C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

29 jun 2012

RESUMO DA TEMPORADA: XUVENIL

TOCANDO O CEO

CLUB DEPORTIVO BAIO XUVENIL 2011-2012
(Foto: Santi Díaz)
 Magnífica a temporada do equipo XUVENIL do CD BAIO, que foi de menos a máis e acabou como campión da 2ª fase da Liga da Costa e puido xogar a fase de ascenso á Liga Galega, onde a sorte non acompañou. Ao igual que o ano pasado, a preparación física dos rapaces de Nacho deixouse notar nos últimos meses da competición, e se a temporada anterior fixeron unha gran Copa da Costa, nesta coa novidade da Segunda Fase que calibra os mellores clubs dos dous grupos costeiros, deu a posibilidade de comprobar como o equipo xuvenil estaba moi ben traballado e enfocado a este final de campaña, que era o importante e decisivo.
Contaba Nacho cun plantel amplo de 20 xogadores, que tiveron o hándicap (e a sorte) de teren moitos deles que xogar co primeiro equipo pola súa falta de efectivos. Por este mesmo motivo tampouco puido tirar o seu adestrador do equipo cadete ata o final da temporada. Conseguiu Nacho facer que este equipo fose recoñecido por todos os rivais como o que mellor fútbol desenvolvía, pois esta foi a súa bandeira: é máis fácil gañar xogando ben, e o fútbol combinativo, de toque, co xogo por bandas, foise impoñendo a outros equipos máis físicos e defensores do fútbol directo.
A primeira fase da liga acabou co Baio na cuarta posición do seu grupo, o que lle daba praza para disputar a segunda fase. As 11 vitorias e 5 empates déronlle os 38 puntos finais; con 56 goles a favor e 28 en contra. Foi demasiado irregular no seu xogo, con grandes resultados e con perdas de puntos ante rivais de moita menor entidade. Con todo, conseguiu o seu obxectivo de meterse entre os catro primeiros; o Malpica, que destacou nesta fase mostrándose completamente intratable, o Dumbría B e o Camariñas acompañárono.
Pero na segunda fase xa se viu un equipo distinto, un equipo que aspiraba ao máximo, competindo de ti a ti ante calquera rival. A pesar dalgún resultado adverso na primeira volta (derrota en Dumbría e Malpica, empate na casa co Cee), a igualdade entre estes catro equipos fixo que cresen sempre nas súas posibilidades. Cunha fantástica segunda volta, só empañada pola estraña derrota en Corcubión, foi aumentando as súas posibilidades: un clara vitoria ante o Dumbría B, un "baño" ao Malpica e a vitoria na xornada final en Cee, déronlle o título a este equipo. 10 vitorias, 1 empate e 3 derrotas valeron para os 31 puntos, con 41 goles a favor e 18 en contra.
O premio de disputar a fase de ascenso á Liga Galega viuse empañado pronto ao caer eliminados na primeira rolda, fronte ao San Marcos compostelán, logo dun mal partido na ida (5-0), condicionado polo campo de area ao que non estaban afeitos os baieses. A vitoria mínima (2-1) na volta deixou un bo sabor de boca a esta fenomenal campaña do equipo xuvenil.
O equipo celebrando a súa gran temporada.
(Foto: Rebeca Facal)
Analizamos agora brevemente cada xogador:

