C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

3 abr 2017

TRES GOLES, TRES PAUS, TRES PUNTOS


Martín MC, outra vez
decisivo cun hat-trick
Moi bo ambiente no San Paio de Refoxos para ver un dos clásicos do fútbol da Costa entre o UC Cee e o CD Baio, con máis de 200 espectadores nas bancadas, nunha tarde de sol e boa temperatura. Un partido no que o Baio dominou durante os noventa minutos, mostrándose superior ao seu rival, que agardaba nas contras meterlle medo aos baieses, pero poucas oportunidades tivo de facelo.
Nos primeiros minutos foise achegando o Baio con algún lanzamento lonxano que non entrañaba perigo, ata que chegou unha dobre oportunidade, primeiro nas botas de Martín MC que remataba a queimarroupa e conseguía rexeitar Paulo e o posterior remate de Bieito, moi forzado, foise alto (min.11). Nunha xogada de Javi Suárez pola banda remata cun centro que é interceptado pola man dun defensor e o colexiado indica o correspondente penalti. Encárgase de lanzalo Martín MC, pero o seu forte disparo bate no traveseiro e despexa a defensa (min.16). Un novo balón ao pau largueiro da portería ceense veu froito dun centro de Isaac que se envelenou e acabou petando no poste (min.31). Tivo unha gran ocasión o Cee nas botas de Martín, que lle gañou as espaldas á defensa pero o seu tiro sacouno Diego cos pés (min.37). Foi o prolegómeno do primeiro gol da tarde, que veu dunha xogada individual de Martín MC, que se desfixo de varios defensas na frontal da área e colocou con clase o balón pegado ao poste (min.40). Puido empatar o Cee na súa mellor ocasión, nas botas de Juan que se presentou ante Diego, pero o seu disparo saíulle algo mordido e non tivo dificultades o porteiro baiés para atallar o balón (min.42). Con vantaxe mínima para os visitantes chegouse ao descanso.
Máis abrumador foi o dominio dos baieses na segunda parte, e máis tras a expulsión de Nico aos dez minutos da reanudación ao ver o segundo cartón amarelo. Minutos despois chegaría a sentenza nunha nova xogada individual de Martín MC, que tras sortear varios defensores lanzou un forte disparo desde fóra da área que se coou na meta ceense (min.60). A partir de aquí pouco fútbol, pois o Cee baixou os brazos e o Baio limitouse a deixar pasar o tempo. Houbo un terceiro disparo ao traveseiro, neste caso nas botas de Rubio, despois dunha internada na área (min.72). E cando esmorecía o encontro, nunha falta na media lúa da área, Martín MC convertía un novo hat-trick, e poñía o definitivo 3-0 (min.88).
Vitoria importante nun campo sempre difícil, pois de feito é a primeira vez que os baieses se impoñen en campo ceense na Liga da Costa, que supón sumar tres puntos máis para continuar na boa xeira e manter a diferenza co Corme, que a vindeira semana visitará o Platas Reinoso, nun duelo que se presume decisivo para a sorte desta competición.


XUVENIL: C.D. BAIO 2 – OUTES F.C. 1

Partido dos oitavos de final da Copa da Costa Xuvenil, nunha eliminatoria a partido único, que supón a clasificación dos baieses para os cuartos de final. A pesar das imprecisións iniciais, o Baio foi superior no primeiro tempo, e nel chegou o gol de Estefan, despois dunha xogada persoal (min.13). E tivo ocasións para incrementar a súa vantaxe, pero con ese único gol chegouse ao descanso.
No segundo tempo veuse arriba o Outes que puxo en complicacións aos locais, que se viron pechados no seu campo. Pero tampouco dispuñan de grandes ocasións, e tan só en balóns parados poñían o medo no corpo, pero moi seguro Julián, facíase con todos os balóns. Arriscaron os outienses nos trocos, e aproveitouno o Baio para marcar o segundo por medio de Luis (min.66), que sentenciou o encontro. A partir de aí puido marcar algún gol máis á contra, pero non estiveron atinados os baieses. Xa no desconto, un erro defensivo provocou unha perda de balón que acabou nun penalti que transformou Simón, sen tempo para máis.
A vindeira semana recibirán os baieses no Platas Reinoso ao CF Pedreiras Xuvenil, actual campión da Liga da Costa, que tivo máis problemas dos previstos para desfacerse do Monte Louro nos oitavos.




No hay comentarios:

Publicar un comentario