C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

4 dic 2012

A IMPORTANCIA DO BALÓN PARADO

OUTES F. C. 2 - C. D. BAIO 3
 
Despois de moitos anos volvía o CD BAIO ao campo do Conchido da Serra de Outes e fíxoo cunha nova vitoria, moi sufrida nos minutos finais, pero que puido sentenciar moito antes, ante un rival que demostrou que ten máis fútbol que o que reflicten os seus resultados. A pesar de que a tarde se presentaba fría, sobre todo cando entrou a noite, houbo moito público nas bancadas outenses, con bastante presenza dos seareiros baieses, que coma sempre acompañan o seu equipo alá onde vaia. Hai que destacar o gran comportamento da afección local, sempre animando aos seus xogadores, pero tamén recoñecendo as boas xogadas dos baieses; e tamén da súa directiva, que demostraron unha profesionalidade moi escasa por estes lares.
Exterminio de arañas no Conchido. Responsable:
Martín Pérez.
En canto ao partido, pronto se viron as intencións de un e outro equipo. Os locais pecháronse axiña atrás buscando sorprender nalgunha contra, e os visitantes movendo o balón como fan habitualmente, buscando mover a defensa local en busca dalgún oco co que chegar á portería de Manuel. Pronto chegaron as ocasións para os visitantes. Non se disputaran cinco minutos, e Martín MC fixo unha boa xogada pola banda, deixando o balón para a incorporación de Rubio, que desde a frontal da área dispara ao pau da meta outense. Poucos minutos despois chegaba o primeiro gol, cando Martín deixou constancia da súa clase ao executar de forma maxistral un libre directo, que se introducía pola mesma escuadra limpando as arañas da meta de Manuel. Seguiron os baieses controlando o xogo, agora coa tranquilidade que dá ter o marcador a favor, sen deixar que os locais se achegasen á súa meta. Foi nos últimos cinco minutos da primeira parte cando chegou unha sucesión de goles. Primeiro empatou o Outes, logo dunha xogada embarullada na súa banda dereita, que remata nun centro que remata completamente só Elías ao fondo da meta de Anxo. Empataban os locais na súa primeira grande ocasión, pero os baieses non se arredraron e pouco despois volvíanse poñer por diante. Unha nova falta na frontal e agora Martín elixe a outra escuadra para anotar o seu segundo gol. Este gol aturdiu aos locais, que vían como no último minuto unha xogada pola banda esquerda remata nun centro de Alberto, que é incerceptado pola man dun defensa. O árbitro sinala o correspondente penalti, que é convertido con tranquilidade por Martín MC.
Iniciouse o segundo tempo con varias ocasións para os baieses, que non lograron converter e sentenciar definitivamente o partido: nunha xogada ensaiada de córner, Martín MC enviaba o balón lambendo a escuadra; Eloy Vilas atopouse co porteiro nunha volea no segundo pau logo doutro córner; unha xogada por banda acaba nun pase atrás a Yago, que desde a frontal envía o balón ao traveseiro co porteiro batido; e Martín puido anotar o seu hat-trick de libres directos, pero unha nova falta atopouse co largueiro. Pola parte outense, a ocasión máis clara veu dada por un penalti sinalado polo árbitro, pero unha magnífica intervención de Anxo desviaba o lanzamento de . Cando parecía que o partido estaba finiquitado, un novo balón colgado era rematado por Elías adiantándose á defensa visitante e poñía a emoción no marcador. A pesar dos cinco minutos de desconto non contaron con ocasións claras os locais para empatar polo bo facer dos defensas e porteiros baieses.
Xa que logo, gran vitoria dos baieses cun Martín en plan estrela (a simpática afección local comentaba: "ese 8 que falta lle facía ao Deportivo", ou invitábano a que lanzase algunha das faltas das que dispuña o Outes), e que serve para subir á segunda praza da clasificación, lugar que dá dereito a xogar a promoción de ascenso. A próxima semana visita o Platas Reinoso o Carnota, equipo que coma o Outes acaba de ascender, e que está a realizar unha boa campaña da man do seu adestrador, o carismático Alfredo Cambeiro.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Ramón (Eloy Lema 63'), Pablo, Yago, Martín, Eloy Vilas (Jorge 74'), Rubio (Pardo 89'), Alberto (Fredi 87'), Martín MC.
 
Goles: 0-1 Martín (11'), 1-1 Elías (40'), 1-2 Martín (43'), 1-3 Martín MC (p. 45'), 2-3 Elías (83').

E agora a reportaxe fotográfica de Santi Soneira deste partido:



























 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario