C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

11 feb 2013

AO POSTE EN ESTEIRO

S. C. R. D. ESTEIRANA 1 - C. D. BAIO 1

Sábado de carnaval, xornada festiva no campo da Salina, hoxe rebautizado co nome do mellor xogador saído de terras esteiranas, Xosé Luís Vara Olveira, no que se disputou un magnífico encontro entre dous dos mellores conxuntos desta Liga da Costa. Cada un co seu estilo o encontro non defraudou e foi un deses partidos dos que se di que fan afección. Moita foi a xente congregada nas bancadas, con grande afluencia por parte baiesa, que se desprazou a Esteiro en dous autobuses e numerosos coches particulares, coma nas grandes épocas nas que o fútbol da Costa era o verdadeiro fútbol. Presentábanse os dous equipos con moitas baixas, máis significativas nos locais por afectaren todos á súa liña dianteira, pois os dianteiros Kike e Adelino estaban sancionados, e Roberto Pladur, ranqueante, só disputou os últimos minutos. Por parte visitante, foron baixa Manuel, Chema, Ramón, Pardo,Yago e Jorge, o que obrigou a Félix a convocar a catro xuvenís, que ocuparon de inicio praza no banco.
Foto-montaxe do gol de Alberto en Esteiro [Santi Soneira]
Empezou o partido moi igualado, sen apenas achegamentos ás áreas rivais, pois todos eran conscientes da importancia do choque. Pouco a pouco foi impoñendo o seu dominio o equipo baiés, fiel ao seu xogo combinativo e de posesión, cun gran Eloy Vilas no centro do campo, pero sen crear perigo na meta local. Só hai que destacar no primeiro cuarto de partido, unha boa xogada do propio Eloy, que tras deixar atrás varios rivais deulle un pase entre liñas a Martín MC, ao que este non chegou por pouco cando encaraba xa a portería. Por parte local, eran constantes os balóns en longo, ben na busca de Cajulo, para que temporizase o xogo, ben na busca da velocidade de Álex pola banda dereita. Foi o extremo quen tivo o primeiro achegamento á portería rival con certo perigo, pero o seu disparo foise desviado. Do minuto 29 ao 37 cambiou completamente o partido, e non polo xogo desenvolvido por uns e outros, senón polo incremento de ocasións. O Baio era completo amo e señor do partido, non deixando saír aos locais nas contras, e cada vez se achegaba máis á meta de Beni. No minuto 29 un balón que lle chega a Martín na frontal da área remata cun disparo raso que peta na cepa do poste e percorre a paralela entre a liña de gol e o corpo do meta local sen chegar a entrar. Catro minutos despois, era o interior baiés Rubio o que dun  fermoso lanzamento colocado atopábase co largueiro e o balón botando a rentes da liña de gol, co porteiro xa batido e cando xa os seareiros baieses cantaban o gol. Parecía incrible que o balón non entrase en ningunha das dúas ocasións, pero si o faría na primeira que tivo a Esteirana. Unha xogada pola banda de Álex remata cun centro que non foi quen de despexar ningún defensa baiés, e Pablo Fernández, no segundo pau, cabecea á rede. Con este resultado que non facía xustiza ao visto no marcador chegábase ao descanso.
A anécdota: o árbitro esqueceu os cartóns na caseta [S. Díaz]
Na reanudación o Esteirana aínda se pechou máis atrás e o Baio dominou por completo o balón e o partido. Con todo era difícil entrar na tupida defensa local, a pesar de que Martín MC o intentaba unha e outra vez, pero con dous homes sempre enriba as súas xogadas quedaban en nada. A través de combinacións rápidas era como mellor chegaban os baieses á área rival, e nunha desas remata cun tiro de Martín que é despexado de forma estraña polo porteiro local Beni, o rexeite recólleo Alberto, que dunha fermosa vaselina sobre a saída desesperada do meta anotaba o gol do empate. Non cambiou a decoración co gol, pois os baieses víanse superiores no campo e esta era unha boa oportunidade para alcanzar ao líder. Félix arriscou dando entrada a un dianteiro por un centrocampista, e o Baio seguiu embotellando o seu rival na área. Moi bos minutos dos baieses que pola contra non tiveron efectividade pois sempre faltou atopar o pase definitivo que abrise a muralla esteirana. A entrada de Róber Pladur nos locais e a saída de Eloy Vilas nos visitantes, fixo que nos últimos dez minutos as cousas se igualasen. Os baieses perderon forza no mediocampo, e os locais viron no seu home referencia unha última oportunidade de conseguir un botín maior. E a piques estiveron de conseguilo nun córner, que logo dun barullo de remates e despexes acabou cun "gol fantasma" de Dani Rama, que entrou ou non dependendo de a quen se lle pregunte. Practicamente esta xogada puxo o punto e final a un vibrante partido, que polo visto sobre o campo mereceu gañar o Baio, pero que ben puido perdelo se o colexiado concedese ese gol fantasma.
En definitiva, vimos en Esteiro un dos mellores partidos dos baieses, en todo momento moi serios e ben posicionados, a quen a mala sorte dos dous lanzamentos aos postes impediu que se adiantasen no marcador e lograr posiblemente así un mellor resultado. Con todo, mantense a tiro de pedra do líder, e son xa 14 a xornadas que leva sen perder. A próxima semana visita o Platas Reinoso o pechacancelas, o Dumbría B, pero non hai que fiarse, pois xa lle deu algún susto a máis de un.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Fredi, Mario, Pablo, Norberto, Martín, Eloy Vilas (Lucas 79'), Rubio (Christian 65'), Martín MC, Alberto (Fachal 85').

Goles: 1-0 Pablo Fernández (37 min), 1-1 Alberto (62 min.).

No hay comentarios:

Publicar un comentario