Despois dun día desapracible que fixo que non se congregase tanta xente como é habitual no Platas Reinoso, o tempo deu unha tregua para que se xogase o partido entre o CD BAIO e o Muros SD na tarde deste domingo. Aínda que comezou chovendo, conforme ían caendo os goles tamén se foi abrindo o ceo. Porque a pesar que chegaba o Muros en horas baixas, había moito respecto por este equipo que sempre deu que facer, pero na tarde dominical demostrouse que este ano hai unha gran diferenza entre un e outro conxunto. Tan só un bache que mostrou o Baio antes e despois do descanso, que foi aproveitado polo Muros para marcar, puxeron algo de emoción ao choque. Polo demais o Baio xogou un bo partido, sobre todo a primeira media hora.
Minuto de silencio na honra de Veloso [Foto: S. Díaz] |
Comezou o partido gardando un minuto de silencio polo socio nº 1 e fundador do CD BAIO, Manolo Veloso, e non se levaban disputados dous minutos cando chegou o primeiro gol, ao aproveitar Martín un balón na frontal da área, que de forte volea introduciu na meta de Fabio. Sen case tempo para reacionar, un pase de Alberto en profundidade para Martín MC deixouno só ante o porteiro rival e non desaproveitou a ocasión para poñer o segundo no marcador. Tivo o dianteiro baiés outras dúas para aumentar a súa conta goleadora na primeira parte, pero fóronselle fóra. Si aproveitaría a súa ocasión Eloy Vilas, que logo dunha xogada combinativa tamén se presentou ante Fabio e bateuno na súa saída. Tres goles de diferenza e o Muros sen dar mostras de perigo, tan só un centro-chut desde a banda dereita que petou na parte superior do traveseiro de Anxo. Cando a primeira parte esmorecía, chegou unha falta na frontal dá área baiesa que converteu coa súa mestría habitual Mayuyo superando a barreira.
Iniciouse o segundo tempo co Muros intentando meterse no partido, pero os baieses controlaban o partido. Pero un córner a favor do Baio converteuse logo dunha sucesión de erros, nunha contra mortal que aproveitou Mayuyo de novo para poñer emoción no partido. Pouco lles durou a alegría aos muradáns, pois tres minutos despois Martín MC volvía poñer as cousas no seu sitio cun novo gol. Aínda que houbo tímidos intentos dos visitantes, non chegaron con perigo á área local, pois a defensa baiesa non se deixou sorprender máis. Ben ordenados atrás, o Baio buscaba agora as contras por medio dos seus dianteiros, e atoparía recompensa Alberto ao aproveitar un erro no despexe da defensa muradá para bater por baixo a Fabio na súa saída. E mesmo Martín MC tería tempo de conseguir o seu hat-trick para poñer máis distancia na táboa de goleadores.
Martín MC encarando a Fabio [S. Díaz] |
Bo partido, en definitiva dos baieses, que os mantén na loita polos primeiros postos, nos que ninguén afrouxa e mantéñense as tres primeiras posicións como na pasada xornada. Agora teñen os baieses un dobre desprazamento a terras muradás, o vindeiro domingo a Louro e despois a Esteiro. Dous difíciles encontros, pois lembremos que o Monte Louro foi o único que conseguiu gañar no Platas ata o de agora, e o seu campo sempre é complicado, e máis agora que acaban de poñerlle fin a unha racha moi negativa.
Polo CD BAIO xogaron: Anxo (Guillermo 87'), José Antonio, Chema (Fachal 79'), Mario, Pablo (Fredi 56'), Norberto, Martín (Jorge 86'), Eloy Vilas, Rubio (Christian 71'), Alberto, Martín MC.
Goles: 1-0 Martín (1'), 2-0 Martín MC (8'), 3-0 Eloy Vilas (34'), 3-1 Mayuyo (44'), 3-2 Mayuyo (48'), 4-2 Martín MC (51'), 5-2 Alberto (76'), 6-2 Martín MC (80').
XUVENÍS: S. D. LAXE 1 - C. D. BAIO 3
Na tarde do sábado iniciouse por fin a liguiña previa á fase final da Copa da Costa logo da suspensión do partido da primeira xornada polo temporal. E fíxoo, como era de esperar, con vitoria dos baieses que se impuxeron ao Laxe nun cómodo partido, que só se puxo emocionante logo do gol local. Non tivo moita historia o partido, salvo unha serie de xogadas de mérito por parte baiesa que, a pesar de todo, non conseguían converter en gol. Tivo que ser un autogol do ex-xogador baiés Diego o que inaugurase o marcador, iso si, logo dunha boa combinación pola banda dereita. Outra fermosa xogada de David deixoulle o gol feito a Lucas, pero o porteiro local quitoulle o balón da escuadra. Tivo outra clara ocasión Lucas, antes de chegarlle a fortuna de converter o seu gol, que tanto se lle resisitiu. Parecía xa sentenciado o partido, pero acto seguido, outro ex-xogador baiés, Adrián, aproveitou un erro de marcaxe na defensa baiesa para bater a Guillermo e poñer algo de emoción no encontro. Intentárono os locais antes de chegar ao descanso, pero finalizou a primeira parte con ese marcador.
A segunda parte foi de total control por parte baiesa, e máis logo de que David aproveitase unha boa xogada de Christian para bater a Sergio. A partir de aquí unha sucesión de ocasións para os baieses, pero que non lograron converter, a máis clara a do porteiro-dianteiro Álex, que enviou á escuadra da portería local.
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos (Oreiro 61'), Xoel, Kevin, Pablo, Fachal, David (Álex 66'), Anxo, Lucas, Hío (Carlos 53'), Christian.
CADETES: C. D. BAIO 1 - MUXÍA C. F. 3
Mal partido dos cadetes, que seguen na súa mala racha e parece que non levantan cabeza. E cando as cousas van mal, todo se torce. Non ían dez segundos de partido e os muxiáns xa conseguiron marcar. Con todo, o Baio conseguiu empatar antes do descanso por medio de Javi Lema. Pero na segunda parte non melloraron as cousas e dous novos goles dos muxiáns fixeron que outros tres puntos voasen do Platas Reinoso.
Polo CD BAIO xogaron: Alberto, Cristian, Andrea (Alfonso 48'), Miguel, Javi Muíño, Fran, Pedro, Estefan, José Antonio, Javi Lema, José Figueiras (Ayoub 55').
INFANTÍS: S. D. SOFÁN 2 - C. D. BAIO 9
Cómoda vitoria dos rapaces de Pastoriza no partido disputado no Anexo das Eiroas, ante un rival que está pagando a presenza de moitos alevíns nas súas filas. Dos nove goles dos baieses, cinco foron anotados polo seu pichichi Anxo. Os outros foron obra de Santi, Sergio e dous do alevín Pablo Queiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario