C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

27 nov 2012

CATRO VITORIAS

Catro vitorias nas catro categorías que ten o CD BAIO nos partidos disputados esta fin de semana, e catro vitorias consecutivas leva o primeiro equipo, o que fai que se manteñan na terceira praza, a catro puntos do líder, pero só a un da segunda praza, que, lembremos dá dereito a xogar a promoción de ascenso á 1ª Autonómica.
 
C. D. BAIO 2 - S. D. CASTRIZ 1
 
Deixou de chover na tarde do domingo para que os afeccionados se puidesen achegar ao Platas Reinoso para presenciar un interesante partido entre o equipo locatario e os xalleiros do Castriz, conxunto que se mostrou ata o momento moi irregular na competición, pero que deixou na súa visita a Baio boas sensacións.
Ramón, Ramón, ¡¡¡Ramón!!!
Comezaron os baieses o partido con ánimos de iren a por todas e froito diso chegaron as primeiras ocasións. Tivo Martín MC a primeira clara do encontro, pero o seu tiro forzado marchábase alto. Non tardou en ter outra oportunidade, aproveitando unha fenomenal presión de Eloy Vilas, que recuperaba o balón  en liña de medios e enviaba un pase medido a Martín MC, que só ante o meta rival batíao por baixo. Golpe duro para os xalleiros, que vían como na mesma xogada se lle lesionaba un home. Non só non reaccionaban, senón que o Baio seguía co control do xogo e das oportunidades, aínda que a dicir verdade estas non foron moitas. O Castriz trataba de combinar os balóns longos na busca do seu punta Sebas, cos balóns en profundidade buscando a carreira dos rápidos extremos. Tiveron máis éxito coa primeira idea, pois o atacante xalleiro impúñase no xogo aéreo aos defensas baieses, e baixaba o balón na busca da incorporación dos centrocampistas, que con todo non lograban crear claro perigo na meta local. Pola contra, os laterais baieses controlaban as internadas dos extremos, e mesmo se permitían subir ao ataque con perigo. Chegouse ao descanso con este marcador, coa única incidencia da lesión do porteiro xalleiro, que chocou cun compañeiro seu nunha xogada na que Martín MC puido anotar un novo gol.
¡¡¡Goooooool de Ramón!!! ¡¡O magosto para Agosto!!!
[Fotomontaxes: Santi Soneira]
A segunda parte comezou de forma estraña para os intereses baieses, que se vían moi superiores en xogo aos rivais, pero unha internada xalleira pola banda rematou nun centro se aparente perigo, pero que era cortado inocentemente pola man de Pablo, e o árbitro sinalou o correspondente penalti, que se encargou de transformar Sebas, enganando a Anxo. Co empate viñéronse algo abaixo os baieses, pero sobre todo colleron azos os de Castriz, que vían que era posible sacar algo positivo do Platas Reinoso. A vía do xogo directo fixo moito dano na defensa baiesa, que sumado aos nervios polo desconcerto do empate, a piques estiveron de causarlle máis dun desgusto. As xogadas a balón parado pasaron a ser un calvario para os locais, pois tiñan diante un equipo de xente moi alta. Estivo a piques de marcar Bruno no remate dun córner que se foi ao pau, e pouco despois un novo remate saía lambendo o pau, con Anxo xa batido. Pero cando peor pintaban as cousas para os baieses chegou a xogada que cambiaría por completo o partido: Un balón na que os xalleiros buscan a Sebas é interceptado por Ramón, anticipándose ao control do punta visitante, o propio central combina rapidamente con Martín, que agarda moi ben a incorporación de Ramón, que queda só ante o meta Landeira, e báteo por baixo coa tranquilidade dun dianteiro. Este gol si foi un mazazo para o Castriz, que non tivo capacidade de reacción, e nin o xogo directo lle deu resultado, pois a defensa multiplicouse para escorrentar o perigo. Chegouse logo ao final co apertado marcador favorable aos baieses, que os deixa nunha formidable posición na táboa clasificatoria.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Eloy Lema (Ramón 61'), Pablo, Yago (Fredi 88'), Martín, Eloy Vilas, Rubio (Jorge 65'), Alberto (Fachal 85'), Martín MC.
 
Goles: 1-0 Martín MC (11'), 1-1 Sebas (p., 47'), 2-1 Ramón (71').
 
