C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

27 feb 2017

ROMPENDO ESTATÍSTICAS

C.D. BAIO 4 - CAMARIÑAS F.C. 0

Rubio, que xogou de improvisado
lateral esquerdo, acabou marcando
un gol e dando unha asistencia
Adiantado á tarde do sábado de entroido o partido que enfrontaba a CD Baio e Camariñas FC, trouxo menos público do habitual ao Platas Reinoso, congregándose arredor de 150 espectadores, E nun encontro que non tivo máis historia que unha clara vitoria local, que racha as estatísticas favorables aos camariñáns, pois esta é a quinta vitoria baiesa dos trinta partidos ligueiros que levan disputados ente eles na historia do fútbol costeiro.
A pesar da recuperación dalgúns dos puntais do cadro camariñán non deu a impresión de que fose poñer en apertos ao cadro baiés, e aos quince minutos xa o Baio puxera terra de por medio. Foi xa na primeira xogada combinativa cando chegou o primeiro gol, cun pase entre liñas de Bieito para Javi Suárez, e o centro deste ao segundo pau é rematado de volea por Rubio ao fondo da portería (min.4). O segundo veu dun balón sobre Martín MC na frontal que deixa de cara para Martín, que remata ao poste, o rexeite cólleo Rubio que cede para Martín MC, que fusila a Pablo para poñer o 2-0 (min.15). Este gol deixou moi tocado ao Camariñas, que viu como o Baio entraba como quería na súa defensa, e tivo varias ocasións de gol que non chegou a concretar. No min.18 xogada de MC por banda que centra para Bieito pero o remate forzado deste vaise fóra; un minuto despois unha internada na área de Javi Suárez acaba cun remate potente deste que desvía Pablo e no min.21 é de novo Javi Suárez o que non consegue disparar entre os tres paus un bo pase de Bieito. Era tal a superioridade dos baieses, que pouco a pouco foron saíndo do partido e deixando que o Camariñas se achegase á meta de Recarey. O primeiro intento foi un disparo lonxano de David Pasantes que desviou o meta baiés a córner, e despois dúas internadas de Nazo na área que non soubo sacar proveito delas. Pero nun achegamento baiés, logo dunha boa combinación o balón chégalle a Martín MC na frontal e remata de colocado zurdazo á rede (min.35). Puido conseguir o hat-trick na primeira parte o dianteiro baiés nun disparo que rozou nun defensa e saíu lambendo o traveseiro (min.41).
A segunda parte poderiamos dicir que sobrou, pois o peixe estaba todo vendido. Só valeu para que os locais perdoasen varias ocasións claras de gol, sobre todo nas botas de Javi Suárez, que a pesar do seu bo partido, estaba negado cara ao gol. No min. 58 é Pablo quen lle saca cos pés un potente disparo tras internada na área, no min, 66 é o pau o que evita que o balón entre na portería e no min.71 é novamente Pablo o que saca o balón a córner tras disparo do baiés. Cando parecía que non se movería o marcador, chegou o cuarto tras envío longo do xuvenil Fran sobre Javi Suárez, que aproveita o erro do defensa para internarse na área e ceder ante a chegada de Martín MC para que este fusilase a meta camariñán (min.88) e conseguise un novo hat-trick (o seu quinto, polos seis que leva Alejo).
Tres puntos máis para os baieses que seguen na pelexa tras unha xornada na que gañaron os cinco primeiros polo que se manteñen as distancias. A vindeira semana toca ir visitar o campo de Xaviña, para enfrontármonos a outro dos clásicos da Costa, o Buño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario