C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

4 dic 2012

DO XUVENIL AO PRE-BENXAMÍN

XUVENIL: PONTECESO S. D. 4 - C. D. BAIO 1
 
No serán do sábado enfrontábanse no Pinguel dous dos equipos con maior calidade desta liga xuvenil, pero non sabemos se pola falta de luz ou polo tempo frío, non houbo moito espectáculo no campo de xogo. Si houbo goles, un total de cinco, máis por erros defensivos que por méritos atacantes, e un marcador concluínte, quizais un pouco excesivo en vista do acontecido sobre o tapete pontecesán.
Empezaron moi ben os baieses, tapando moi ben as liñas de pase dos medios pontecesáns e controlando as súas figuras, entre elas o ex-xogador baiés Bieito. Controlado o equipo local, o Baio buscaba axiña aos seus puntas Santi e Christian, que puxeron en moitos apuros á defensa local. Nunha delas, un forte disparo de Santi é rexeitado polo porteiro, e Christian adiántase á defensa para poñer o 0-1 no marcador. Na primeira media hora do xogo o dominio do partido era total por parte baiesa, e o segundo gol parecía que podía caer en calquera momento. Pero chegou a xogada que cambiou o partido. Un saque de banda discutido entre os equipos, que o árbitro concede ao Ponteceso é aproveitado por estes para sacar rápido, un malentendido entre os defensas baieses deixa só a Brais, que se presenta ante Guillermo para batelo por baixo. Este gol deulle alas aos locais e afundiu aos visitantes, como se todo o feito ata o momento non valese para nada. Numerosas imprecisións e erros na defensa, provocaron que o Ponteceso, de novo por medio de Brais, anotase outros dous goles máis antes de chegar ao descanso.
Arrincou a segunda parte, na que parecía que os baieses saían dispostos a cambiar o rumbo do partido, pois estaban chegando de novo con perigo á meta local. Pero a rigurosa expulsión de Fachal por dobre cartón ao cuarto de hora acabou por sentenciar o partido. Pouco xogo neste período, e só un novo gol dos pontecesáns puxo o punto e final a este partido, no que os locais practicamente aseguran o primeiro posto deste grupo, mentres que os baieses caen á cuarta praza, fóra dos postos que dan dereito a seguir loitando pola liga. O próximo xoves xogarán o partido que marcará o futuro dos baieses na competición fronte ao Cabana no Platas Reinoso.
 
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo (Pollo 88'), Xoel, Kevin (Carlos 50'), David (Hío 70'), Pablo, Fachal, Anxo, Lucas, Cachopo (Marcos 74'), Christian, Santi Díaz.
 
CADETES: C. D. BAIO 3 - C. F. PORTEÑO 2
 
Na mañá do sábado visitaba o Platas Reinoso o Porteño para enfrontarse ao equipo local na súa categoría cadete. Partido moi disputado e emocionante, que se resolveu favorablemente para o equipo local nos minutos finais. Chegouse ao descanso co gol que David conseguiu para o Porteño a dous minutos para rematar a primeira parte, pero enseguida reaccionaron os baieses, pois nada máis volver dos vestiarios empataba Fran cun lanzamento desde fóra da área. Poñeríase por diante o equipo local no minuto 60 grazas a un penalti convertido por Pedro, que lle dedicou o gol a súa irmá que cumpría anos. Pero volverían empatar os da Ponte oito minutos despois de novo por medio do seu dianteiro David. Aos 76 minutos o árbitro decreta un novo penalti a favor dos locais, e expulsa por protestas ao xogador porteño Miguel. Encargaríase de transformar a pena máxima Javi Muíño, para poñer o 3-2 que sería definitivo. Aínda tería tempo Javi Muíño de que o colexiado lle ensinase o cartón vermello directo, máis por compensación da expulsión anterior que pola dureza da falta do "Pepe" baiés.
Con esta vitoria os cadetes aséntanse na zona media da táboa clasificatoria, e o próximo sábado visitarán á Esteirana, un conxunto que conta os seus partidos por triunfos e que se presenta como o máximo favorito para gañar este campionato.
 
Polo CD BAIO xogaron: Álex, Andrea, Miguel, Javi Muíño, Alfonso (Alejandra 56'), Fran, Samuel (Santi 46'), Pedro (Alberto 72'), José Figueiras, José Antonio, Estefan.
 
INFANTÍS: C. D. BAIO 6 - CORME C. F. 0
 

Equipo infantil do Baio [Foto: Santi Soneira]
Cómoda vitoria dos rapaces de Pastoriza ante un Corme que presentaba un equipo moi novo, formado por numerosos alevíns, e non tiveron problemas os baieses en sumar tres novos puntos que os elevan ata a cuarta praza da táboa clasificatoria. Tres goles en cada tempo ata sumar a media ducia foron os que marcaron os locais, destacando que o seu pichichi Anxo quedara sen marcar. Foron os autores dos goles Carlos (2), Éver (2), Sergio e Pablo Queiro. O debut deste alevín foi unha das notas máis destacadas, pois tivo unha brillante actuación, coronándoa cun bonito gol.
 
Equipo infantil do Corme [Foto: Santi Soneira]
BENXAMÍN: C. D. BAIO 2 - CONCELLO DE LAXE 6
 
Comezou a competición de fútbol-sala e debutaban os benxamíns ante o Concello de Laxe, que visitaba na mañá do sábado o Pavillón baiés, que presentaba unha formidable entrada. Non tiveron moito que facer os locais ante un rival que presentaba un equipo con xogadores de último ano, mentres que nas filas dos locais había incluso varios pre-benxamíns. Con todo, disputaron un bo encontro os locais, tratando sempre de xogar ao fútbol, con boas combinacións, para chegar a campo atacante. Foron os autores dos goles Jota e Bruno.
Polo CD BAIO xogaron: Miguel, Marcos, Martín, Damián Castro, Jota; Damián, Pablo, Bruno, Sergio, Daniela, Guille.
 
PRE-BENXAMÍN: C. D. BAIO 2 - CONCELLO DE LAXE 8
 
Tamén xogaron os pre-benxamíns contra o equipo laxenxe e nova vitoria dos visitantes, que outravolta hai que xustificar na diferenza de idade, pois case todos os xogadores locais eran de primeiro ano e víronse superados en todo momento pola maior corpulencia visitante. Destacou nos visitantes Guzmán, de raíces baiesas, que anotou catro goles en menos de dez minutos, sendo sentado polo seu adestrador pois podía provocar unha desfeita na defensa local. Os baieses reaccionaron na segunda parte cando Hugo Pastoriza anotou dous goles practicamente consecutivos, pero os visitantes non se deixaron sorprender e pechouse o marcador co 2-8 final.
Polo CD BAIO xogaron: Yago Pazos, David, Adrián, Brais, Hugo Pastoriza; María, Yago Regueira, Yoel, Inés, Fabián, Hugo Pereira.
 

Agora a magnífica reportaxe fotográfica de Santi Soneira do partido de categoría infantil que enfrontou a CD BAIO e CORME CF: 











 




 




















 











No hay comentarios:

Publicar un comentario