C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

13 feb 2017

REMAR PARA CHEGAR A BO PORTO

C.D. BAIO 3 - MAZARICOS C.F. 2

Porto rematou o partido
Moi bo ambiente no Platas Reinoso a pesar do clima frío e chuviñento da tarde, pero máis de 300 persoas se achegaron a presenciar un entretido e disputado encontro entre dous dos equipos punteiros desta Liga da Costa. Mais antes temos que facer referencia ao infortunio que se cebou cun dos xogadores baieses, Fachal, que ao iniciarse o quecemento rompía o nariz nun choque cun compañeiro, e tivo que celebrar o seu aniversario nun hospital coruñés. Despois deste lamentable suceso que aumenta máis a enfermería baiesa, viuse un competido partido no que acabou con triunfo do Baio, que quizais foi o equipo que o buscou máis ao longo dos noventa minutos.
Principiou o encontro, con todo, co Mazaricos moi enchufado e disparando varias veces sobre a meta de Diego. Puido marcar Chenel no min.6 logo de irse pola banda da defensa local, pero o seu disparo sacouno o meta baiés. Foi o preludio do primeiro gol do encontro, no que o propio Chenel lle gaña a Norberto por forza e bate por baixo a Diego no man a man (min.8). Curiosamente o gol cambiou o desenvolvemento do encontro, e o Baio fíxose dono do encontro, combinando e chegando á área rival. Nunha desas chegadas, un centro de Isaac é rematada de cabeza no primeiro pau por Martín MC para poñer o empate (min.20). No minuto seguinte, unha nova xogada por banda de Javi Suárez é rematada fóra por Rubio. Sería o dianteiro de Quintáns o que tivese a gran oportunidade ao mandar lambendo o traveseiro un lanzamento desde a frontal, tras xogada ensaiada (min.35). E cando máis dominaba o Baio chegou o segundo gol do Mazaricos nunha xogada a balón parado; no lanzamento dunha falta lateral o balón quedou morto na área e iso aproveitouno Matías para marcar (min.39). Este gol si afectou aos baieses, que viron como Chenel perdoou un man a man con Diego grazas á grande intervención deste no min. 43; e cumpriuse o dito do que perdoa, porque na xogada seguinte, Javi Suárez agarra un forte disparo desde fóra da área e consegue o empate (min.44), co que se chegou ao descanso.
A segunda parte iniciouse cun Mazaricos gardando máis a roupa e as súas saídas á contra xa foron máis escasas. E tampouco en defensa eran quen de deter as acometidas pola banda de Javi Suárez, que foi un pesadelo. Nun dos seus centros, rematou Martín MC pero o balón petou nun defensa (min.50); despois sería Martín o que non aproveitaría dous pases da morte de Javi para marcar (min.57). Visto o visto, os mazaricáns cerráronse máis atrás e o Baio tivo máis dificultades para crear ocasións. Pero nun arreón final, chegaron novas ocasións para os locais, cun remate de Norberto nun balón morto que se foi fóra (min.83), ou unha vaselina de Martín MC desde a frontal que se foi lambendo o traveseiro (min.84), así ata chegar a un córner que rematou de cabeza no segundo pau, o central Porto (min.87). Nos minutos de desconto intentou ir arriba o Mazaricos, pero o Baio estivo firme en defensa e non consentiu máis que lanzamentos desde fóra da área que resolveu ben Diego.
Con esta vitoria o Baio consegue afastar a seis puntos (e golaveraxe) a un rival directo e segue no rebufo do líder Corme, que non afrouxa. A vindeira semana toca visitar a Esteirana e, sobre todo, recuperar algún dos lesionados.



No hay comentarios:

Publicar un comentario