C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

3 feb 2017

PREVIA DO CD BAIO-SCD MALPICA


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1800
695
419
686
2951
2991
TOTAL LIGAS
1576
603
363
610
2514
2624
LIGA DA COSTA
814
321
158
335
1482
1551


Na xornada 21ª visita o Platas Reinoso a SCD Malpica, un dos conxuntos clásicos da Costa, e un dos poucos que chegou a militar na 3ª División. Fundado en 1973, o Malpica disputou ininterrompidamente as 44 temporadas seguintes, dato que o sitúa no 10º posto entre os clubs costeiros, aínda que se nos atemos aos partidos xogados sobe ata o 6º. Unha campaña na 3ª División, 2 na Preferente, 10 na 1ª Rexional/Autonómica provincial ou semiprovincial, 2 na 3ª Rexional e as outras 29 na Liga da Costa. Este número de temporadas supóñenlle ser o 7º entre os clubs da Costa (empatado con Fisterra e San Lorenzo), mais sobe un posto se falamos dos partidos xogados nesta competición. Nas súas vitrinas figuran varios títulos ligueiros: un da Rexional Preferente (99-00), un da 1ª Rexional (98-99) e 3 da Liga da Costa (80-81, 84-85 e 96-97), así como unha Copa da Costa (84-85), competición na que chegou á final tamén nas temporadas 74-75 e 12-13. Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

S.C.D. MALPICA
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1331
572
268
491
2312
2074
LIGA DA COSTA
817
367
171
279
1471
1227

Esta temporada é a 24ª que coinciden no mesmo grupo o Malpica e o Baio, 19 delas na Liga da Costa e cinco na 1ª Rexional/Autonómica. O seu primeiro enfrontamento en terras baiesas foi o 31 de marzo de 1974, e rematou co avultado resultado de 5-0, que superaba o 4-0 que conseguiran os malpicáns na primeira volta. Estaría despois o Baio catro temporadas sen gañarlle ao Malpica, ata que o volveu golear na 78-79 (4-1), para volver os malpicáns a puntuar nas dúas seguintes, con goleada incluída na 80-81 (1-5). Esta foi a última vez que o Malpica saíu cun triunfo de campo baiés, pois nos 15 enfrontamentos que virían despois tan só foron quen de empatar en tres deles, e os tres polo mesmo marcador: 0-0 (08-09, 10-11 e 13-14). O último enfrontamento en campo baiés data da temporada pasada, na 1ª Autonómica, e o Baio impúxose claramente por 4-1. Na actual campaña o Baio foi capaz de gañar no encontro da primeira volta (1-3), o que fixo decantarse ao se favor as estatísticas xerais entre eles. No que atingue aos partidos disputados en Baio, son os locais os claros dominadores.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
47
20
09
18
83
84
Xogados en Baio
23
14
06
03
51
34

O partido do domingo
O Malpica figura na actualidade na 10ª posición, logo de 3 derrotas nas últimas tres xornadas, e suma 26 puntos, dos cales conseguiu 11 como local e 15 como visitante nos mesmos partidos. De feito, como foráneo gañou 4 encontros (Buño, Corcubión, Cerqueda e Baíñas), empatou 3 (Ponteceso, Esteirana e Cee) e perdeu 3 (Mazaricos, Louro e San Lorenzo). Leva o mesmo número de goles a favor que en contra, 32, o que supón un termo medio entre os distintos equipos do grupo. O seu máximo goleador é o veterano Cololo, con 7 goles, seguido de Brais Lado e Álex Márquez, con 5.
Once do Malpica hai 15 días [Foto: FB Ponteceso]
O equipo malpicán cambiou no mes de decembro de adestrador, tras a marcha de Esmorís, e ocupa o banco na actualidade o caionés Repi, que principiara a liga no Club do Mar. Dos 22 xogadores utilizados no que vai de temporada, algúns xa abandonaron a disciplina malpicá, como o porteiro Rubén (que fichou precisamente polo Club do Mar), e outros chegaron recentemente, como o porteiro Brais (Sofán), o centrocampista Leilán (Club do Mar) e o dianteiro Iván (At. Arteixo). O futbolista máis utilizado polo dous adestradores é Ismael, seguido por Marcos Pensado, Alberto Carballo, Eloy Cabeza, Brais Lado e Mario Casal. Tamén contan coa maioría de minutos homes como Petís, Pablo Rey, Alberto Hombre ou Cololo. Na portería Rubén era fixo, ao igual que o é agora Brais, e Moscoso, Álex Márquez, Cristian e Rubén García repártense a titularidade. Evidentemente, nos últimos encontros as fichaxes fixéronse un oco no once inicial, ao igual que o dianteiro Brais Ortiz.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – S.C.D. MALPICA
Domingo 5 de febreiro; 16:15 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Enrique Larrosa Pérez.


XUVENIL: COPA DA COSTA

Segunda xornada da fase de grupos da Copa da Costa Xuvenil, que traerá ao Platas Reinoso á SD Sofán, que goleou no primeiro encontro ao Laxe. O equipo sofanista quedou clasificado na liga na 7º posición, un posto por debaixo do Baio, pero con 10 puntos de diferenza. No torneo ligueiro só gañou 4 encontros, pero tres deles foron nas últimas 5 xornadas, o que dá mostra dunha melloría refrendada na inauguración do torneo copeiro. O seu máximo goleador na liga foi Brais (11), seguido de Diego Dourado (8) e Gabriel (7); nesta Copa o propio Diego marcou media ducia a semana pasada ante o Laxe. Os enfrontamentos entre os dous equipos na liga disputáronse na 1ª xornada de cada volta, principiando en Baio con empate (2-2) e goleada baiesa na volta (1-5).

COPA DA COSTA XUVENIL (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – S.D. SOFÁN
Sábado 4 de febreiro; 16:15 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Samuel Pardo Pose.



No hay comentarios:

Publicar un comentario