XUVENIL: OUTES F. C. 4 - C. D. BAIO 2
Segunda derrota consecutiva dos xuvenís do CD BAIO neste grupo de clasificación para as eliminatorias da Copa da Costa. Aínda así, e debido á derrota do Muros, os rapaces de Emilio xa están matematicamente clasificados para a rolda de oitavos de final, pois sácanlles trece puntos aos muradáns a falta de catro xornadas (lembremos que o Muros conta con -1 puntos pola sanción federativa).
Xoel marcou o 1º gol como xuvenil |
Desprazouse á Serra de Outes o equipo de Emilio con só 10 xuvenís, que foron acompañados de 5 cadetes. As lesións están asolando o equipo, e esta semana ata se lesionou o delegado. Para colmo, o porteiro Guillermo era expulsado no último minuto ao cometer un penalti e será baixa para o próximo encontro. Comezaron adiantándose os baieses por mediación de Fachal aos 12 minutos, pero Rubén conseguiría empatar cando aínda non se chegaba á media hora. Nos minutos finais deste período chegaría o gol de Abraham que adiantaba aos locais, pero Xoel conseguía un impresionante gol para estrearse esta temporada e levar a igualada ao marcador, coa que se chegou ao descanso. E este parecía ser o resultado definitivo do partido, pero nos minutos finais os da Serra aproveitaron un erro defensivo para poñerse por diante por mediación de Eduardo, e un minuto despois chegaba a xogada do penalti e expulsión de Guille, que anotaría Adrián batendo ao reconvertido Álex.
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos, Pablo (Álex 63'), Xoel, Oreiro, Fachal, Anxo (Miguel 49'), Kevin (Alfonso 66'), Cristian (Carlos 52'), Christian, Lucas.
CADETE: C. D. BAIO 1 - OUTES F. C. 7
Tempos de crise no equipo cadete, e en vista de que cando veñen mal dadas todo se xunta esta semana lesionábase o seu adestrador Dani Costa. Moitas baixas no equipo local, polo que tivo que recorrer a seis infantís para completar a escasa convocatoria de xogadores. A pesar da ampla derrota amosaron unha mellor cara os cadetes que en xornadas precedentes, pois víronse ganas e loita, cousa que non se apreciou en partidos anteriores, nos que se deixaban levar polos acontecementos. Incluso tiveron momentos de bo xogo, e foron os baieses os que se adiantaron por mediación de Estefan, pero a inspiración e calidade do dianteiro da Serra José Francisco desnivelou un encontro máis igualado do que indica o marcador. Esperemos que nos vindeiros partidos sigan con esta actitude, pois só así chegarán os bos resultados e conseguirán saír desa última posición que agora ocupan. Para iso todos deben remar na mesma dirección, e non só os que xogan.
Polo CD BAIO xogaron: Alberto, Alejandra, Fran Gavín, Fran Caneda, José Antonio, Javi Muíño, Andrea, José Figueiras, Iago (Julián 49'), Pedro, Estefan.
INFANTIL: CABANA S. D. 0 - C. D. BAIO 4
Os infantís a pasada semana [Foto Fuentes] |
Sergio lesionouse onte. Ánimo!!! |
Impresionante partido dos infantís do CD BAIO e impresionante temporada. Visitaban o terceiro clasificado os rapaces de Pastoriza e en menos de dez minutos xa estaba o partido visto para sentenza. No minuto 4 adiantaba aos baieses José Figueiras e un minuto despois o pichichi Anxo anotaba o seu gol número 35 da temporada. E como non hai dous sen tres, aos oito minutos Sergio anotaba o que sería o seu primeiro gol, pois no minuto 20 conseguía Sergio perforar de novo a portería de Darío, anotando o cuarto gol dos baieses que ao final foi o definitivo. A noticia triste do partido veu da man do propio Sergio, e nunca mellor dito o da man, pois sufría un forte golpe na súa muñeca. Unha vez atendido no Hospital Santa Teresa aprecióuselle unha fisura, polo que terá inmobilizada a man durante unha temporadiña. Desde aquí moitos ánimos ao "cerebro" dos infantís, e que se recupere pronto.
Levan os infantís cinco vitorias nos últimos seis partidos, algunhas delas en campos difíciles como Esteiro ou Neaño, polo que ocupan nestes momentos a cuarta praza na clasificación, a un punto do Cabana.
Polo CD BAIO xogaron: Julián (Cedrón 70'), Fran, Víctor (Antía 65'), Carlos, Queiro (Suárez 54'), Ariel (Iago 62'), Álex, Sergio (Manuel Mª 66'), Anxo, José Figueiras, Eloy.
Podes ver fotos deste partido picando aquí, no Facebook do Cabana.
Podes ver fotos deste partido picando aquí, no Facebook do Cabana.
ALEVÍN/BENXAMÍN/PRE-BENXAMÍN
Disputaron o pasado venres os máis pequenos unha nova xornada de Fútbol-Sala, na súa participación na liga da Costa Bergantiñá. Esta vez o rival que visitaba o pavillón baiés era o Concello de Malpica. Conta este equipo con dous equipos alevíns, pero non ten benxamíns, polo que o míster Fredi tivo que compoñer dous equipos de alevíns para xogar os dous partidos, botando man de bastantes benxamíns. O partido de alevíns entre o CD BAIO e o Concello de Malpica A rematou con empate (1-1), aínda que os locais estiveron a piques de gañar pero un gol visitante nos momentos finais impediuno. O partido contra o Concello de Malpica B rematou coa vitoria visitante por 4-6.
Gran vitoria dos pre-benxamíns, pois pasáronlles por riba aos seus rivais cun claro 6-1, o que supón a súa primeira vitoria, e rompe a racha de empates que viñan colleitando na casa. Proximamente colgaremos as clasificacións destas categorías.
Esta semana non tiveron competición de Fútbol-8, debido á retirada á última hora do Ponteceso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario