, e o partido resolveuse de maneira fácil e cómoda por parte do equipo local, que ben puido colleitar un marcador máis amplo. Tardou un pouco o equipo baiés en facerse co control do xogo, logo dos minutos de tanteo iniciais, pero pronto atopou os ocos na defensa rival, e a través de Bieito, onte ao seu mellor nivel, e das penetracións por banda, achegouse unha e outra vez ao marco dun superado Amio.
Un man a man de Bieito que detiña Adrián foi o preludio dos dous primeiros goles baieses, que chegaron nun intervalo de dous minutos, o primeiro do Martín MC, que colocaba o balón na escuadra desde o interior da área, e o segundo de Bieito, que rematou o pase da morte logo dunha gran xogada de Canay por banda. Puxo algo de medo o Amio co magnífico gol de falta de David, pero axiña os inspirados rapaces de Félix desbotaron calquera sorpresa, e antes do descanso, un novo gol de Martín MC e outro de Canay sentenciaban o marcador. 
 Camiseta personalizada
A segunda parte trouxo un Baio máis relaxado, agardando por un rival que quería e non podía, e que o Baio matou nas contras. Puido ser unha auténtica malleira se non fose pola actuación do meta Adrián ou pola mala puntería baiesa, pero Martín MC, Canay e Fachal non atinaron a converter en gol claras ocasións. Tan só anotou dous o Baio nesta segunda parte, o primeiro un golazo de Bieito, que recolle o balón no centro do campo e vaise aproximando á portería rival sen que ningún defensa consiga quitarlle o balón, que introduce na meta do Amio de lanzamento por baixo. O segundo dos goles foi obra de Canay, que recolle un balón interior para regatear o porteiro e marcar a porta baleira. Os minutos restantes serviron para os debuts do capitán Martín, lesionado desde a pretemporada, e do porteiro Manuel, e para a volta do tamén lesionado Christian. No último minuto o Amio maquillou o resultado cun gol logo dunha boa xogada do seu dianteiro Jairo.
Bi (goleador/asistente)
Con esta vitoria o Baio sitúase na parte alta da clasificación, deixando boas sensacións neste arranque de temporada na nova categoría, e sobre todo se os tres de arriba están tan atinados como o estiveron na tarde de onte. Igual foi a nova equipación, que estreaban onte co logo do 50 Aniversario do club. A vindeira semana toca desprazarse a Valga, para visitar o Cordeiro, un vello coñecido do equipo baiés.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo (Manuel 75'), José Cruz, Fredi, Mario, Yago, Eloy (Rubio 75'), Norber (A. Carballo 64'), Fachal, Bieito (Martín 78'), Martín MC (Christian 81'), Canay.

Goles: 1-0 Martín MC (23'), 2-0 Bieito (25'), 2-1 David (29'), 3-1 Martín MC (31'), 4-1 Canay (38'), 5-1 Bieito (55'), 6-1 Canay (71'), 6-2 Jairo (89').

[Podes ver a súa foto-crónica do partido se picas no nome de Santi Díaz]

XUVENIL: CAMARIÑAS F. C. 2 - C. D. BAIO 1

Ao igual que lle pasou ao equipo de afeccionados a semana pasada no Irmás Patiño, o CD Baio mostrouse moi superior ao Camariñas, pero coma aqueles veu de baleiro para terras baiesas. Infinidade de ocasións dos rapaces de Pastoriza, que a pesar de poñerse por diante con gol de Cristian Pazos, vían como nuns minutos de desconcerto os locais lle daban a volta ao marcador e quedaban coa vitoria.

Polo CD BAIO xogaron: Guille (Álex 82'), Fabián (Alfonso 78'), Michi, Pablo (Javi 78'), Silvariño, Jose, Anxo, Pazos (Pedro 51'), David, Estefan (Kevin 60'), Santi Díaz.

Goles: 0-1 Pazos (51'), 1-1 Aitor (69'), 2-1 José M (74').

INFANTIL: S. C. R. D. ESTEIRANA 8 - C. D. BAIO 3

Tardou en espertar o equipo baiés na súa viaxe a Esteiro e cando o fixo xa levaba unha boa renda en contra. A segunda parte serviu para ver a mellor cara dos rapaces de Julio, que colleitaron tres goles ante un rival que xa tiña a vitoria no peto.

Polo CD BAIO xogaron: Cedrón (David 61'), Ariel (Torrado 40'), Manuel Mª (Dani 48'), Víctor, Mohedano, Queiro (Ezequiel 40'), Miguel, Álvaro, Iago I, Pablo (Antía 55'), Iago II.

Goles: 1-0 Álex (2'), 2-0 Álex (5'), 3-0 Rodri (9'), 4-0 Roberto (26'), 5-0 Carlos (34'), 6-0 Manuel (37'), 7-0 Jaime (45'), 7-1 Mohedano (50'), 8-1 Sergio (65'), 8-2 Mohedano (69'), 8-3 Ezequiel (74').
   

1 comentario: