C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

15 oct 2012

DA GOLEADA AO SUFRIMENTO

C. D. BAIO 4 - S. D. SAN LORENZO 2
 
Na tarde chuviosa do domingo visitaban os de Verdillo o Platas Reinoso, nun encontro que se prevía igualado, pois xa se enfrontaran na pretemporada e os de Gueli Cotelo deixaran boas sensacións. Non obstante este Baio nada ten que ver con aquel pois o equipo foi a máis e agora mesmo está dando unha gran sensasión, sobre todo no campo ofensivo, pois consegue crear multitude de ocasións de gol. Ademais, Félix vai pouco a pouco recuperando efectivos e agardemos que pronto dispoña da totalidade do plantel para dar máis solucións tácticas.
No partido de onte, baieses e verdilleses comezaron con calma, como non querendo mostrar as súas armas, intentando controlar o partido, e expoñendo o máis mínimo. Os locais, como sempre, movendo o balón e os visitantes ben colocados atrás, sen deixar ocos na súa defensa. Non houbo moitas ocasións na primeira media hora, pois o movemento de balón baiés aínda non era do todo fluído e os carballeses non daban enganchado con Fuentefría, o único punta, por veces moi desasistido. Pero nos últimos quince-vinte minutos desta parte, o Baio volveu ser un ciclón en ataque e creou infinidade de ocasións, a cada cal máis clara, pero que non daban o seu froito no marcador, sobre todo polas intervención de Puyi, algunhas delas máis que milagreiras. Norberto, Martín, Alberto e Martín MC tiveron a súa dobre oportunidade, pero parecía imposible. Tivo que ser a clase de dous veteranos a que cambiase as cousas pouco antes do descanso: un pase medido de Alberto sobre Martín, facía que este cun sutil toque fixese inútil a estirada do meta visitante.
Martín volveu dar clases
de fútbol [Foto: Santi Díaz]
A segunda parte comezou co Baio decidido a sentenciar o partido, e abofé que o conseguiu, pois creou moitas ocasións, pero neste caso si que concretaron varias delas. Comezou avisando Jorge cun lanzamento ao pau cando se encontraba nunha posición franca para marcar, pero tivo que ser o goleador Martín MC o que anotase o gol ao aproveitar un gran pase de Eloy Vilas. Non tardou en anotar de novo o pichichi baiés ao aproveitarse da pillería de Martín, que sacou rápido unha falta que deixou só ao punta para anotar o seu 14º gol da liga [Se non puideches ver a reseña do Deporspor pica aquí]. Non se cumprira o cuarto de hora da segunda parte e o Baio anotaría o cuarto gol, a través dunha xogada persoal de Martín, que se foi do seu rival cun autopase e un cambio de ritmo que recordou o Martín doutra época, e presentouse ante o porteiro rival e xeneroso cedeulle o balón a Rubio que só tivo que empurrala á rede. Foron varias as ocasións que seguiron creando os baieses, a pesar de baixar o ritmo, nos minutos seguintes. Do San Lorenzo non había noticias en ataque, ata que o Baio baixou tanto a súa intensidade, que chegou a desconcentración que meteron o rival no partido. Unha falta lateral botada sobre a frontal da área, fixo que fose rematada con tranquilidade por Chucho, que batía a Anxo logo de rebotar en varios xogadores. Un novo erro dos baieses, ao perder o balón na saída da xogada, deixaba o coiro nos pés de Fuentefría que anotaba un gran gol e poñía o nerviosismo no conxunto local e a esperanza nos visitantes. Tiveron estes a oportunidade de conseguir un terceiro gol, pero Carlos enviou alto, antes de que o árbitro sinalase o final dun encontro no que os baieses puideron golear e no que acabaron pedindo a hora.
Haberá que corrixir esta desconcentración que se dá nalgúns partidos, pero o equipo está en moi boa liña e ocupa unha das prazas altas da clasificación, antes de render visita o próximo domingo ao Cee, un encontro dos dous clubs históricos da Costa, e que nestes momentos figuran empatados presentando a súa candidatura ao título.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Fachal 73'), Mario (Eloy Lema 72'), Ramón, Pablo, Yago, Norberto, Alberto (Eloy Vilas 45'), Jorge (Rubio 56'), Martín MC, Martín.
 
Goles: 1-0 Martín (43'), 2-0 Martín MC (52'), 3-0 Martín MC (54'), 4-0 Rubio (59'), 4-1 Chucho (71'), 4-2 Fuentefría (82').

Coma sempre quedades coa reportaxe fotográfica de Santi Díaz [Se non viches a reportaxe sobre os nosos fotógrafos do Deporsport pica aquí]:















 






No hay comentarios:

Publicar un comentario