C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

22 oct 2012

TRES DERROTAS, TRES

U. C. CEE 3 - C. D. BAIO 0

Na fría e ventosa tarde do domingo disputouse o partido correspondente á oitava xornada do Grupo 3º da 2ª Autonómica entre os dous conxuntos históricos da Costa, pois son os que máis temporadas levan participando (49 os ceenses e 50 o Baio).
Anxo volveu xogar na súa
terra [Foto: Santi Díaz]
O encontro moveuse no terreo da igualdade, con ocasións para os dous equipos que non obstante deixan un avultado resultado a favor dos locais, que a todas luces non fai xustiza ao visto no San Paio de Refoxos. A primeira parte comezou cun intento local de achegarse á porta do porteiro Anxo, pero axiña os baieses lograron controlar a posesión de balón e movelo con facilidade chegando con perigo, deixando dúas claras oportunidades de Martín MC que se presentou só ante Parroto, pero non logrou convertelas en gol. O Cee puxo o medo no corpo nun remate de cabeza de Rafa, que saíu milagreiramente por riba do traveseiro, pero en boa parte desta primeira metade eran os baieses os que daban máis sensación de perigo, e que podían marcar en calquera momento.
Comezou a segunda parte e a decoración cambiou completamente. A pesar de xogar co vento a favor, o Baio desapareceu do partido e foi superado polos ceenses, sobre todo no primeiro cuarto de hora, no que a entrada no campo de Angeliño deulle outro dinamismo. Un gol seu aos oito minutos e outro de Penedo pouco despois poñía as cousas costa arriba. Tivo que recorrer Félix ao xuvenil Christian, que volvía logo da súa lesión, e tivo a grande ocasión do Baio para metelos no partido, logo dunha gran xogada, na que logo de irse de varios defensores o seu remate petou no pau da portería dun Parroto xa batido. A pesar de non elaborar un fútbol fluído, con bastantes erros na circulación do balón, tivo algunha oportunidade máis o Baio, sobre todo nas botas de Martín MC, que novamente era incapaz de bater o porteiro ceense en dous man a man. Non tivo o seu día cara ao gol o pichichi da categoría. O gol final de Angeliño foi unha anécdota máis neste partido no que o Baio perdeu a oportunidade de achegarse á cabeza da clasificación.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Christian 62'), Mario, Ramón (Fredi 85'), Pablo, Yago, Norberto (Jorge 80'), Eloy Vilas, Alberto (Rubio 68'), Martín MC, Martín.  
 
Goles: 1-0 Angeliño (53'), 2-0 Penedo (60'), 3-0 Angeliño (98').
 
XUVENIL: S. C. D. MALPICA 4 - C. D. BAIO 1

Moi mal partido o disputado polo xuvenil baiés na tarde do sábado no campo de Pedra Queimada malpicán, entre dous conxuntos chamados a loitar polas tres prazas que dan dereito a loitar pola Liga da Costa xuvenil. Como aconteceu o ano pasado, parece que non se lles dá ben este campo aos baieses pois demostraron moi pouco do que é habitual neles. Quizais as baixas de Christian e Anxo, e que David e Santi andan aínda renqueantes logo das súas lesións, sexan unha escusa, pero o sábado os malpicáns foron claramente superiores. Mediada a primeira parte chegaron os dous primeiros goles locais, convertidos por Martín Maradona, nun erro defensivo dos baieses, e por Diego, que aproveita unha bonita xogada de Juny pola banda, aínda que arrancaba nun máis que posible fóra de xogo. Estes dous goles puxeron a sentenza ao partido, pois os visitantes nunca deron sensación de poder remontar. A segunda parte pouca historia tivo, salvo os tres goles restantes convertidos por Diego e Pitís, por parte local, e o visitante por medio de Pablo, dende o círculo central que sorprende por alto ao porteiro malpicán. No medio deles a parte negativa, os continuos roces entre os xogadores que remataron coa expulsión do local Juny e do visitante Marcos, por un encaramento mutuo. Na parte positiva, o debut do cadete Miguel, que disputou os seus primeiros minutos como xuvenil.
 
Polo CD BAIO xogaron: Pollo, Xoel, Kevin, Pablo, Alberto, Fachal (Guillermo 87'), Cachopo (Miguel 76'), David (Marcos 52'), Lucas, Carlos (Hío 47'), Santi (Pedro 89'). 
 
Podedes ler a crónica do partido feita polo amigo Luis Porto, se picades aquí.
 
INFANTIL: C. D. BAIO 3 - CABANA S. D. 4
 
Goles baieses de Anxo (2) e Santi.
 
Quedades coa reportaxe fotográfica do partido do equipo xuvenil, realizada por Iván López "Vilas" (coa cámara de Santi Díaz, iso si):
Equipo titular en Malpica









Falta lanzada por Fachal nunha boa ocasión baiesa
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario