C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

17 dic 2012

HEROICA VITORIA NO "BARRAL"

S. D. SOFÁN 2 - C. D. BAIO 3

Desprazábase este domingo o CD BAIO a Sofán para disputar o partido máis destacado desta xornada da Liga da Costa, e atopouse como era de esperar cun terreo de xogo en lamentables condicións, que non permitíu en ningún momento ver bo fútbol, senón unha especie de pelexa no barro. Hoxe máis que nunca, máis que o Carral era o Barral. Con todo, os xogadores do Baio mostráronse en todo momento moi superiores ao seu rival, e impuxéronse con máis apuros do que mereceron en vista do que ofreceu un e outro.
A Yago tanto lle ten a alfombra do Platas Reinoso
como a pataqueira de Sofán [Foto: Santi Soneira]
Comezou o partido cun cambio de esquema no plantexamento de Félix, pois dispuña unha alineación con tres centrais, en vista de que o xogo aéreo ía ser unha constante durante o encontro. Aínda así o Baio foi dono e señor neste primeiro período, e xa ben cedo se adiantou por medio de Martín, que aproveitou un pase da morte de Martín MC desde a banda dereita, logo de irse de dous defensores. Tivo Martín MC dúas claras ocasións neste primeiro tempo para ampliar a vantaxe, pero respondeu con dúas magníficas paradas Bugy para manter vivo ao Sofán. As ocasións locais chegaban só en xogadas a balón parado, con balóns colgados á área, que despexaban unha e outra vez os defensas baieses, ou un seguro Anxo baixo paus. Cando parecía que se ía chegar ao descanso co marcador favorable aos baieses, empataba o Sofán nunha polémica xogada, pois o colexiado sinala unha máis que discutible falta a favor dos locais na frontal da área. A falta botada por Marcos pega en Ramón e introduce o balón na súa propia portería.
Eloy Vilas estivo en Sofán como "peixe na auga"
[Foto: Santi Díaz, do Baio-Montelouro]
Comezou a segunda parte co Baio disposto a ir polo partido, e froito disto chegaron as primeiras ocasións, a máis clara delas do capitán Martín. Pero tería que ser o pichichi Martín MC o que puxese de novo por diante aos baieses, logo dunha magnífica xogada de Eloy Vilas que abriu á banda para que Martín MC, índose dos seus rivais e tamén do barro, fusilase de tiro cruzado a Bugy. O Sofán seguiu sen crear demasiado perigo ante a porta de Anxo, pero noutra xogada desafortunada da defensa baiesa, chegaba o empate. Un mal despexe de Ramón, deixoulle a pelota franca a Abel, que de volea batía por debaixo do corpo ao gardameta visitante. Non se conformaron os baieses co empate en vista da súa superioridade, e foron polo terceiro. Fenomenal partido no centro do campo de Yago e Eloy Vilas, que desarbolaron por completo todas as acomentidas rivais. O Sofán, que se atopou con dous goles a favor sen contar, lambíase co empate. Unha falta de Martín MC que sacou pegada ao poste Bugy, ou un lanzamento de Ramón nun rexeite dun córner que saíu lambendo a escuadra, foron o preludio do terceiro e definitivo tanto. Un córner botado por Martín MC é rexeitado pola defensa, o balón volve ao propio Martín MC que se interna na área e cede para o xuvenil Christian, que dende a frontal lanza un obús que se crava na escuadra da meta sofanista. Foise con todo o Sofán nos máis de cinco minutos que engadíu o colexiado pero sen crear situacións de perigo. Ao final, xusta e merecida vitoria do CD BAIO ante un rival directo que os mantén na terceira posición da táboa cando falta unha xornada para rematar a primeira volta. O próximo sábado, no Platas Reinoso, rende visita o Corme, un dos conxuntos con máis calidade desta Liga da Costa.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Chema (Norberto 71'), Mario, Ramón, Pablo (Eloy Lema 70'), Yago, Martín (Christian 56'), Rubio (Jorge 84'), Eloy Vilas, Martín MC.

Goles: 0-1 Martín (11'), 1-1 Ramón (pp, 44'), 1-2 Martín MC (58'), 2-2 Abel (75'), 2-3 Christian (89').

Podedes ver a crónica deste partido desde outro punto de vista no blog da SD SOFÁN.

XUVENIL: CAMARIÑAS F. C. 2 - C. D. BAIO 5

Na ventosa e fría tarde do sábado desprazábanse os xuvenís a terras camariñás para enfrontarse aos Leóns de Camariñas, nun partido que deixou un bo resultado e mantén vivas as mínimas esperanzas de clasificarse para a segunda fase da liga. Un partido que serviu ademais para a resurrección goleadora de Christian, que desde o banco volveu anotar un hat-trick, acompañado sempre do cadete Santi Díaz, que sumou dous máis á súa conta goleadora. Partido con pouca historia, pero que non se resolveu ata a segunda parte. Ao descanso empate a uns, pero coa entrada de Christian e Fachal no segundo período os baieses foron netamente superiores e anotaron cinco goles que ben puideron ser máis.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos (Christian 45'), Xoel, David, Pablo, Kevin (Fachal 54'), Cachopo, Anxo, Carlos, Lucas, Santi Díaz.

CADETE: C. D. BAIO 0 - SP. ZAS 2

Partido disputado o sábado pola mañá que xa comezaba con incidencias ao non presentarse o árbitro encargado de dirixilo. Houbo que esperar unha hora para que fixese acto de presenza un novo colexiado procendente da Coruña. Mal partido o disputado polos cadetes baieses, que se viron superados en todo momento polos seus rivais. Nun dos peores encontros da temporada, tan só nos primeiros vinte minutos do encontro tiveron ocasión os locais de anotar un gol, sobre todo nunha volea a queimarroupa de Javi Lema, que se lle foi arriba. Tivo moitas máis ocasións o Zas neste período, e só a sorte impediu que materializasen algún gol, polo que se chegou ao descanso co empate inicial. Na segunda parte non melloraron as cousas, todo o contrario, aínda empeoraron pois os baises non eran capaces de achegarse á meta rival, e o Zas sempre que o facía levaba perigo. Dous goles de cabeza de Daniel e Andrés puxeron o cero-dous no marcador, facendo xustiza ao visto no Platas Reinoso.

Polo CD BAIO xogaron: Alberto, Cristian, Miguel, Javi Muíño, Andrea (Alfonso 67'), Fran, José Antonio (José Figueiras 54'), Pedro (Álex 47'), Estefan, Javi Lema (Samuel 58'), Santi (Alejandra 64').

Aquí tedes a galería de fotos deste partido cortesía de Santi Díaz:




























ALEVÍNS: CONCELLO CORISTANCO 9 - C. D. BAIO 2
                                                                            [Martín, Miguel]

BENXAMÍNS: CONCELLO CORISTANCO 7- C. D. BAIO 3
                                                                               [Marcos, Jota, Pablo]

PRE-BENXAMÍNS: CONCELLO CORISTANCO 6 - C. D. BAIO 4
                                                                         [David (2), Fabián, Hugo Pastoriza]

Proximamente a galería de fotos destes encontros de fútbol sala, cortesía de Santi Díaz. Lembra que na noticia "Alevíns-Benxamíns-Prebenxamíns" tes as fotos dos partidos da semana pasada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario