C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

20 feb 2017

FACENDO SUFRIR

S.C.R.D. ESTEIRANA 1 - C.D. BAIO 2

Na tarde soleada deste domingo visitaba o CD Baio o campo da Salina, bautizado co nome do mellor xogador saído da Liga da Costa, Xosé Luis Vara, quen por certo, segundo a magnífica historia da Esteirana de Manuel Torres debutara coa camisola azulgrana no campo do Balsiño xogando con ficha falsa por non ter aínda a idade regulamentaria. Os moitos asistentes ao campo, próximos aos 300, puideron ver un encontro que non fixo honor ao nome do campo, pois o bo xogo brillou pola súa ausencia.
Principiou o partido co Baio querendo levar o peso do xogo fronte a unha Esteirana, que se encontraba repregada atrás, e deixando en punta á recente fichaxe Josiño Barreiro, mentres que ao centro da defensa retornaba Dani Rama tras a súa "retirada" da tempada pasada. E controlou facilmente o partido o Baio aínda que os achegamentos eran escasos á meta local. A primeira clara estivo nos pés de Javi Suárez (min.20), que recibiu un balón en profundidade que remata picando sobre a saída do porteiro, e cando o balón se coaba chega Rafa para sacala da raia de gol. No min. 30 chegaría o primeiro gol, mercé a un lanzamento de falta que marcou Martín superando a barreira. O propio Martín tivo unha boa oportunidade dous minutos despois cun forte lanzamento lonxano, que o meta Roberto conseguiu rexeitar. A superioridade visitante era tan manifesta e as chegadas locais non mostraban moito perigo, que o Baio pasada a media hora apagouse e como no partido de Baíñas, permitiu que o seu rival se metese de cheo no encontro aproveitando os graves erros que cometían os baieses. Nos últimos cinco minutos da primeira parte a Esteirana tivo dúas ocasións inmellorables, que só a fenomenal actuación do meta Diego impediron que subisen ao marcador. No min. 40 un balón perdido por Martín cando era o último home permitiulle a Josiño encarar o porteiro, pero este tapou moi ben o seu disparo; e no min. 44 un córner é rematado no punto de penalti por un Rafa totalmente libre que non chegou ás redes pola intervención felina do meta visitante.
A segunda parte iniciouse polo mesmo camiño, e no primeiro minuto un balón claro da defensa que non saca da área e deixa no man a man de Josiño co porteiro, e esta vez puxo o empate no marcador (min.46). A Esteirana colleu forzas e viuse con posibilidades non só de conseguir un empate, senón de darlle a volta ao partido, pois os baieses non eran quen de dar dous pases seguidos sen perdela. Tivo que ser nun balón en longo de Martín para Javi Suárez para que o Baio metese de novo o medo no corpo aos locais, cun lanzamento do dianteiro que saíu lixeiramente desviado (min.53). Os cambios déronlle outro aire ao partido e o Baio deu un paso adiante e a Esteirana un atrás, e así chegou unha oportunidade de Martín MC tras parede con Bieito (min.67), ou un centro lateral de Martín sobre Javi Suárez que corta Rafa rematando cara á súa portería e sacando en gran intervención Roberto (min.69). Tamén tivo a súa a Esteirana nunha contra sobre Josiño, que tras desfacerse de Norberto, tirou ao pau longo, pero aí chegou a man de Diego para desviar a córner (min.71). Co Baio embotellando a Esteirana tivo Bieito unha volea que lle foi lixeiramente alta (min.76) a súa oprotunidade para marcar. Pero houbo que agardar ao primeiro dos sete minutos de engadido para que chegase o gol da vitoria baiesa, que chegou grazas a unha xogada de Isaac que rematou cun forte disparo que conseguiu rexeitar Roberto, pero o balón quedoulle franco a Javi Suárez, que remachou á rede. Non tivo forzas nos minutos restantes o equipo local para ir polo empate, que xa asinaban había moitos minutos e só houbo que agardar a que o árbitro sinalase o final para certificar a vitoria.
Moi mal partido que se resolveu nos minutos finais como nas dúas xornadas anteriores, que lle permiten ao Baio manter as distancias tanto co líder coma cos seus perseguidores. Agardemos que o vindeiro sábado no encontro co Camariñas os baieses mostren a súa mellor versión e non fagan sufrir tanto aos seus afeccionados.


XUVENIL: S.D. LAXE 0 – C.D. BAIO 2

Terceira xornada da fase de grupos da Copa da Costa Xuvenil e terceira vitoria dos baieses. Partido cómodo e tranquilo dun equipo xuvenil baiés que se viu tan superior que se esqueceu de marcar. E iso que tivo boas oportunidades de gol, pero sobre todo faltaba elaborar máis a xogada e combinar con máis precisión para que o balón chegase con claridade aos rematadores. Sen goles se chegou ao descanso, o que lle deu alas aos locais para crer na posibilidade de chegar con perigo á meta rival, algo que no primeiro tempo non lograron. O gol de Estefan (min.62) puxo algo de tranquilidade nuns baieses e decepción nos locais, pero pasaban os minutos e o Baio non pechaba o partido, polo que se mantiña a incerteza. Co gol de Damián (min.74) o encontro quedou visto para sentenza e aínda puido chegar algún gol máis nos minutos finais para os baieses.



No hay comentarios:

Publicar un comentario