C. D. BAIO 1 - U. D. CARNOTA 1
Por motivos técnicos non puidemos ofrecervos as crónicas dos partidos disputados na pasada fin de semana. Esperamos colgar proximamente as fotos dos partidos Baio-Carnota, Baio-Cabana xuvenil e dos partidos de fútbol-sala das categorías alevín, benxamín e pre-benxamín.
O partido que o CD BAIO disputou o pasado domingo supuxo un punto de inflexión logo de cinco vitorias consecutivas, e só puido sumar un punto dos tres en xogo. Non obstante, os baieses fixeron un dos mellores encontros da temporada, e só un erro defensivo impediu que se continuase coa boa xeira. A primeira parte dos baieses foi das que fan afección, cun rápido movemento de balón de banda a banda, e buscando as incisivas penetracións dos centrocampistas e dianteiros. Puido Martín MC adiantar aos baieses en varias ocasións, antes de que Martín inaugurase o marcador cun disparo desde a frontal. Non variou a decoración con este gol, e o Carnota seguía pechado atrás na busca dunha contra, sen chegar a crear perigo. Tan só un erro na circulación do balón a pouco de chegar o descanso, permitiulle roubalo a Casti, que só ante Anxo bateuno por baixo. Un tanto que non facía xustiza á diferenza de xogo que se vira no campo, e que deixou tocados aos baieses.
Colleron folgos os baieses nos vestiarios e saíron convencidos de que as cousas se estaban facendo ben e que o gol tiña que chegar, pero os dianteiros non tiveron o día; e por riba Luis de la Peña erixiuse no salvador dos carnotáns, sobre todo nunha gran parada a disparo a queimarroupa de Martín MC. Conforme pasaban os minutos o Baio ía pechando cada vez máis ao seu rival, que rematou colgado do traveseiro, pero que ao final lle valeu para sumar un punto ante un conxunto local que non tivo a sorte que buscou durante todo o encontro.
Con este empate prodúcese un triple empate entre os perseguidores da Esteirana, e Cee, Baio e Sofán buscan este segundo posto que dá dereito a xogar a promoción. O vindeiro domingo no Carral importante partido entre o Sofán e o Baio, que pode marcar o futuro da competición.
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Chema (Ramón 75'), Pablo, Yago, Martín, Eloy Vilas, Rubio, Alberto (Christian 54'), Martín MC.
Goles: 1-0 Martín (24'), 1-1 Casti (40').
XUVENIL: C. D. BAIO 1 - CABANA S. D. 4
Partido xogado o pasado xoves día 6 entre dous dos aspirantes a meterse na segunda fase da competición ligueira, e a teor do resultado final parece que se acabaron as opcións para os baieses. O partido tivo dúas fases ben distintas e contrapostas. A primeira parte foi de dominio local, que creou as mellores ocasións, e que se puxo por diante mediante un remate de Santi Díaz. Púidose chegar ao descanso cunha renda maior. Unha renda que puideron incrementar no primeiro cuarto de hora da segunda parte, na que foron varias as ocasións erradas polos locais. Pero un erro defensivo dos baieses, supuxo que os cabaneses aproveitasen o regalo e empatasen o partido. A partir de aquí o Baio desapareceu do campo e o Cabana foi un vendabal que puxo tres goles máis no marcador, e ben puido conseguir algún máis de non ser polas fenomenais intervencións de Guillermo.
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos (Kevin 53'), Xoel, David (Pollo 85'), Pablo, Fachal, Anxo, Carlos (Cachopo 41'), Lucas, Christian, Santi Díaz (Javi Lema 62').
No hay comentarios:
Publicar un comentario