C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

26 mar 2013

MÁIS VALE TARDE QUE NUNCA

CABANA S. D. 0 - C. D. BAIO 1

Partido disputado no estraño horario das 12:30 horas do domingo, no que se enfrontaban dous equipos con obxectivos claramente distintos. Un Cabana que busca saír dos postos perigosos, ante posibles arrastres de descensos desde a Primeira Rexional, e un Baio que pelexa polos postos altos e que quería volver á senda dos triunfos logo do revés sufrido a pasada semana fronte ao Buño. Boa entrada nas Redondas a pesar da hora, con moitos afeccionados desprazados desde Baio, nun día de orballo continuo.
Principiou o Baio disposto a ir polo partido e del foron todas as ocasións claras de perigo que houbo no encontro. O Cabana, ben plantado atrás, tentaba controlar as acometidas do ataque baiés, e só a boa intervención do seu meta Añón impediu que se visen máis goles nas Redondas. A primeira clara ocasión veu dun contraataque levado por Martín pola banda dereita, o seu centro cara Martín MC é desviado por un defensa e o balón quédalle franco a Rubio que, só no punto de penalti, non é quen de bater a Añón. Minutos despois unha boa xogada de Martín MC acaba cun perigoso centro ao que non chega por pouco Rubio. Tivo outra clara ocasión Alberto, quen tamén desde a frontal da área, remata colocado pero detén novamente Añón. Eran bastantes as aproximacións baiesas, pero non chegaba o gol. Intentábano tamén Martín e Martín MC con lanzamentos desde fóra da área, pero non se movía o marcador. O perigo do Cabana só viña a través de saques de banda que buscaban ao ex-xogador baiés Iván, pero a defensa estivo sempre expeditiva e conxuraba os intentos locais.
A segunda parte principiou cun xogo algo máis embarullado, Félix modificou a posición dalgúns xogadores, pero non se conseguía crear situacións realmente perigosas. A entrada de Christian deulle máis posibilidades atacantes ao Baio, e comezaron a chegar as ocasións. Entre as máis claras un disparo de Alberto desde o chan que bateu no poste e unha internada de Martín MC desde a dereita pero o seu lanzamento fóiselle desviado. O Cabana, dando por bo o empate, só colgaba balóns a área baiesa cando dispoñía dalgún balón parado, pero sen que Anxo tivese que facer ningunha intervención de mérito. A pouco para o final chegou a mellor ocasión do Baio, do partido e quizais da temporada, cando unha internada de Martín MC pola banda esquerda remata cun centro para que Jorge só teña que empurrala a portería baleira, pero incriblemente o balón pasa por debaixo da bota do dianteiro baiés sen rematar. Parecía que non era o día e que a sorte estaba en contra, pero xa no tempo de desconto, un balón en longo non é despexado fóra da área por Añón, no seu único erro en todo o encontro, e Jorge que seguía a xogada consegue meter o balón na porta cabanesa e darlle os merecidos tres puntos ao Baio.
Con esta vitoria mantense o Baio empatado co Cee e estréitanse máis as cousas polo empate do líder Esteirana no campo do Buño. A vindeira xornada visita o Platas Reinoso outro equipo que non quere verse metido en problemas ao final da liga, o Volantes de Baño. 

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Fredi, Mario, Eloy Lema, Norberto (Fachal 81'), Eloy Vilas (Christian 58'), Rubio (Jorge 69'), Alberto (Ramón 89'), Martín MC, Martín.

Gol: 0-1 Jorge (89'). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario