C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

23 dic 2012

FANTÁSTICA PRIMEIRA VOLTA

C. D. BAIO 2 - CORME C. F. 0

Adiantábase á tarde do sábado o partido que enfrontaba ao CD Baio co Corme CF, encontro que servía para pechar a primeira volta da competición. Moito público nas bancadas do Platas Reinoso a pesar de ser un día pouco habitual para os afeccionados baieses, pero o encontro levantou grande expectación pola boa traxectoria dos locais, e pola importancia do rival, un dos favoritos ao principio da competición para gañar a liga. Chegaban ao encontro os locais coas baixas do porteiro Manuel e do defensa Chema, mentres que por parte visitante non puideron xogar este partido Martinciño, Adrián Doldán e Juan Chans, o seu máximo goleador esta temporada ante a baixa prolongada de Alejo.
O esquema do míster baiés Félix presentaba a novidade de Yago no centro da defensa desde o inicio, e non na súa habitual posición de medio centro, lugar que ocupou Norberto. Os primeiros minutos do choque foron un pouco de tanteo, como respectándose os dous rivais, pero axiña tomou o mando das operacións o Baio da man do capitán Martín e foron chegando as primeiras ocasións. A primeira máis clara ven a través dunha internada por banda dereita do lateral José Antonio, que centrou á área e alí Martín MC remataba cunha fermosa chilena, que entre Suso e o poste evitaban que subise o primeiro ao marcador. Non perdoou Martín MC na segunda que tivo, ocasión que naceu nunha recuperación de balón súa en liña de medios, avanzou e dende a frontal da área lanza un potente disparo que se crava pola escuadra dun atónito Suso. Este gol noqueou aos cormeláns, e estiveron completamente perdidos no que restou de primeiro tempo. Sucedéronse as ocasións para os locais, que vén puideron sentenciar neste período. As máis claras ocasións estiveron nas botas de Martín e de Rubio. Na primeira delas, un balón rexeitado á frontal da área e controlado por Martín co peito que disparou segundo lle caía e foi petar ao pau da meta de Suso; na segunda nace dunha combinación na beira da área cormelá entre Martín MC, Martín e Rubio, e este só ante Suso envía alto. Moi bo primeiro tempo dos baieses que ben puideron ir aos vestiarios con dous ou tres goles de diferenza.
Cambiou a decoración na segunda metade. De primeiras Norberto tiña de deixar o seu sitio no campo a Ramón por unha brecha que tiña no seu párpado, vítima dun cobadazo, o que supuxo que Yago recuperase a súa posición habitual. Veuse neste período o Corme arriba buscando o empate, e os baieses foron cada vez repregándose máis, e saíndo moi pouco cara a arriba. O dominio intenso do Corme, non obstante, non se traducía en oportunidades, pois os defensas baieses estiveron sempre moi seguros. Foi neste momento cando botaron de menos os visitantes as baixas dos seus homes de ataque. A entrada do xuvenil Christian revitalizou o ataque baiés, pero tampouco se chegaban a crear ocasións claras de perigo ante Suso. O partido entrou nunha fase de xogo anodino, de excesivo centrocampismo, e as poucas chegadas á área eran a través de xogadas a balón parado. Tan só a emoción no marcador lle deu a esta segunda parte algo de interese. Nos minutos finais foron os cormeláns con todo arriba, pero iso o único que provocou foi que o Baio lanzase rápidas contras. Nunha delas, un lanzamento de Christian ía fóra lambendo o pau, pero minutos despois o propio Christian aproveitaba un pase de Jorge, para irse do seu defensor e bater por baixo a Suso e sentenciar o partido.
Con esta importante vitoria, súmanse 38 puntos ao final desta primeira volta, o que supón ocupar a segunda posición da táboa (á espera de que se xogue o suspendido Cee-Castriz), a catro puntos do líder Esteirana. Moi boa traxectoria a dos baieses, que supera todas as expectativas de principios de temporada, pero a liga é moi longa e hai que ir pasiño a pasiño.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Yago, Pablo, Norberto (Ramón 45'), Martín, Eloy Vilas (Eloy Lema 85'), Rubio (Christian 61'), Alberto (Jorge 78'), Martín MC.

Goles: 1-0 Martín MC (27'), 2-0 Christian (89').

XUVENIL: C. D. BAIO 0 - S. C. D. MALPICA 2

A continuación do encontro dos maiores disputouse o partido de categoría xuvenil entre o CD BAIO e SCD MALPICA, no que aínda había en xogo unha remota posibilidade de clasificarse para a segunda fase da liga por parte dos baieses, en beneficio do propio Malpica. Presentábase o Baio coas importantes baixas de Fachal (sancionado) e de Christian (que xogou cos maiores). O Malpica, formado por rapaces máis experimentados, controlou en todo o momento o tempo do partido, ben asentado atrás e buscando as contras cos seus perigosos atacantes. Non lograron os baieses desenmarañarse da tea tendida polos visitantes e apenas inquietaron ao meta Jesús, mentres que o local Guillermo vía como lle chegaban poucas veces pero sempre con perigo. Nunha delas Maradona enviaba ao poste, e na segunda Juny adiantaba aos malpicáns. Non variou moito a decoración na segunda metade e apenas se crearon ocasións subliñables. Tan só un balón á madeira de Juny, que foi o prolegómeno ao tanto de Pitís nos minutos finais que sentenciaba o partido.
A falta dun encontro para o remate desta primeira fase da liga, ocupa o Baio a cuarta posición, que vai ser xa definitiva, quedando xa matematicamente definidos os tres equipos que van acceder á segunda fase da liga: Ponteceso (primeiro), Cabana e Malpica. O Baio rematará a liga no mes de xaneiro na Rocheira fronte ao Coristanco. Agora toca pensar xa na Copa.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Xoel, David, Pablo, Cachopo, Kevin, Anxo, Carlos, Lucas, Hío (Oreiro 53'), Santi Díaz (Pollo 71').

CADETES: U. C. CEE 5 - C. D. BAIO 0

Na mañá do sábado rendían visita os cadetes do Baio ao Cee, conxunto que está a desenvolver un moi bo campionato e figura na segunda posición só superado pola intratable Esteirana. Fixeron un bo primeiro tempo os baieses e tan só un erro defensivo poñía por diante aos locais, pero ese bo facer viuse empañado nos minutos finais deste período cando encaixaron tres goles máis de forma consecutiva, que deixaban o choque totalmente sentenciado. Non tivo historia a segunda parte e só un gol máis dos locais serviu para poñer o definitivo 5-0 no marcador.

Polo CD BAIO xogaron: Álex, Cristian, Miguel, Javi Muíño, Alfonso (Alberto 55'), Fran, Pedro, Estefan, José Antonio, Samuel (José Figueiras 42'), Santi.    

No hay comentarios:

Publicar un comentario