C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

4 feb 2013

TRABALLADO TRIUNFO EN LOURO

U. D. MONTE LOURO 1 - C. D. BAIO 2

Na tarde do domingo visitaba o CD BAIO o campo da Agra da Filgueira de Louro para enfrontarse ao club local, único equipo que conseguiu gañar no Platas Reinoso no que vai de liga. E onte estivo a piques de dar de novo a sorpresa e evitar a vitoria baiesa, que non se concretou ata os minutos finais. Tarde soleada en terras muradás, que con todo non trouxo unha boa entrada de afeccionados, case tantos baieses como locais. O Monte Louro recibía ao Baio coa moral alta logo de conseguir a pasada xornada a vitoria no derby ante o Volantes, o que cortaba unha xeira de once xornadas perdendo; mentres que os baieses levaban outros once partidos sen perder. Os visitantes presentábanse con numerosas baixas, caso de Manuel, Pablo, José Antonio, Yago, Jorge ou Christian, o que obrigou a Félix a levar dous novos xuvenís que ata agora non tiveran a sorte de iren convocados.

O gol da vitoria de MARTÍN [Foto-montaxe: Santi Soneira]
Comezou o partido con moito centrocampismo, adaptándose os baieses ao campo de area que dificultaba o seu habitual xogo de toque, pero o terreo de xogo estaba en boas condicións para a práctica do fútbol. Poucas ocasións nesta primeira parte, sobre todo por parte baiesa. A máis clara estivo nas botas de Martín, que lanzou moi ben unha falta pero a gran intervención de Ismael impediu que subise o primeiro ao marcador. A pesar de que o partido comezara nivelado, pouco a pouco os louredáns fóronse impoñendo no centro do campo a través da figura de Fernando. A presenza nos laterais baieses de dous xogadores non habituais, sobre todo no dereito, no que xogou o xuvenil Fachal, habitual mediocentro, fixo que os centrocampistas axudasen en demasía á súa defensa, quedando as liñas moi separadas coa dianteira e cos mediapuntas. Abusaron dos balóns en longo, que tiñan case sempre unha clara vantaxe para os defensas locais. Pola contra, os locais buscaban con frecuencia as bandas e aínda que non creaban moito perigo, si que se achegaban con asiduidade á área de Anxo. Nunha desas xogadas por banda chegou unha falta no lateral da área, que sería convertida maxistralmente por Edu, que superou por alto a Anxo e introduciuse na meta baiesa logo de petar no poste. Non reaccionaron os baieses como se esperaba deles, como se ese gol fose un mazazo non agardado e en ningún momento deste período deu sinais de levantarse.
Celebración do gol de Eloy Vilas. Xa leva cinco na liga
O que si reacionou no descanso foi Félix, que conseguiu modificar a sorte do partido cun cambio de sistema sen modificar os xogadores. Pasou a xogar con tres centrais, colocando dous carrileiros máis ofensivos que defensivos, como Fachal e Alberto. O Baio apoderouse completamente do centro do campo, grazas ao gran partido de Eloy Vilas, que xunto con Norberto foron donos da parcela ancha e foron achegándose os baieses ás inmediacións da área local. Tivo o empate Eloy Lema na súa cabeza á saída dun córner, e logo dunha boa xogada combinativa, un pase de Martín deixou a Martín MC ante Ismael, pero non puido conectar ben o remate e o porteiro desbaratou a ocasión. A mellora visitante incrementouse coa entrada do xuvenil Lucas, que lle deu aire fresco á banda dereita. Eran os pasos previos ao gol do empate, que chegou logo dunha serie de balóns colgados á área, que acabaron por despexar os defensas locais, pero o rexeite á frontal da área é enganchado por Eloy Vilas, que dun disparo seco enviaba o coiro ao fondo da portería despois de bater no poste. Os locais non reacionaron ao gol, mesmo pareceron conformarse co empate, e seguiron pechados atrás na busca dalgunha contra, que só chegaba a través de balóns en longo. Tivo as súas ocasións Martín MC para darlle a volta ao marcador, pero tivo que ser o capitán a falta de tres minutos para os noventa o que conseguise o tanto da vitoria, a través dunha volea desde fóra da área que superaba por alto ao meta Ismael. O tempo restante e os cinco minutos de engadido que decretou o árbitro non trouxo nada novo, tan só hai que destacar o debut do xuvenil Pablo "Costiña" co primeiro equipo.
Vitoria sufrida e traballada dos baieses ante un rival que se mostrou sempre ordenado e moi serio, e que parecía destinado a ser a besta negra do Baio este ano, pero a sorte virou a favor dos homes de Félix, o que fai que sigan coa boa xeira de resultados. Coa derrota esteirán no derby co Muros, o Baio colócase a tres puntos do líder, empatado co Cee, e o próximo sábado hai que render visita ao Xosé Luis Vara.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, Fachal (Pablo 89'), Chema, Mario, Eloy Lema (Fredi 84'), Norberto, Martín (Ramón 88'), Eloy Vilas, Rubio (Lucas 66'), Martín MC, Alberto.

Goles: 1-0 Edu, 1-1 Eloy Vilas (68 min.), 1-2 Martín (87').
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario