C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

6 feb 2017

90 MINUTOS... E DESPOIS CAPEAR O VENDAVAL

C.D. BAIO 2 - S.C.D. MALPICA 1

Diego Mallo ou como capear o vendaval
Tarde chuviñenta no Platas Reinoso que minguou a habitual presenza de afeccionados no campo, non chegándose aos 200 espectadores. O equipo visitante viña de tres tropezos consecutivos, pero presenta un bo plantel de xogadores e prometía poñer as cousas difíciles, e por riba co debut do porteiro vimiancés Víctor, incorporado esta semana,
O partido principiou practicamente coa xogada do primeiro gol local, tras unha internada na área de Moreno, é empuxado por Alberto cando se presentaba ante Víctor. Da transformación do penalti encargouse Martín MC (min.3). Puido o dianteiro baiés incrementar a súa conta nunha xogada de estratexia pero o seu lanzamento foise desviado, non chegando tampouco Norberto para empuxala (min.14). Dominaba o encontro o Baio ante un Malpica que apenas se achegaba á área rival, pero na primeira oportunidade logrou o empate, ao non lograr sacar o balón a defensa e o disparo de Brais Lado, rebota en Norberto e cóase na meta local (min.30). A pesar do mazazo para os locais, reaccionou moi ben e dous minutos despois unha xogada por banda de Martín MC remata co pase da morte cara a Moreno, que desde o punto de penalti remata fóra (min.32). E no min. 36 nova ocasión para Martín, no lanzamento dunha falta, que foi colocada á escuadra, pero consegue sacala Víctor a córner.
Na segunda parte, o Baio foi perdendo o control do partido, e co paso dos minutos tamén trouxo o nerviosismo pois non só non chagaba o gol, senón que tampouco se xeraban ocasións. E aproveitouno o Malpica para sacar contras a través de Brais Lado, que tivo o gol nunha boa xogada por banda, ata presentarse ante Diego e con porteiro xa batido, sacaba Pedro baixo paus (min.56). Referescou Pedro o centro do campo e parece que colleu algo de impulso o cadro local, e nesas chegaría a mellor ocasión nun centro de Isaac, que remata Javi Suárez adiantándose á defensa pero o balón vai ao pau (min.77). Parecía que non ía sumar os tres puntos o equipo local, ata que chegou unha rápida combinación na beira da área, cun pase sobre Martín MC, que tras sortear a Víctor marcaba o 2-1 (min.87). Mais aquí non acabou o encontro, pois no tempo engadido o Malpica acumularía as súas mellores ocasións, pero aí emerxeu a figura de Diego para solventalas todas. O vendaval malpicán comezou nun lanzamento de falta lateral colgado para Ismael, que conecta un forte cabezazo pero Diego voia para enviar a córner (min.92); no saque desde o curruncho prodúcese un rebumbio na área ata que o balón lle queda franco a Mario Casal, pero o tiro vaise ao traveseiro (min.93). E será novamente Diego o que saque da escuadra un lanzamento de falta de Eloy Cabeza (min.95), e Mario Casal de novo tivo outra ocasión pero o seu tiro coa zurda foise fóra (min.97). 
Tivo que sufrir o Baio na prolongación o que non sufrira en todo o encontro, pero ao remate conseguiu sumar os tres puntos que o manteñen na segunda posición, e aproveitar así o empate entre o Mazaricos e o Corme para situarse a tres puntos deles, os primeiros por abaixo e os segundos por arriba. E a vindeira semana novo partido no Platas coa visita precisamente do temible Mazaricos.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

XUVENIL: C.D. BAIO 5 - S.D. SOFÁN 3

Fredi sinala a clasificación
Segunda xornada da Copa da Costa Xuvenil e visitaba o Platas o Sofán, que viña de golear ao Laxe. Principiou o partido do mesmo xeito que sería toda a primeira parte, un monólogo dos locais, que erraron infinidade de ocasións, e tan só marcaron catro goles. O primeiro chegou no min.10 ao empurrar Santi un pase da morte de Mohedano. Nos minutos 28 e 29 chegarían dous goles máis obra de Luis e novamente de Santi, e no 35 conseguía Sergio o máis bonito da tarde ao ver adiantado ao porteiro sofanista e meterlla por riba desde case corenta metros. Co 4-0 chegouse ao descanso e a superioridade fora tal, que os baieses saíron relaxados no segundo período. Con todo no min.53 Estefan lograba un novo gol, que foi invalidado polo árbitro pois o seu lanzamento fora tocado pola man do porteiro fóra da área, e o colexiado decidiu invalidar o gol e expulsar o gardameta visitante. Un erro na saída do balón custoulle ao Baio que o Sofán marcase o seu primeiro gol (min.70), pero axiña Luis ampliaría as distancias co seu segundo gol (min.72). Tivo moitas ocasións o Baio para seguir sumando gol, pero non estiveron nada atinados os xogadores baieses, que por riba vían como o Sofán en dúas chegadas marcaba dous goles que os achegaba no marcador. Mais nunca viron en perigo os locais a vitoria, e ao final chegouse cun resultado moito máis curto do que se viu no Platas Reinoso, pero a falta de puntería e a relaxación impedírono. Con todo, boas sensacións as que deixou o equipo local, que amosou moita solvencia cando o marcador estaba apertado e suma así a segunda vitoria desta fase de grupo. 

Ficha do partido da FGF
Clasificación do grupo 2

No hay comentarios:

Publicar un comentario