C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

4 mar 2013

DE PODER A PODER

C. D. BAIO 0 - U. C. CEE 0


Placas de recordo para Manolo Veloso e José Luis López

Gran tarde de fútbol a vivida na tarde do domingo no Platas Reinoso entre os dous clubs con máis historia na Liga da Costa; o Baio, que está xogando a súa temporada número 50, e o Cee, que xoga a súa temporada número 49. Comezaba a xornada coa homenaxe que desde a directiva do CD BAIO se lle facía a dous persoeiros moi importantes nesta súa historia, e que faleceron nos últimos meses: Manuel Veloso Blanco, un dos fundadores do CD BAIO e socio número 1, e José Luis López González, ex-presidente e socio número 3. Á entrega de candansúa placa e ramo de flores asistiron as respectivas familias. Desde aquí o noso agradecemento a estes dous símbolos do noso club.
As familias homenaxeadas cos capitáns e directivos
E indo co partido propiamente, moito ambiente no Platas Reinoso, nunha das mellores entradas da temporada con case 400 espectadores que viron un partido vibrante e que tivo de todo menos goles, e non é que os xogadores non o intentasen, pero a tarde inspirada dos dous porteiros impediu que non subise ningún tanto ao marcador. Notábase nos xogadores dos dous conxuntos a importancia do partido, e no comezo apreciouse certo respecto entre dous equipos que gustan de mover o balón con criterio. Con todo principiou mellor o Baio, e del foron as dúas primeiras ocasións. A primeira moi clara de Eloy Vilas, que se internou moi ben na área pero enviou alto cando se atopaba fronte a Parroto. Acto seguido puido anotar Martín o primeiro da tarde nun lanzamento de falta desde a lateral, pero o seu disparo era sacado baixo os paus por Rafa co porteiro xa batido. Conforme ían pasando os minutos deste primeiro tempo o Cee foise facendo dono do partido, e comezaron a chegar as ocasións para os visitantes, tres delas moi claras. Na primeira, e tras unha bonita xogada, o balón chégalle á banda a Víctor que centra e remata Penedo no primeiro pau facendo lucirse a Anxo. E dúas máis que naceron a raíz de senllos córners que se converteron nunha sucesión de intentos de despexes e remates, que non acabaron en gol de milagre; nunha delas Isma atopouse co balón solto e o seu disparo ía ao largueiro e saía fóra, e na outra, unha auténtica melé na área baiesa e o balón era sacado por Ramón logo de petar no pau. Chegábase ao descanso co incrible empate a cero nun primeiro tempo cheo de emoción e bo fútbol.
Eloy Vilas, dos mellores o domingo
Cambiou a decoración na segunda parte e o Baio foise arriba e creou algunha que outra ocasión de perigo nestes primeiros minutos, como un disparo de Alberto de volea que se lle foi lixeiramente desviado. A ocasión máis clara destes minutos foi para Martin MC, que recibía un pase en profundidade de Martín e presentábase ante Parroto, pero este conseguía rozar un pouco o balón para que saíse fóra bicando o poste. Os cambios déronlle un pouco de aire ao Cee e achegouse con perigo de novo á porta de Anxo, sobre todo por medio de Penedo, que tivo o gol nas súas botas, pero o seu espectacular lanzamento desde a frontal da área batía no traveseiro cando xa se cantaba o gol. A última grande oportunidade do partido estivo nas botas do capitán local Martín, que cun forte lanzamento de falta facía lucir a Parroto, que conseguía desviar o balón para que petase na mesma escuadra. Chegouse ao final co empate inicial nun encontro que mereceu ter bastantes goles, pero os porteiros Anxo e Parroto fixéronse os protagonistas neste día. Un partido dos que se din que é dos fan afección, e no que a pesar da actuación do árbitro de emerxencia (chamado a última hora por enfermidade do designado), ao que lle veu grande o partido e que intentou solventar interrompendo continuamente o xogo e amosando innumerables cartóns -entre eles a expulsión de Diego Cespón logo de rematado o encontro-, predominou a cordialidade entre dous grandes equipos.
Con este empate os baieses continúan na segunda praza da clasificación, con un punto de vantaxe co seu rival de onte, pero a primeira praza xa está a sete puntos. Con todo, hai que destacar que o Baio completou unha volta enteira sen perder, o que é unha mostra do bo facer dos xogadores que adestra Félix. O vindeiro domingo toca render visita ao difícil Corcubión de Manolín, que xa conseguiu empatar no Platas Reinoso.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Fachal 88'), Mario, Ramón, Pablo (Fredi 54'), Norberto, Martín, Eloy Vilas, Rubio (Jorge 79'), Alberto (Christian 63'), Martín MC.

Podedes ler a crónica que desde a web do UC CEE fixeron do encontro picando aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario