C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

7 nov 2012

CINCO DE CINCO

Cinco vitorias nos cinco partidos disputados nas distintas categorías polo CD BAIO nesta ponte de comezos de novembro. O xoves gañaban os infantís e os xuvenís (estes en partido aprazado), o sábado gañaban os cadetes e novamente os xuvenís, e o domingo eran os afeccionados os que triunfaban en Buño para alcanzar o pleno ao cinco.
 
S. C. D. BUÑO 0 - C. D. BAIO 1
 
Na chuviñenta tarde do domingo visitaba o CD BAIO o campo de Xaviña para enfrontarse ao histórico equipo oleiro, un encontro que supoñía unha importante oportunidade para retomar o rumbo da vitoria, despois de dous tropezos consecutivos. E a pesar de non desenvolver o fútbol que nos ten habituado, logrou un triunfo que o volve meter no pelotón de cabeza desta igualada Liga da Costa.
Martín anota o único gol do partido [Foto: S. Soneira]
Comezou con forza o Baio, dominando a posesión do balón ante un Buño que se pechaba atrás, e non tardarían en chegar as oportunidades. Nunha delas un disparo de Martín MC desde fóra da área é rexeitado polo porteiro Brais, e moi oportuno Martín adiantouse aos defensas e lograba introducir o balón na meta local, no que foi ao final o único tanto do encontro. Seguiu dominando o equipo visitante, e Martín MC tivo unha grande oportunidade, ao controlar de costas ao porteiro un gran pase de Martín e o seu remate de reviravolta saía lambendo o pau. As lesións de Norberto e de José Antonio (que tivo que ir á Coruña cunha brecha na cabeza), cando se levaba disputada media hora, cambiou o rumbo do xogo. Os baieses perderon por momentos o control do xogo, e o Buño daba as primeiras mostras de perigo.
Non cambiou moito a decoración na segunda parte, na que o xogo se volveu máis tedioso, con escasas ocasións de gol. A pesar de que o Buño se fixo co dominio do balón e os baieses se pecharon atrás na busca das contras, nin os locais conseguían inquietar a Anxo, nin os visitantes lograban encadear catro pases seguidos que os puxesen ante o marco local. Tan só os minutos finais ofreceron algo de emoción, coa mellor ocasión de gol do Buño que Gurita desaproveitou lanzando fóra, e coa expulsión máis que rigorosa do malpicán Eloy Vilas no último minuto de encontro.
Con este triunfo sitúase o Baio na quinta praza, con 19 puntos, a catro do líder Esteirana, e a próxima semana recibe ao veciño Cabana, un equipo que tras un mal inicio gañou nas dúas últimas xornadas.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Fredi 37'), Mario, Ramón, Pablo (Eloy Lema 87'), Yago, Norberto (Rubio 30'), Eloy Vilas, Alberto (Jorge 66'), Martín MC, Martín.
 
Gol: 0-1 Martín (8').
 
XUVENIL: C. D. BAIO 1 - SP. ZAS 0
 
O sábado xogaron os xuvenís o segundo partido en tres días, pero non notaron o esforzo a pesar da escaseza de efectivos, que afortunadamente se van recuperando das súas lesións. Saíu con forza o equipo de Emilio desenvolvendo un bo fútbol e desarbolando por completo ao rival, sobre todo polas bandas. Nunha destas xogadas chegou o gol do partido, logo dunha combinación rápida ao primeiro toque entre Santi Díaz, que abría á banda para Cachopo, que de primeiras poñía o balón na área, para que Lucas chegase para fusilar a Tívoli. Tiveron os baieses máis ocasións de gol, pero non lograron convertelas. A súa superioridade levounos en moitos momentos a un exceso de confianza e a que baixasen o seu ritmo de xogo, facendo que o partido se volvese anodino.
Non mellorou na segunda parte, nin co cambio rocambolesco de Emilio, que introduciu na portería a Pollo, pasando o meta Guilllermo ao lateral dereito, mentres que Pablo quedaba nos vestiarios. Tiveron varias ocasións de sentenciar o partido os baieses, sobre todo por medio de Carlos, Cachopo e Christian, pero non estiveron atinados. Os puntos non perigaron en ningún momento pois a presenza zasense en ataque foi practicamente nula, e Pollo non tivo que facer ningunha intervención de mérito.
Con este triunfo mantense na loita por entrar nas tres primeiras prazas, quedando a un punto do Cabana, que ocupa esa terceira praza. O próximo sábado hai que render visita ao Muxía, un conxunto que deixou boas sensacións o xoves, e que no seu campo ha de dar moito que facer.
 
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Xoel (Kevin 65'), David, Pablo (Pollo 45'), Alberto, Fachal, Cachopo (Carlos 77'), Lucas, Anxo, Christian, Santi Díaz (Hío 60').
 
Gol: 1-0 Lucas (12').
 
CADETE: PONTECESO S. D. 0 - C. D. BAIO 3
 
Na tarde do sábado no Pinguel os baieses lograban a primeira vitoria da temporada na 2ª xornada de liga, deixando claro que as boas sensacións que deixara no seu debut ían ter continuación. Un gol de falta de Alfonso polo escuadra adiantaba aos baieses, e antes de chegar ao descanso Estefan poñía o 0-2. Xa na segunda metade Javi conseguiría materializar o terceiro e definitivo gol, para deixar un resultado contundente que lles vai dar moitos ánimos aos rapaces que adestra Dani.
 
Polo CD BAIO xogaron: Alberto, Javi Muíño, Fran, Miguel, Alfonso (Santi 67'), Oreiro, Pedro, Samuel, Estefan (Ayoub 68'), José Antonio (José Figueiras 64'), Javi (Álex 66').
 
Agora podedes ver aquí as fotos do partido Buño-Baio, obra do noso colaborador Santi Soneira:

 

 




 




No hay comentarios:

Publicar un comentario