C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

11 abr 2017

QUE BONITO É O FÚTBOL (DA COSTA)


C.D. BAIO 3 – CORME C.F. 0

Once do Baio contra o Corme [Foto: Jorge Parri]
Espectacular. Non cabe outro calificativo para falar do ambiente vivido na tarde do domingo no Platas Reinoso. Dous equipos, dúas afeccións exemplares que dignifican aínda máis esta Liga da Costa, envexa de moitos, e que fan difícil de explicar para alleos o que se pode vivir nun campo costeiro aínda que se xogue nunha 2ª Autonómica. Máis de 1200 persoas ateigaron as bancadas e as varandas do campo, algo impensable mesmo en categorías superiores no fútbol afeccionado de hoxe en día, que lembran outras épocas. Os máis veteranos lembraban o cheo a rebordar do Balsiño nun tamén decisivo Baio-Soneira que supoñería o primeiro título para os locais, aló na -lonxana temporada 82-83. E que dicir do comportamento exemplar das afeccións, animando sen cesar aos seus, con camisolas, bandeiras, música... e mantendo a deportividade unha vez rematado o encontro, felicitando aos vencedores e animando as non gañadores, porque no partido do domingo non houbo perdedores. Cando consegues mobilizar a tal cantidade de xente é que algo estás facendo ben, e que no Platas Reinoso se congregase máis xente que a poboación de Baio ou de Corme di moito destes equipos. Evidentemente, tamén se deixou ver xente de todas as partes da Costa.
Pero vaiamos ao partido en si, que se presentaba como decisivo, aínda que non definitivo, para a sorte desta liga. Practicamente coas aliñacións de gala nos dous equipos, coas baixas de Porto nos locais e as molestias de Martín, condicións físicas que tamén impediron a saída de inicio de Jesús nos visitantes. Boa parte da primeira parte veu marcada pola ansia dos dous equipos en non perder o conseguido, é dicir, tratar de minimizar os erros que puidesen custar moi caros. E así tardaron en chegar as ocasións de perigo, pois a primeira que podemos considerar como tal foi un disparo desviado de Bieito, superado o cuarto de hora. A ocasión máis clara da primeira parte veu nunha contra rápida baiesa, pero Martín MC rematou alto ante a saída de Suso (min.24). Aínda que o Corme se presentou en varias ocasións na área rival, tan só podemos citar como clara un lanzamento de Alejo, que se lle foi alto (min.30). Tivo Moreno o gol nun típico lanzamento seu desde a frontal da área, pero Suso demostrou a súa calidade e fixo unha gran intervención (min.35). Foi o preludio do primeiro gol, que chegou nun balón en longo cara a Martín MC, que aguantou o balón na espera da chegada de compañeiros, e o compañeiro apareceu na persoa de Javi Suárez, que recibiu un balón filtrado entre os defensas e presentouse ante Suso baténdoo por baixo (min.40). Con vitoria mínima chegouse ao descanso, mentres os espectores facían cola na cantina para refrescarse da calor da tarde primaveral.
Como traballou a cantina!!! Con xente así é máis fácil
[Foto: Jorge Parri, ese crack]
Modificou o plantexamento Lente na reanudación, pasando Toniño a xogar en posicións avanzadas quedando o Corme coa súa habitual defensa de tres. E os ocos son un perigo para homes como os dianteiros do Baio. Martín MC fixo unha das súas habituais xogadas persoais e o seu lanzamento xa se cantaba como gol nas bancadas, pero Suso sacou unha man imposible e desviou a córner (min.49). Estaba sendo superior o Baio sobre o campo, e o Corme non lograba activar a Lucas e a Alejo, e só Toniño parecía levar a intranquilidade á defensa baiesa, pero unha falta desmedida acabou coa súa participación no encontro ao ver o segundo cartón amarelo (min.62). Se os cormeláns se sentían impotentes, cun home menos o empeño parecía xa cousa da inspiración momentánea das súas estrelas. Pero os locais non deron lugar ás dúbidas, e foron na busca da sentenza. E esta chegou nun centro sen perigo aparente de Isaac, pero o despexe de Pandi caeulle no segundo pau a Martín MC, que non tardou en controlar e lanzar ao pau contrario sen que Suso puidese facer nada (min.74). Un novo pase entre liñas de Martín MC para a internada de Moreno, acabou cun remate deste pero o porteiro cormelán saíu rápido e tapou o disparo (min.78). Con todo visto para sentenza os adestradores déronlles entrada aos suplentes, entre eles Santi Díaz que volvía aos campos tras varios meses lesionado. E nos minutos finais aínda quedou tempo para o gol máis bonito da tarde, que chegou dunha saída desde atrás de Yago, que filtra un bonito pase entre os rivais para a subida de Luis, que se desfai do lateral cun autopase para ceder na frontal a Martín MC, que tras desfacerse dos defensas cunha ruleta dispara colocado á base do poste, convertendo o 3-0 que había de ser definitivo.
Con este triunfo o Baio supera ao seu rival en cinco puntos cando quedan doce en xogo. Unha boa renda que terá que refrendar na súa visita a Corcubión dentro de quince días, ante un rival que tamén se está xogando moito.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

A repercusión mediática do choque fixo que moitos medios futboleiros lle dedicasen un apartado especial a este encontro. Aquí podedes acceder a algúns deles:

La Voz de Galicia. Carballo
Quepasanacosta. G.Parga
Diario Deportivo. David Castro
Piratas de Muxía. X. Búa
A Pipa de Corredoira

XUVENIL: C.D. BAIO 1 – C.F. PEDREIRAS 0

Na calorosa tarde do sábado vivimos un enorme partido de fútbol que foi preludio do visto o domingo. Moita xente nas bancadas e emoción a mans cheas nun enfrontamento copeiro que máis parecía de séniors que de xuvenís. E é que esta Copa da Costa Xuvenil está sacando o mellor dos rapaces de Fredi, que se cren importantes ante rivais que na Liga foron superiores. Con todo, comezaron o partido con temor á categoría dun rival que acababa de gañar a Liga da Costa, pero co paso dos minutos foron collendo o mando do xogo e igualando a contenda. Non hai que destacar moitas ocasións de gol ao longo do encontro, pero si chegadas a unha e outra área.
Na segunda parte, o Baio intensificou o seu dominio e o Pedreiras mesmo se botou atrás deixando só arriba o seu home-gol Brais. A lesión de Sergio descompuxo un pouco aos locais, que por un momento estiveron algo perdidos, pero axiña colleron o temón e no último cuarto de hora chegaron as mellores ocasións. A máis clara veu dun lanzamento de Estefan que intercepta un defensa e o balón quédalle a Luis, pero o seu lanzamento vaise ao pau. Respondeu o Pedreiras con outra gran ocasión, pero o cabezazo de Brais á escuadra é sacado por Julián nunha excepcional parada. E a continuación chegou o único gol do partido, obra de Estefan, que nunha internada na área dispara e o balón entra na portería tras rebotar nun defensa. Controlou moi ben a defensa baiesa os intentos berdilleses dos momentos finais e conseguiu rematar o partido cunha mínima vantaxe para viaxar a terras carballesas o vindeiro xoves.

Ficha do partido da FGF


No hay comentarios:

Publicar un comentario