C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

20 nov 2012

BAÑO AO VOLANTES

VOLANTES DE BAÑO F. C. 0 - C. D. BAIO 5
 
Tocou viaxar de novo a Muros este domingo, para enfrontarse por vez primeira na historia co Volantes de Baño FC, equipo que foi fundado hai dous anos na parroquia muradana de Baño. E a pesar de que os locais estaban a realizar unha boa tempada no seu debut na Liga da Costa, na tarde de onte pasou por Miraflores un vendaval chamado CD BAIO. Foi un partido con pouca historia, cunha superioridade manifesta dos visitantes, ante un equipo local que puido acusar a baixa dalgúns dos seus xogadores máis coñecidos.
Recorte, recorte, home ao chan, lanzamento á escuadra...
Xa desde o primeiro minuto saíu o Baio disposto a controlar o partido, ante un rival que intentaba tamén tocar o balón e saír con el xogado desde atrás, pero ante a presión baiesa no centro do campo, perdía unha e outra vez a posesión do balón e acababa por lanzar balonazos na busca dos seus puntas, sen éxito. Con Martín MC na punta, loitando por cortar a mala racha de catro partidos sen marcar, chegaron as primeiras aproximacións á área local. Canda el as continuas chegadas dos centrocampistas ás proximidades da meta defendida por Rubén Santos, desequilibraron por completo aos homes do Volantes, véndose que o gol logo tiña que chegar. Tivo que ser nunha xogada de estratexia, nunha combinación entre Alberto e Martín, que deu o pase da morte para que Yago batese a Rubén no primeiro pau. O segundo chegaría noutra xogada a balón parado, en concreto, dun córner botado por Alberto, que remataba co xeonllo Norberto no segundo pau. A pesar dalgunha tímida chegada dos homes do Volantes, non reaccionaron a este mazazo dos dous goles, e vían como crecía a figura de Martín MC. Intentouno o pichichi cun lanzamento dende o círculo central vendo adiantado o porteiro, pero fóiselle fóra por pouco. Outra volea coa zurda atallada polo porteiro foi o preludio da gran xogada do partido. Martín MC colle o balón no seu campo e arrinca con forza en velocidade, intérnase na área e cun recorte senta aos dous defensas que lle saíron ao paso e bate cun forte lanzamento pola escuadra a portería local. Antes do descanso tivo outra clara oportunidade, neste caso pola banda dereita, pero o seu disparo saíu lambendo o poste. Con tres goles de vantaxe chegábase ao descanso, coa afección baiesa rendida ao equipo logo da exhibición de xogo desta primeira parte.
...e gol de Martín MC, celebración e vena inchada.
Baixou o ritmo na segunda, tratando de facer boa a diferenza conseguida, e diso aproveitouse o Volantes, que se foi arriba tratando de meterse no partido, apoiados pola súa numerosa afección. Pero non podían desequilibrar a segura defensa baiesa, polo que o seu perigo chegaba en lanzamentos desde fóra da área, sen que alcanzasen a poñer en apretos a Anxo. Para paliar calquera dubida, volveu Martín MC, que aproveitaba un pase de Martín para irse cun sutil toque do seu marcador e plantarse diante do porteiro, baténdoo na súa saída. Aproveitou Félix para facer os cambios e darlles minutos á xente do banco, e o partido entrou no que en baloncesto chamarían os "minutos da basura", que só valeron para que o Baio crease varias ocasións claras, entre elas dous mans a mans de Martín MC que non aproveitou ante a boa actuación do meta local. Sería nas postrimerías do partido cando chegase o quinto e definitivo gol, obra de novo de Martín MC, conseguindo así o hat-trick, tras aproveitar un "sorprendente" pase de Mario no lanzamento dunha falta.
Con esta vitoria o CD BAIO colócase na terceira praza, empatado co cuarto, o Cee, e segue a tiro de pedra dos dous primeiros, Esteirana e Sofán. A próxima semana achagarase ao Platas Reinoso o Castriz xalleiro, un conxunto irregular, capaz do peor e do mellor, polo que haberá que estar precavidos para non levar unha sorpresa.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo (Guillermo 87'), José Antonio, Mario, Ramón (Eloy Lema 67'), Pablo (Fredi 76'), Yago, Norberto, Martín (Eloy Vilas 57'), Rubio, Alberto (Jorge 80'), Martín MC.
 
