C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

21 nov 2013

1-2 (x3) + 4-0 = MALA XORNADA

C. D. BAIO 1 - C. D. UNIÓN 2

Na tarde do domingo visitaba o Platas Reinoso o CD Unión da vila de Asados (Rianxo), como xa fixera noutras cinco ocasións. E coma sempre poñendo as cousas difíciles aos baieses, que viron como o Unión igualaba un pouco a estatística que era favorable ao Baio. O que si se cumpriu foi o da vitoria pola mínima, e quizais os baieses botasen de menos ao seu capitán Martín, que marcara en tres dos últimos enfrontamentos entre estes dous equipos.
Pasando ao acontecido o domingo, ante unha boa entrada a pesar da tarde chuviñenta, temos que salientar a igualdade amosada entre os dous conxuntos durante case todo o partido. Comezou o Baio intentando dominar o xogo e chegar á meta rival, que conseguiu con lanzamentos desviados de Christian e Martín MC, pero as contras perigosas dos rianxeiros igualaron a contenda. O Baio veuse un pouco atrás logo de comprobar a velocidade e perigosidade do dianteiro Cristian, ex do Estradense entre outros equipos. Con todo, pódese dicir que o primeiro tempo foi máis ben insulso sen moitas xogadas destacadas e o empate sen goles co que se chegou ao descanso do máis xusto.
Principiou a segunda parte co Baio intentando de novo chegar con máis perigo á meta rival, e por momentos parecía que tiña o control total do partido, pero un despexe do meta Anxo cáelle franco a Breogán na liña de tres cuartos e bate a meta baiesa. Non reaccionou o Baio, afectado polo golpe, e aínda que ía arriba non tiña as cousas claras. Aproveitouse disto o Unión, que nunha rápida contra levada por Álex presentouse na área local e só tivo que cederlle o balón a Cristian para que batese a Anxo e case sentenciase o partido. Nos últimos vinte minutos si reaccionaron os baieses, que se foron arriba con todo, e embotellaron o Unión na súa área. Un lanzamento de Bieito alto foi o preludio ao gol de Canay, que aproveitou un balón solto na área logo do lanzamento dunha falta lateral. Puido empatar Fredi cun remate de cabeza que saíu lambendo o pau logo dun córner botado por Alberto, pero nesta ocasión a sorte non estivo cos baieses e produciuse a primeira derrota en campo propio da temporada.
Con esta derrota o Baio descende ata a oitava praza, pero mantense a igualdade nos postos altos e parece que se abre unha fenda na clasificación en dúas metades (ou tres se contamos coa do Noia). A vindeira semana visita ao campo da Salina, o Xosé Luís Vara esteirán, para enfrontármonos ao actual campión da liga da Costa.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, Jose, Chema (Fachal 58'), Mario, Eloy (Canay 66'), Yago (Fredi 79'), Norber, Bieito, Christian, Alberto, Martín MC.  

Goles: 0-1 Breogán (57'), 0-2 Cristian (64'), 1-2 Canay (87').

XUVENÍS: C. D. BAIO 1 - PONTECESO S. D. 2

Segundo partido disputado no Platas Reinoso que remata co marcador 1-2. Neste caso o Baio xuvenil  enfrontábase ao Ponteceso coa esperanza de achegarse aos postos altos da clasificación, pero non puido ser. Un moi malo primeiro tempo supuxo unha gran vantaxe para os rapaces do novo míster pontecesán Rubén, e aínda que os xogadores de Pastoriza reaccionaron no segundo tempo só puideron recortar distancias grazas a un lanzamento de falta de Anxo, que batía a Dani por alto. Dispuxeron de varias oportunidades de gol máis, pero non foron aproveitadas e os puntos voaron do Platas Reinoso.

Polo CD BAIO xogaron: Guille (Álex 81'), Fabián, Michi, Pablo, Silvariño (Alfonso 81'), Kevin, Anxo, Pazos (Estefan 66'), Pedro (Jose 45'), David (Javi 75'), Santi Díaz. 

Goles: 0-1 Christian (20'), 0-2 Lorenzo (35'), 1-2 Anxo (81').

CADETES: C. D. BAIO 1 - MUXÍA C. F. 2

Terceiro partido do Baio no Platas Reinoso e terceiro marcador 1-2. Neste caso foron os cadetes os que non conseguiron vencer ao Muxía, a pesar de adiantarse no marcador. A igualada muxiá ao pouco de comezar o segundo tempo e a expulsión de Oreiro (50') foron impedimentos para que os rapaces de Fredi non conseguisen puntuar.

Polo CD BAIO xogaron: Julián, Javi Muíño, Queiro (Éver 79'), Sergio, Damián, Oreiro, Alberto (Fran 49'), Ayoub (Eloy 78'), David, Santi (Figueiras 54'), Anxo.

Goles: 1-0  Oreiro (22'), 1-1 Anderson (41'), 1-2 Jose (71').

INFANTÍS: S. D. FISTERRA 4 - C. D. BAIO 0

Para completar a mala xornada das categorías baiesas o domingo o equipo infantil perdía en Fisterra por un claro 4-0, aínda que pode resultar enganoso, pois o primeiro gol local non chegou ata o minuto cinco do segundo período, e o partido estivo aberto ata o final, e foi nos últimos minutos cando os fisterráns conseguiron ampliar o marcador.

Polo CD BAIO xogaron: Cedrón (David 61'), Manuel Mª, Víctor, Mohedano, Eloy (Ariel 40'), Iago I, Queiro, Miguel, Álvaro (Ordóñez 54'), Iago II, Pablo (Antía 59'). 

Goles: 1-0 Brais (45'), 2-0 Ayoze (66'), 3-0 Ayoze (75'), 4-0 Diego (78').

No hay comentarios:

Publicar un comentario