XUVENIL: C. D. BAIO 3 - CORME C. F. 1
 
O sábado xogaron o seu partido de categoría xuvenil o CD BAIO e o CORME CF no Platas Reinoso, un encontro que non tivo moita historia, a pesar de que como está acontecendo ultimamente aos baieses cústalles meterse no partido, e danlles oportunidades aos rivais de poñer en apuros a meta de Guillermo. Dúas fenomenais intervencións do "Gato de Bamiro" impedíronlles aos cormeláns adiantarse no marcador, e nin o gol do pichichi Santi Díaz fixo que o xogo local fose fluído e puidesen matar o partido antes do descanso, aínda que se apreciaba unha superioridade cando daban enfiado catro pases seguidos.
Na segunda parte si que saíron os locais con decisión de rematar o partido, e crearon bastantes oportunidades nas botas de Santi, Christian ou Lucas, algunha tan clara que era máis difícil errala que marcala. Sería Santi Díaz o que puxese o segundo no marcador, e a tranquilidade nas bancadas, máis polo axustado do marcador que polos agobios do Corme, que se vía superado claramente neste período. A entrada do cadete Javi revitalizou aínda máis o ataque, e logo de errar unha ocasión, tivo a oportunidade de marcar o seu primeiro gol como xuvenil, ao aproveitar o rexeite do porteiro a un lanzamento seu. O gol do Corme nas postrimerías do encontro só foi unha anécdota nun partido no que quizais os baieses merecesen un marcador algo máis amplo.
Rematan a xornada asentados nesa terceira posición, antes de afrontar agora o Tourmalet, cos partidos cos outros tres equipos que teñen algo que dicir neste grupo. É o momento da verdade para saber se os baieses conseguen unha das tres primeiras prazas para seguir loitando pola Liga da Costa, da que son os actuais campións. A próxima semana a primeira etapa: Ponteceso (no Pinguel).
 
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Xoel, Kevin (Cachopo 50'), David, Pablo, Fachal, Anxo, Lucas (Javi 58'), Hío (Carlos 45'), Christian, Santi Díaz. 
 
Goles: 1-0 Santi Díaz (23'), 2-0 Santi Díaz (53'), 3-0 Javi (84'), 3-1 Juan (89').
 
CADETES: E. F. C. CARNOTA 1 - C. D. BAIO 3
 
Na mañá do sábado desprazábamonos a Carnota para enfrontarse ao equipo cadete das Escolas de Fútbol do Concello de Carnota, que dirixe Alfredo Cambeiro. Mañá de moito vento e auga, que con todo non influíu no desenvolvemento do partido, quedando un bo día para a práctica do fútbol. Tiñan ganas os baieses de demostrar que a goleada recibida no seu campo a semana pasada fora un accidente, e abofé que o lograron cun magnífico partido. E dentro da media alta do equipo destacou o partidazo de Estefan, que se botou o equipo ao lombo e del foron as mellores xogadas en ataque. Tivo Estefan o primeiro gol do encontro, pero seu disparo salvando por alto a saída do meta carnotán era sacado da mesma liña por un defensa cando xa se cantaba o gol. Tivo que ser Miguel o que anotase o 0-1 ao rematar unha falta cunha volea que entraba pola escuadra. Intentouno Estefan de novo cunha xogada pola banda ao máis puro estilo Iniesta, pero o porteiro detívolle o lanzamento. Minutos despois calcou a xogada pero desta vez o balón do habilidoso xogador baiés introducíase por debaixo das pernas do porteiro, poñendo o segundo no marcador.
A segunda parte iniciouse co cambio na portería visitante, o que inconscientemente levou a outra forma de xogar. Abandonouse o xogo combinativo e buscouse máis o xogo en longo a partir dos saques de Álex. Os carnotáns, espoleados no descanso polo seu míster, saíron tamén con ganas de meterse no partido e tiveron varias ocasións, ata que conseguiron anotar un gol cun remate de cabeza de Hugo tras un lanzamento de falta lateral. Momento de desconcerto nos baieses, do que logo se repuxeron. A sólida defensa capitaneada polo Mariscal Miguel, que contou coa axuda do impetuoso Javi Muíño e das guerreiras Andrea e Alejandra, non pasou por perigo; e para desbotar calquera dúbida, Estefan encargouse nunha xogada persoal de bater de novo a meta local e colocar o definitivo 1-3. Non se movería o marcador, a pesar das ocasións de Santi, Pedro ou do propio Estefan, e con esta vitoria colócase o Baio na zona intermedia da clasificación.
 
Polo CD BAIO xogaron: Alberto (Álex 40'), Alejandra, Miguel, Javi Muíño, Andrea, Fran, Samuel, Pedro, Figueiras (Alfonso 54'), José Antonio (Santi 58'), Estefan.
 
INFANTIL: MUXÍA C. F. 3 - C. D. BAIO 7
 
Na mañá do domingo xogaron os baieses no difícil campo de Arliña, e parece que tardaron en espertar ou en adaptarse ao campo de terra, pois ao descanso os muxiáns vencían por dous goles a cero. Espabilaron os rapaces de Pastoriza e lograron unha nova goleada na segunda parte, aproveitando os goles de Anxo (2), Eloy (2), Sergio, Álex e un en propia meta. Con este triunfo seguen os baieses na parte alta da táboa clasificatoria.

E agora a amplísima reportaxe fotográfica do partido Baio-Castriz dos nosos fotógrafos favoritos Santi Díaz e Santi Soneira:




 























 















 


 










No hay comentarios:

Publicar un comentario