· Guillermo Domínguez: Porteiro. Xogou 1807 minutos no seu debut como xuvenil. Grandes reflexos, tivo actuacións espectaculares. Debutou cos maiores.
· Álvaro Villar 'Pollo': Porteiro. Xogou 1319 minutos. Combinou a súa presenza aquí co equipo maior. Demostrou a súa seguridade e sangue frío.
· Sergio Lema: Porteiro. Xogou 67 minutos. A pesar da gran competencia que tiña, sempre estivo disposto a axudar ao equipo demostrando gran compañerismo.
· Maikel Gavín: Defensa. Xogou 2011 minutos. 6 goles. Cando está é un auténtico portento físico, perigoso en ataque.
· Manuel Santos 'Pardo': Defensa. Xogou 1685 minutos. 3 goles. Dispuxo de menos minutos por culpa dos seus estudos, pero nos momentos importantes mostrou a súa forza e contundencia.
· Pablo Romero: Defensa. Xogou 1979 minutos. 2 goles. Un fixo, tanto de central como de lateral, demostrou seguiridade. Tamén dispuxo de bastantes minutos cos maiores.
· Yago Couto: Defensa. Xogou 2125 minutos. 2 goles. A "fichaxe" desta temporada acabou por converterse en fixo no equipo xuvenil e nos grandes. Intelixencia e clase son as súas bazas.
· Edgar Veres "Vereda": Defensa. Xogou 669 minutos. 2 goles. De menos a máis, tivo un gran final de temporada polo seu estado físico, tanto na defensa coma de interior.
· Marcos García 'Penelo': Defensa. Xogou 287 minutos. Dispuxo de poucos minutos, pero sempre comprometido co equipo, sempre incansable no esforzo.
· Eloy Veres: Defensa. Xogou 141 minutos. No seu primeiro ano como xuvenil xogou pouco debido á gran competencia no seu posto.
· José M. Vázquez 'Cachopo': Defensa. Xogou 1848 minutos. 8 goles. Desde o lateral ou do interior foi un puñal pola banda, sempre perigoso na área rival, foi o 4º na lista de goleadores do club.
· Rodrigo Fachal: Medio. Xogou 2827 minutos. 3 goles. Deu o salto de calidade que se espaba del e converteuse no auténtico líder do equipo, organizando e traballando sen descanso. Dispuxo de moitos minutos co primeiro equipo.
· Rafa Pérez: Medio. Xogou 2398 minutos. 3 goles. Foi o complemento de Fachal e foi importante para o xogo de toque dese medio do campo.
· David Fariña: Medio. Xogou 2312 minutos. 2 goles. Tanto no medio centro, como na defensa, David desenvolveu unha gran campaña no seu debut como xuvenil.
· Iván García 'Rubio': Medio. Xogou 2725 minutos. 20 goles. O goleador do equipo a pesar de xogar no medio ou no interior. Sempre decisivo, cando el estaba ben o equipo daba un salto de calidade. Xogou tamén moito co primeiro equipo.
· Lucas Espasandín: Medio. Xogou 2528 minutos. 7 goles. No seu primeiro ano como xuvenil Lucas fíxose dono do interior dereito, sempre chegando con perigo á área. Debutou cos maiores.
· Bieito Pose: Medio. Xogou 2977 minutos. 14 goles. Imprescindible para Nacho, xogou todos os partidos nesa mediapunta, ou falso dianteiro, na que demostrou a súa gran clase e visión de xogo.
· Alberto Silvariño: Medio. Xogou 662 minutos. 1 gol. Xogou case sempre de interior ou extremo, demostrando a súa velocidade.
· Valentín Fuentes: Dianteiro. Xogou 1260 minutos. 5 goles. Era a temporada da súa confirmación pero as lesións xogáronlle unha mala pasada. Non puido apenas xogar a segunda fase.
· Martín Paredes: Dianteiro. Xogou 1707 minutos. 12 goles. Moi irregular por motivos de traballo e estudos, que non lle deixaron adestrar e render como nel é habitual. Aínda así cumpriu de sobra.
· Christian Ordóñez: Dianteiro. Xogou 809 minutos. 6 goles. A estrela dos cadetes tivo que incorporarse ao final da segunda fase, e demostrou todo o fútbol que leva dentro.
· Os cadetes Santi Diaz e Anxo Rodríguez tamén dispuxeron de minutos (109 e 13) no tramo final do campionato.
· Adestrador: Nacho Barreiro. O pai deste equipo demostrou as súas capacidades facendo deste grupo de xogadores un auténtico equipo, un equipo campión, a pesar de non ser fácil ser profeta na súa terra.
· Delegado: Iván López 'Vilas'.  Siiiiiiiii!!!!

O trofeo concedido pola Xunta Directiva ao mellor xogador, baixo o consello e opinión do seu adestrador, foi para:
Fachal recibe o trofeo do vicepresidente 'Chino'
(Foto: Rebeca Facal)
RODRIGO FACHAL RIAL  

No hay comentarios:

Publicar un comentario