C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

24 abr 2017

AVANTE TODA

UD CORCUBIÓN 1 - CD BAIO 5

Tarde de sol e calor a deste domingo no que se disputou unha nova xornada da Liga da Costa na que o CD Baio visitaba o Novo Cubaleiro para enfrontarse ao locatario UD Corcubión. Cerca de 200 espectadores, na súa maioría baieses, para ver un encontro, que amosou unha clara superioridade visitante que, non obstante, só se viu reflectida no marcador na segunda parte.
A pesar do que poden dicir o marcador as oportunidades baiesas foron maioritarias na primeira parte, na que a obsesión por marcar quizais impediu que chegase o gol visitante. Xa no min.2 puido inaugurar Yago o marcador, pero o seu lanzamento é sacado polo porteiro Beto cos pés. Puido marcar tamén o Corcubión dous minutos despois nun lanzamento de Toja, que tras rebotar en Norberto acabaría envelenándose e sae fóra rozando o pau. Isaac tivo a súa oportunidade no min.7, pero tras internarse na área e quedar fronte ao porteiro preferiu ceder para Martín MC, pero o lanzamento deste peta nun defensa. Catro minutos despois foi Bieito o que envía alto un novo pase da morte desde a banda dereita. E no min.12 chegou o gol local nun desaxuste defensivo que lle permitiu a Roi presentarse só ante Diego e batelo por baixo. Dous minutos despois puido empatar Martín cun remate de volea que saca Beto a córner, e no seguinte minuto Martín MC preséntase no man a man ante o porteiro pero este consegue sacala a córner. No min.26 Martín gaña cal pivote de fútbol sala un balón na área pero o seu remate á reviravolta é sacado por un defensa cando se coaba; e será o propio Martín o que remate alto un pase atrás desde a frontal da área (min.35). Só un minuto despois Javi Suárez intérnase na área e preséntase ante Beto pero o seu lanzamento vaise desviado. E para rematar esta selección das oportunidades máis claras temos que falar dunha vaselina de Bieito que sae fóra tras superar a saída do meta local (min.39). Chegábase ao descanso co marcador favorable aos locais, a pesar das múltiples ocasións de gol que tivo o Baio.
Seguiu pola mesma tónica o partido no inicio do segundo tempo, e xa aos tres minutos un remate de cabeza de Martín no segundo pau é sacado por Beto da escuadra. Pero no min.51 chegou o gol do empate baiés, grazas a un lanzamento escorado de Martín MC que se coou no pau longo. Tan só dous minutos despois chegou o gol da remonta, que veu dunha xogada de Isaac, que se presenta ante Beto, pero o seu lanzamento é rexeitado polo meta, pero o balón cáelle a Martin MC, que tan só ten que empurrala. Puido redondear o hat-trick o pichichi baiés en dúas oportunidades máis, primeiro cunha vaselina que se lle vai alta por pouco (min.58), e logo nun lanzamento tras recorte que é sacado pola defensa no último momento (min.61). Afrouxou un pouco o ritmo o equipo baiés e permitiu algunha chegada do equipo local, como un tiro de Tito que levaba boa dirección e colocación, pero Diego conseguiu desviar a córner nunha boa intervención (min.66). Pero foi un espellismo, pois no min.70 Martín obtivo o premio á súa insistencia e marcou o seu gol, cun lanzamento desde a frontal. Baixou definitivamente os brazos o Corcubión e o Baio limitouse a controlar o partido e a facer os trocos. Con todo, habería máis ocasións, e nunha delas Javi Suárez vaise en velocidade da defensa e tras driblar ao porteiro marca o cuarto gol baiés (min.83). E Santi Díaz, tras enviar fóra nunha primeira oportunidade, non erraría á segunda ao roubarlle a carteira porteiro e defensa local, e bater de forte disparo a meta corcubionesa (min.89).
Con esta vitoria continúa a boa xeira do equipo baiés, que lle permite, despois dos resultados desta xornada, quedar a unha vitoria do título ligueiro. A primeira oportunidade o vindeiro domingo no Platas Reinoso fronte ao Porteño.


No hay comentarios:

Publicar un comentario