O equipo xuvenil do CD BAIO rematou a súa competición na Liga da Costa (1ª Autonómica - Grupo 4º) sen conseguir clasificarse para a segunda fase da liga, tendo que disputar agora a fase previa da Copa da Costa. Ao final rematou na cuarta posición do seu grupo (lembremos que é a mesma clasificación que o ano pasado, pero este ano só se clasificaban tres), pero lonxe das tres primeiras prazas, a pesar de estivo boa parte da temporada loitando por ocupar unha delas, e incluso chegou a ocupar a segunda posición. Pero os enfrontamentos directos demostraron a potencia dos tres de arriba, pois os baieses perderon nos dous partidos fronte a Malpica e Cabana, e só puideron empatar un co líder Ponteceso. Xa desde as primeiras xornadas se viu como había moita diferenza entre estes catro equipos e o resto, e ao igual que no Grupo 3º, a loita por entrar entre os tres primeiros foi o que lle deu emoción á liga.
O Baio xogou un total de 18 partidos, gañando 11, empatou 2 e perdeu 5; marcou só 39 goles e recibiu 27 para un total de 35 puntos. Unha das claves de non poder sacarlle Emilio maior rendemento a este equipo pode estar na escaseza de xogadores, tan só había 16 fichas de xuvenís, que axiña quedaron en 15, aos que lle hai que unir a presenza fixa do cadete Santi Díaz, e a incorporación temporal dalgún xogador da categoría inferior. Outra clave é a xuventude deste plantel, pois só tres eran de último ano, o que se notou nos partidos máis trascendentais. Con todo fixeron boa temporada e agora toca seguir loitando pola Copa, para a cal conta Emilio con varias baixas máis, así que esperemos que os que quedan se comprometan para facer un bo papel.
Analizamos a continuación a actuación de cada un deles:
Emilio fixo boa tempada |
1- GUILLERMO: Porteiro titular durante toda a liga a excepción de un partido, no que xogou uns minutos como defensa. Cumpriu con solvencia en todos os partidos, coas paradas de reflexos aos que nos ten afeitos. Foi convocado cos maiores e xogou algún minuto con eles. Cos xuvenís xogou 1533 minutos e encaixou 23 goles.
2- HÍO: Bastante irregular no seu primeiro ano como xuvenil, alternou a titularidade coa suplencia, intervindo nun total de 14 partidos. Xogou 526 minutos sen conseguir marcar.
3- MARCOS: Bravo lateral que o dá todo no campo, pero unha sanción de catro partidos e un lesión cortou a súa participación no medio da temporada. Con todo, estivo en 11 partidos xogando 492 minutos.
4- PABLO: No seu primeiro ano como xuvenil cumpriu na súa tarefa defensiva, tanto central como lateral. Botáronse en falta algún gol máis como nos tiña acostumados en cadetes. Só deixou de xogar un partido por sanción, xogou 1481 minutos e marcou un gol.
5- DAVID: Chamado a ser este ano o xefe da defensa alternou bos partidos con outros menos bos. Alternou o centro da defensa co medio do campo e, como Pablo, tamén escasearon os seus goles. Participou en 16 partidos e xogou 1286 minutos, marcando un gol.
Fachal, o motor do equipo |
6- FACHAL: O auténtico líder deste equipo e dos máis destacados durante a temporada. As súas ausencias notounas moito o equipo. Foi convocado moitas veces cos maiores, o que provocou que disputase menos minutos cos xuvenís. Con todo, participou en 16 encontros, xogando 1306 minutos, con dous goles anotados.
8- KEVIN: Outro que debutaba cos xuvenís, e tivo unha difícil adaptación á nova categoría. Aínda así acabou collendo sitio no equipo, xogando tanto de central como medio defensivo. Participou en todos os partidos, xogando 1239 minutos.
