C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

14 nov 2012

O IMPORTANTE É SUMAR (DE TRES EN TRES)

C. D. BAIO 1 - CABANA S. D. 0
 
Non trata de arrancar o CD BAIO e volver ao bo xogo ao que nos ten afeitos, pero polo menos vai sumando de tres en tres, pois ademais de non volver xogar con soltura, tampouco ten a facilidade goleadora dos primeiros partidos de liga, polo que acaba sufrindo en partidos que debera sentenciar moito antes. Na tarde do domingo, a visita do Cabana supoñía unha nova oportunidade para romper esta dinámica, pero ao final supuxo unha continuidade no que viña sucedendo. Gañouse só por un gol, logo de errar numerosas ocasións, ante un rival que non creou ningún perigo ante a meta de Anxo, e que demostrou o porqué da súa clasificación.
Comezou o partido co que había ser a tónica durante practicamente os noventa minutos: un Cabana pechado atrás, e un Baio que movendo o balón trataba de incrustarse entre as liñas defensivas visitantes. Tivo varias ocasións o conxunto local, nas botas de Jorge, Martín MC, Martín e a máis clara de Norberto, que esvarou cando se dispuña a regatear ao meta Añón. Pero non houbo sorte e chegouse ao descanso co marcador igualado.
Alberto marcou e gañou "o seu derby"
A segunda parte iniciouse coa entrada de Alberto, que no primeiro balón que tocou estivo a piques de marcar, pero chegou forzado a un pase da morte de Martín MC. Máis clara aínda foi a de Martín minutos despois, que logo dun centro de Jorge, non contaba co erro do meta visitante e o seu remate non foi o contundente que quixera e deulle tempo a reacionar ao porteiro, que salvaba na mesma raia de gol. Á terceira foi a vencida, e unha xogada pola banda esquerda remata cun centro de Martín MC para Alberto, que controla con tranquilidade no punto de penalti e bate a Añón no único gol do encontro. Puido sentenciar o Baio con dúas ocasións de Martín MC, que non logrou rematar con claridade dous bos centros de Rubio, e o propio Alberto que aproveitaba a frescura de Rubio pola banda dereita para enganchar un remate, que entre o porteiro e o poste enviaban a córner. Do Cabana non había noticias en ataque, tan só se limitaban a enviar balóns longos, e aproveitaban as xogadas a balón parado para achegárense á meta de Anxo, que tivo unha tarde tranquila, e mantivo a porta a cero sen moitas dificultades.
Con esta vitoria o Baio mantense no pelotón que persegue a Esteirana e Sofán, nunha liga moi igualada na que calquera lle pode gañar a calquera. A próxima semana toca visita a Miraflores, para enfrontarse por vez primeira na historia ao Volantes de Baño, un equipo que está facendo unha boa campaña no seu debut na Liga da Costa, pero moi irregular, que tan pronto gaña con facilidade como recibe unha goleada, a última no derby desta semana fronte ao Muros.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Chema (Ramón 70'), Pablo, Yago, Fachal (Alberto 46'), Norberto, Jorge (Rubio 66'), Martín MC, Martín (Eloy Lema 76').
 
Gol: 1-0 Alberto (56').
 
XUVENIL: MUXÍA C. F. 1 - C. D. BAIO 2
 
Tarde do sábado no campo de Arliña, con vento e algunha treboada ocasional, que con todo non alterou o estado do céspede muxián e púidose xogar con solvencia, a pesar da auga caída nos días anteriores. Era un partido complicado, pois os muxiáns xa demostraran hai quince días que contaban con futbolistas de nivel a pesar da súa clasificación, e ademais o campo de herba natural xogaba en contra dos xogadores visitantes ao non estaren afeitos a estes terreos (como cambiou o mundo!!).
Saíron con forza os locais, tratando de presionar aos centrocampistas baieses para non deixarlles xogar con facilidade, e unha vez que roubaban chegar arriba con rapidez, sobre todo a través do seu extremo Peski. Na súa primeira oportunidade conseguiron adiantarse ao rematar o central Denís un córner completamente só. O propio Pesqui tivo outra ocasión para poñer máis distancia no marcador, pero non a aproveitou. A pesar de non xogar ben, o Baio tratou de reacionar, e tivo varias ocasións moi claras. Santi Díaz intentou unha vaselina ante o porteiro muxián, pero este adiviñoulle a intención; minutos despois Christian remataba desde fóra da área ao traveseiro e Santi Díaz volvía errar ante o meta local enviando alto. A parella atacante baiesa non acaba de atoparse, pero conseguían crear perigo pola súa conta. Christian tivo outra moi clara nun man a man co porteiro, pero rematou ao moneco, e Santi Díaz fallou o impensable, pois tras controlar e acomodar o balón dentro da área pequena, emborrachouse de balón e o seu remate ía ao traveseiro co porteiro batido. Xa que logo, chegábase ao descanso coa vitoria local, que aínda que dominou nos primeiros minutos, non merecía ir por diante no marcador.
A segunda parte iniciouse cunha forte tromba de auga e vento, que espoleou aos visitantes e no primeiro minuto Christian poñías as táboas no marcador, cun forte lanzamento desde fóra da área que o porteiro tocou coa punta dos dedos e chorando entrou na meta local. Mentres durou a treboada só houbo un equipo no campo, pero cando amainou a tormenta aos visitantes acabáronselle os folgos. A igualdade da parte central deste segundo período rompeuse coa xogada desgraciada da tarde, coa lesión de Alberto Silvariño, que logo dun empurrón caía en mala postura rompendo a clavícula. De aquí ao final, foron todo nervios por uns en outros, e acabaron co gol da vitoria baiesa de David, e coa expulsión de Pablo, que impedíu unha clara ocasión local.
Con esta vitoria continúa o CD BAIO na cuarta praza, a tiro de pedra do terceiro, á espera de visitar o próximo sábado en horario matinal ao Laxe, no que xogan varios ex-baieses.
 
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Xoel, David, Pablo, Alberto (Carlos 76'), Kevin, Anxo, Cachopo, Lucas (Hío 85'), Christian, Santi Díaz (Pollo 89').
 
Goles: 1-0 Denís (11'), 1-1 Christian (46'), 1-2 David (84').
 
CADETES: OUTES F. C. 3 - C. D. BAIO 2
 
Non xogaron ben os baieses o sábado pola mañá no Conchido e trouxeron unha derrota ante un rival que tampouco amosou un nivel moi superior. Sempre foron perdendo os baieses, e Fran e Pedro conseguiron por dúas veces achegalos no marcador, pero ao final non lograron puntuar.
 
Polo CD BAIO xogaron: Alberto, Javi Muíño (Ayoub 70'), Álex, Miguel, Alfonso (Samuel 46'), Fran, Oreiro, Pedro, José Antonio (Éver 60'), Estefan, Javi.
 
INFANTIL: CORISTANCO S. D. 6 - C. D. BAIO 2
 
Goles de Anxo e Carlos (p.).
 
A continuación a impresionante reportaxe fotográfica de Santi Díaz e Santi Soneira:






































































No hay comentarios:

Publicar un comentario