C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

19 mar 2013

UN PASO ATRÁS... PARA COLLER IMPULSO?

C. D. BAIO 2 - S. C. D. BUÑO 3

Mensaxe de ánimo ao adestrador Félix [Foto: Santi Díaz]
Partido adiantado á tarde do sábado, chuviosa e cuberta, que xa presaxiaba o que ía acontecer no Platas Reinoso. A maior noticia na previa do encontro foi a operación de Félix o pasado xoves, o que puido distraer aos xogadores, que o sábado estiveron ás ordes de Efrén. Foi un partido estraño, sobre todo por parte local, con momentos moi bos e momentos moi malos. 
Comezou o encontro cun dominio completo dos baieses, que desarbolaban por todas as partes ao seu rival, que se defendía como podía. Foron numerosas as chegadas dos locais á área oleira nos primeiros minutos, con oportunidades excelentes. A primeira un balón que recibe Christian en liña de tres cuartos, vaise do seu defensor en velocidade e cando se atopa só diante do porteiro remata mal e o balón vaise fóra. Minutos despois o propio Christian vaise en velocidade pola banda, e o seu centro non é interceptado polo porteiro pero Martín MC, no segundo pau, non conta co erro e non remata con claridade cando se atopaba en posición franca. E unha terceira ocasión clarísima antes do primeiro gol foi a que tivo Martín, que combinou con Martín MC, este sobre Christian na frontal da área, que cun sutil toque deixaba para a internada de Martín que se presentou só diante do porteiro pero golpeou frouxo e atallou o meta buñés. Era a antesala do gol, que naceu nunha fermosa combinación que arrancou Martín MC desde a banda, que combinou no medio con Martín, este abriu á banda para a incorporación de Pablo e o seu centro era rematado á escuadra por Martín MC que chegaba á área en velocidade. Foron uns excelentes vinte minutos nos que se presaxiaba unha vitoria cómoda ante un rival que non mostraba ningún perigo. Pero chegou unha xogada desafortunada á media hora de xogo, na que un erro de marcaxe nunha falta desde a lateral é rematada no segundo pau pola dianteira buñesa cara ao primeiro pau no que se encontraba libre de marca Diego, que controlou e disparou sobre a meta de Anxo conseguindo o tanto do empate. Este gol descentrou aos baieses, e moito máis o segundo dos visitantes, que chegou nunha nova falta na frontal da área. E foi novamente Diego o que se aproveita dunha mala colocación da barreira para superala polo exterior e coar o balón na portería de Anxo. E non remataron aí os dez minutos fatídicos do Baio, pois noutro balón parado os oleiros colgan o balón á área, e a defensa local non está expeditiva, e tras unha serie de rexeites chégalle o balón a Dani Calvete, que estaba só no segundo pau, que intenta rematar de semivolea, pero golpea mal e o balón bota facendo un estraño e sorprendendo a Anxo. Non daban creto os locais, que vían como un partido que tiñan controlado e "gañado", en dez minutos se escapaba das mans. Non houbo moita reacción baiesa e nestes minutos só unha falta botada por Martín que desviou a córner Toni foi o mellor achegamento á porta rival.
Novas forzas colleron os locais no descanso convencidos de poderen remontar, pero no partido deste sábado faltou conexión entre liñas, e as xogadas morrían unha e outra vez sen chegar a posicións de remate. Tampouco a sorte acompañaba aos locais, pois nun saque de córner o remate de Ramón petaba no largueiro e a defensa conseguía despexar o balón. O Buño, presionando a saída do balón baiesa, e contundente atrás, non pasou por moitos apertos. E iso que o Baio conseguiu acurtar distancias no marcador, logo dunha nova xogada de Christian que cedeu a Alberto, que rematou pegado ao poste de Toni. Quedaba máis de media hora, pero os baieses non ofreceron a súa mellor versión, a que nos ten afeitos, e non tiveron moitas oportunidades de bater a porta rival. Pola contra, o Buño esperaba matar á contra o partido, pero as ocasións que tivo foron máis erros do Baio na saída do balón que xogadas elaboradas por eles. O cambio de sistema que propuxo Efrén tampouco deu os seus froitos, e só se pode contar como bagaxe unha ocasión de Martín MC, iso si, moi clara, pois non aproveitou un centro de Alberto desde a esquerda, e cando se atopaba só diante do porteiro rematou ao lateral da rede. De aquí ao final pouco máis que sinalar, e tan só un lanzamento de falta de Alberto, que saíu por riba da meta forasteira, foi a ocasión máis clara dos baieses.
Con esta derrota ponse fin a un total de dezaoito partidos sen perder, quizais cando menos se esperaba, pero este tropezo pode servir para tomar impulso e volver á senda dos triunfos, nunha fase final da liga, que como vemos todo o mundo aperta, e xa non hai inimigo pequeno. Agora o Baio perde a praza de promoción en beneficio do Cee, ambos os dous empatados a puntos, pero aínda quedan sete encontros para o remate. Moita liga. O próximo domingo visita ao sempre complicado campo das Redondas, no que un necesitado Cabana nos vai poñer as cousas moi difíciles.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Ramón, Pablo (Rubio 60'), Norberto, Martín, Eloy Vilas (Fachal 87'), Alberto, Martín MC, Christian (Rubio 60').

Goles: 1-0 Martín MC (21'), 1-1 Diego (28'), 1-2 Diego (36'), 1-3 Dani Calvete (38'), 2-3 Alberto (58').

No hay comentarios:

Publicar un comentario