9- CACHOPO: Esperábase máis deste xuvenil de último ano, no que os estudos fixeron que non puidese adestrar con normalidade. Foi o comodín de Emilio xogando en varias posicións do campo. Participou en 17 partidos, nos que xogou 1132 minutos. Unha vez rematada a liga decidiu colgar as botas.
10- CHRISTIAN: No seu primeiro ano como xuvenil, as lesións impedíronlle empezar o ano en condicións, o que notou moito o equipo. Arrancou neste último tramo e volveu demostrar a súa perigosidade. Convocado en numerosas ocasións co primeiro equipo, fixo que deixase de xogar cos xuvenís. Participou só en 14 encontros, diputando un total de 1013 minutos, nos que marcou 11 goles.
11- CARLOS: A fichaxe deste mediapunta procendente do Cabana, tardou en incorporarse ao ritmo de xogo dos seus compañeiros, pero pouco a pouco foise facendo un oco no equipo. Participou en 16 partidos, nos que xogou 831 minutos, sen conseguir marcar.
Xoel, o que máis xogou. Foto: S. Diaz |
14- XOEL: Non lle tivo medo este bravo defensa á nova categoría e demostrou o seu habitual pundonor, sendo o único do equipo que foi titular nos 18 encontros. Xogou, como central ou como lateral, un total de 1575 minutos, o primeiro do equipo.
15- IVÁN: Volvía o defensa de Coristanco logo dun ano sabático, pero axiña tiña que abandonar o equipo por motivos educativo-laborais. Tan só participou ao comezo de liga en catro partidos, disputando 87 minutos.
19- LUCAS: Despois da magnífica temporada que fixera o ano anterior, esperábase moito del, pero durante moitos tramos da temporada estivo estancado. Como a clase non a perdeu, deslumbrou noutros, e esperemos que vaia para arriba no que queda de temporada. Aínda así, foi o terceiro que máis minutos xogou (1496) e o terceiro máximo goleador (5 goles), participando en todos os encontros.
Santi foi o pichichi [Foto: S. Soneira] |
20- SANTI DÍAZ: Aínda en idade cadete, converteuse nunha das figuras do equipo e durante boa parte da temporada na única referencia goleadora. Despois de facer a pretemporada co Deportivo cadete, completou unha gran liga, o que non pasou desapercibido para outros clubs. Acaba de comprometerse co Dumbría para xogar a Liga Galega Cadete. Participou en 17 encontros, nos que xogou 1286 minutos, sendo o pichichi do equipo con 17 goles.
21- ANXO: As lesións impedíronlle a Anxo render como el quería, e non tivo un bo arranque de temporada con continuas recaídas. Parece que na segunda volta volveu coller sensacións de gran futbolista. Participou en 14 partidos, xogando 948 minutos, e marcou un gol.
22- ALBERTO: Tras pasar case desapercibido a temporada pasada, destapouse Alberto como un gran lateral esquerdo, e estaba completando unha gran temporada, sendo un dos máis destacados do equipo ata que o infortunio quixo que rompese a clavícula no partido de Muxía, e causase baixa no que quedaba de temporada. Xogou 10 partidos, todos de titular, nos que xogou 806 minutos.
25- POLLO: Foi a gran decepción da temporada, pois logo de dúas grandes temporadas como xuvenil neste seu último ano aparcou un pouco o fútbol por causa dos estudos. Xogou tantos minutos como dianteiro como de porteiro. Participou en 12 encontros, nove deles como dianteiro, xogando un total de 269 minutos. Como porteiro só foi titular nun partido, encaixando catro goles. Tamén colgou as botas acabada a liga.
CADETES: Participaron co conxunto xuvenil de forma esporádica varios xogadores de categoría cadete: Pedro (6 partidos, 162 minutos), Miguel (2 partidos, 110 minutos), Javi Lema (3 partidos, 77 minutos, 1 gol) e Javi Oreiro (2 partidos, 70 minutos).
No hay comentarios:
Publicar un comentario