Goles: 0-1 Yago (14'), 0-2 Norberto (19'), 0-3 Martín MC (37'), 0-4 Martín MC (54'), 0-5 Martín MC (89').

XUVENIL: LAXE S. D. 1 - C. D. BAIO 3

Un baño en forma de temporal de auga foi o que se puido presenciar o sábado pola mañá no campo do Cabo de Area laxense, deixando o céspede convertido nunha piscina sobre o que era moi difícil xogar. Con todo, tanto uns como outros intentaron dalo todo, facendo un sobreesforzo físico.
Comezou o partido animado, cunha sucesión de goles, principiando por dous golazos. O primeiro en marcar foi o Baio por medio de Fachal, que aproveitou un centro de Hío, para controlalo coa dereita e lanzar coa esquerda á escuadra da meta local. Apenas uns minutos despois era o ex-xogador baiés Adrián o que conseguía o empate con outro gran gol, nun lanzamento de falta sen apenas ángulo que sorprendía a Guillermo por alto. Non deixaron os baieses que se animasen os locais, e o pichichi Santi Díaz batía a meta laxense para poñer de novo por diante aos visitantes. Tivo o Baio máis ocasións para poñer tranquilidade no marcador, pero non conseguía atinar coa portería. A máis clara foi de Hío, que fronte aos seus paisanos estaba moi motivado, pero cando xa cantaba o gol, sacou o porteiro un milagreiro pé desviando o balón a córner. Foi Fachal, o mellor xogador no campo, o que marcaría o terceiro e definitivo gol, que logo dun córner o seu remate de cabeza é interceptado pola defensa pero aproveita o balón morto para bater por baixo ao porteiro.
Con este resultado chegouse ao descanso, e este sería o definitivo, pois na segunda parte non aproveitou o Baio ningunha das ocasións das que dispuxo, que foron unhas cantas, pero non estiveron finos de cara ao gol. Con todo, loitaron e intentárono sobre un campo que se ía poñendo máis complicado conforme pasaban os minutos, polo que hai que felicitalos polo esforzo realizado, destacando o partidazo feito polo cadete Miguel, que debutaba como titular cos xuvenís.
Ascende o Baio á terceira praza que dá dereito a participar na segunda fase da Liga da Costa, apertándose a clasificación entre o Cabana, segundo, e o Malpica, cuarto, mentres que o Ponteceso mantén unha cómoda vantaxe. A próxima semana visita o Platas Reinoso o Corme.
 
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Miguel, David, Xoel, Cachopo (Anxo 56'), Fachal, Kevin (Pollo 80'), Lucas, Carlos (Christian 61'), Hío, Santi Díaz.
 
Goles: 0-1 Fachal (4'), 1-1 Adrián (7'), 1-2 Santi Díaz (12'), 1-3 Fachal (38').
 
CADETE: C. D. BAIO 0 - FISTERRA S. D. 7

Auténtico baño de goles o que lle deron os fisterráns aos cadetes baieses, que non puideron colleitar un bo resultado ante un rival que se mostrou moi superior. Na mañá chuviosa do sábado xogaron polo CD BAIO: Alberto, Alejandra, Andrea, Samuel, Álex, Fran, Pedro (Javi 47'), Estefan, José Antonio, Oreiro, Alfonso (Álex Senande 68').

INFANTIL: C. D. BAIO 2 - AS BALEAS F. S. 5

Tras chegar ao descanso co 0-0 no marcador, houbo na segunda parte unha choiva de goles. Os baieses foron obra de Éver e Anxo.

Agora quedades coas fotos do partido Volantes de Baño-Baio, obra de Santi Soneira:








 












As bancadas do Miraflores quedaron mudas coa superioridade baiesa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario