XUVENIL: C. D. BAIO 1 - CAMARIÑAS F. C. 0
Na tarde do sábado xogaban os xuvenís do CD BAIO fronte ao Camariñas, un partido trampa ante as moitas baixas que presentaban os locais, sobre todo na liña dianteira: Christian, Santi, Anxo, Hío e o sancionado Alberto non puideron ser da partida, e David tivo que xogar de dianteiro, a pesar de estar aínda renqueante da súa lesión que o tivo apartado dúas semanas do equipo.
Aínda así o Baio xogou como nos ten habituados, co clásico movemento de balón xirando ao redor de Fachal, pero que nesta ocasión non tiña mordente, faltaba chispa nos últimos metros e as ocasións eran escasas para o que é propio neles. Como na parte defensiva os baieses non tiveron problemas, chegouse ao descanso co marcador inicial, coa única incedencia da expulsión dun xogador camariñán por dúas fortes entradas no minuto 38.
Saíu o Baio na segunda parte con ánimos de conseguir o gol que lles dese a vitoria, e para iso arriscou Emilio ao colocar unha defensa de tres, para aumentar o dominio no centro do campo ante un rival que se pechou atrás. Tivo que xogar o porteiro suplente Pollo de dianteiro centro ante a falta de efectivos, pero cumpriu na súa misión de aguantar o balón e combinar coas mediapuntas. Nunha destas chegou o único gol do partido, nun pase en profundidade para Lucas, que resolvía ante o porteiro. Tivo varias ocasións máis o Baio, sobre todo unha de Iván, pero non logrou convertelas en gol, polo que se chegou aos minutos finais cun axustado marcador, que creou certo nerviosismo nos locais, máis polo apertado do resultado, que polo perigo que crearon os camariñáns. Hai que destacar o debut do cadete Javi, que tivo no minuto final unha clara ocasión para debutar marcando, pero a bo seguro que ha ter máis oportunidades.
Con esta vitoria o Baio ocupa o cuarto posto, a tres puntos dos líderes, pero hai que lembrar que ten un partido menos disputado. O próximo sábado, visita a Pedra Queimada, para enfrontarse ao líder Malpica, no que se poden repetir os intereresantes duelos da temporada pasada.
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos (Pollo 54'), Xoel, Kevin, Pablo, Fachal, Cachopo, Carlos (Javi 73'), Lucas, Pedro, David (Iván 63').
Gol: 1-0 Lucas (57').
INFANTIL: OUTES F. C. 2 - C. D. BAIO 4
Tiveron que madrugar os infantís o domingo para acudir á Serra de Outes, pero o madrugón pagou a pena, pois disputaron un completo partido no Conchido e impuxéronse con claridade aos locais. Aínda así a primeira parte foi igualada e tan só un gol de Anxo a tres minutos para o final, puxo en vantaxe aos visitantes. Iniciouse a segunda parte cun novo gol do goleador baiés, o que lles deu tranquilidade para desenvolver o seu xogo. Non houbo máis movementos ata os dez minutos finais, nos que a causa do cansanzo os equipos se descompuxeron e chegaron unha serie de goles dos dous conxuntos. Acurtou distancias no 70 o Outes grazas a un penalti, pero Éver un minuto despois volvía marcar as distancias, mentres que no 74 Anxo anotaba o seu terceiro gol e certificaba a vitoria dos baieses. Un novo gol dos da Serra no 77 só serviu para maquillar o resultado dun partido no que se produciu o debut do laxense David.
Con este resultado, os baieses ocupan a terceira praza, empatados co Cabana, que será o rival que visite o Platas Reinoso o próximo domingo.
Polo CD BAIO xogaron: Julián (Cedrón 71'), Alejandra (Queiro 54'), Carlos, Víctor, Andrea, Santi, David (José Antonio 49'), Sergio, Éver (Dani 71'), Anxo, Eloy (Caneda 54').
E agora, aquí tedes as fotos do partido de xuvenís, sacadas polo gran fotógrafo Santi Díaz (a ver se saca menos fotos dos xuvenís porque está xogando con eles):
No hay comentarios:
Publicar un comentario