C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

18 feb 2013

CON OITO BASTA

C. D. BAIO 8 - C. F. DUMBRÍA B 0

Domingo tranquilo o vivido no Platas Reinoso coa visita do colista Dumbría B, que non só non puxo en ningún tipo de apuros ao CD BAIO, senón que acabou goleado. Oito goles, facendo bo o título daquela serie televisiva dos anos oitenta: Con ocho basta. Tarde chuviosa que con todo trouxo unha boa presenza de afeccionados, que se abrigaron nas bancadas e na cantina. Contaba Félix coas baixas de Manuel, Pardo, Fredi, Yago e Eloy Vilas, mentres que recuperaba a Jorge, e o xuvenil Lucas debutaba como titular, xogando un bo partido. 
O público abrigouse na cantina e deulle choio aos camareiros
Non tardou en facerse efectiva a superioridade que manifesta a táboa clasificatoria entre os dous equipos, pois non se disputaran dous minutos e Martín MC anotaba o seu primeiro gol aproveitando un gran centro de Lucas desde a dereita. Poucos minutos despois puido sentenciar Martín, só diante do porteiro, pero preferiu ceder para Martín MC, pero o porteiro adiantouse ao remate do pichichi. Desquitouse Martín ao marcar o segundo gol do Baio, grazas a un forte disparo desde a frontal da área. As seguintes ocasións claras foron para Alberto, primeiro a través dun lanzamento de falta que se lle foi lambendo a escuadra, e despois nunha serie de paredes que acabaron cun remate seu, pero o meta Fernando conseguía desviar o balón co pé. Antes do descanso chegarían dous novos tantos, estes do goleador Martín MC; o primeiro logo de roubarlle a carteira a un defensa e regatear ao porteiro, e o segundo aproveitando un pase en profundidade de José Antonio que o deixou só ante o gardameta visitante ao que bateu de forte disparo.
Martín MC anotou catro goles e xa leva 28 [Foto: S. Díaz]
Saíron relaxados os homes de Félix tras o descanso, controlando o partido e sen facer excesivo dano na meta rival. Tan só hai que subliñar nestes primeiros minutos unha ocasión de Martín, que logo dunha bonita xogada combinativa plantábase diante do Fernando, pero este conseguía desviar o lanzamento cunha gran parada. O meta dumbriés foi o máis destacado do seu equipo e evitou que a derrota fose maior. Tivo tamén a súa ocasión Rubio antes de ser substituído por Christian, pero sería este o que entrase con fame de gol, e en apenas tres minutos conseguía dous novos tantos, un ao aproveitar na frontal varios rexeites e o segundo tras irse en velocidade dos defensas e bater con clase na saída do meta rival. Foron nestes minutos "da basura" cando o Dumbría creou as súas únicas ocasións, pero Anxo estivo excelente ante os seus ex-compañeiros, antes de darlle o relevo ao xuvenil Guille. Nos minutos finais chegou o primeiro gol de Jorge coa camisola do Baio, cun lanzamento raso ao segundo pau, e mesmo Martín MC tivo tempo de anotar o seu cuarto gol, logo dun pase entre liñas de Norberto. O árbitro debeuse apiadar dos dumbrieses e sinalou o final do partido cando quedaba máis dun minuto para o final regulamentario. El tamén pensou que con oito bastaba.
Félix tivo unha tarde tranquila [Foto: Santi Díaz]
Con esta vitoria e a derrota inesperada do Cee, o Baio sitúase en solitario na segunda praza, a tres puntos do líder Esteirana, e elevando a quince as xornadas seguidas que leva sen perder. A próxima semana visita ao sempre difícil campo das Pedreiras, no que espera un San Lorenzo que leva varias semanas colleitando moi bos resultados (a excepción desta semana), grazas ao labor do seu adestrador Gueli, ex-xogador do CD Baio.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo (Guille 73'), José Antonio (Ramón 55'), Mario, Eloy Lema, Pablo (Chema 45'), Norberto, Martín, Rubio (Christian 66'), Lucas ( Jorge 60'), Martín MC, Alberto.

Goles: 1-0 Martín MC (2'), 2-0 Martín (16'), 3-0 Martín MC (32'), 4-0 Martín MC (40'), 5-0 Christian (69'), 6-0 Christian (72'), 7-0 Jorge (82'), 8-0 Martín MC (88').

No hay comentarios:

Publicar un comentario