C.D. BAIO 5 - CORME C.F. 2
Porto abriu o marcador cun gol dedicado a Peke |
Partido
200 do CD Baio na Copa da Costa o disputado este martes festivo ante
o Corme, os dous primeiros da Liga da Costa e que deron mostra do
porqué desa clasificación. Un auténtico partido copeiro o vivido
no Platas Reinoso, con goles, polémica e unhas bancadas con dúas
afeccións que apoiaron ao seu equipo os noventa minutos. É que na
tarde outonal, pero calurosa, houbo un grande ambiente no campo, con
case 400 afeccionados.
O
partido comezou cun Corme máis ofensivo que nos partidos precedentes
disputados entre ambos os dous, pois non lle valía o empate inicial.
Chegaron así os primeiros achegamentos á meta de Recarey, o máis
perigoso un remate alto de Alejo. Pero o Baio foise metendo pouco a
pouco no encontro, e tras unha ocasión de Martín MC que enviou
alto, parece que se facía co control do partido. Pero chegou a
xogada polémica da tarde, tras unha perda de balón no inicio do
xogo baiés, e tras unha rápida combinación entre a dianteira
cormelá o balón chégalle a Lucas, que cae na área. Tras claros
xestos por parte do árbitro indicándolle ao dianteiro que se
levantase, e cando todos pensaban que ía pitar falta antideportiva,
o colexiado cambia de idea e sinala penalti (en dez días segunda vez
que lle ocorre ao Baio que o árbitro cambia de opinión o que pitara
antes: inspiración divina?). Da transformación do penalti
encargouse Alejo, que marca pegado ao poste o 0-1 (min.22).
Este gol descentrou ao Baio, que viu como no min. 25 e tras saque de
córner a favor unha rápida contra do Corme puxo a Alejo ante
Recarey pero o seu disparo foise ao poste e despois ás mans do
porteiro.
Aos
poucos foi volvendo o Baio a controlar o partido e nunha xogada a
balón parado chegou o empate. Foi un córner botado por Moreno e de
testarazo no primeiro pau Porto poñía o 1-1 (min. 34). Puido
o propio Porto anotar o seu segundo gol, pero o seu cabezazo noutro
córner foise desviado. Co empate chegouse ao descanso despois dun
primeiro tempo equilibrado.
Poker de Martín MC para marcar diferenzas |
Pero
todo cambiou no comezo da segunda parte, onde a dupla Javi
Suárez-Martín MC sentenciou o partido en menos dun cuarto de hora.
A primeira xogada vén dun balón que recibe Javi en banda, é
entrado en falta pero o balón chégalle a Martín MC, que
sorprende a todos cun lanzamento desde case 40 metros que supera a
Suso e entra pola escuadra para poñer o 2-1 (min.52). Este gol
afectoulle ao equipo visitante, que non soubo capear o temporal que
lles viña enriba. Nunha xogada rápida do cadro baiés, o balón
chégalle a Javi Suárez que mete por alto para Martín MC que
fusila a Suso para o 3-1 (min.56). E tan só dous minutos despois, de
novo xogada de Javi Suárez que supera á defensa e cando vai rematar
é agarrado por Dani e o árbitro sinala penalti. Encárgase de
tiralo Martín MC e transformar o 4-1 (min.58). Con esta
vantaxe o Corme baixou os brazos a pesar do apoio que seguía desde a
bancada, pero non chegaban con perigo á área baiesa. Máis ben todo
o contrario, e era o Baio o que tiña as ocasións. Puido redondear
Rubio o seu bo partido cun gol, pero o seu remate mordido fóiselle
fóra (min.73), e nunha xogada por banda Pedro presentouse na área,
pero o seu disparo tamén se foi desviado (min.75). Quen non erraría
sería Martín MC, hoxe en estado de graza, que marcaría o
seu cuarto gol para poñer o 5-1 no marcador (min.79). Os dous
equipos xa pensaron no vindeiro domingo e continuos cambios foi a
tónica dos últimos minutos. Aínda así viría un último gol, ao
roubar Alejo o balón e presentarse na área para bater de
disparo cruzado a Recarey e poñer o definitivo 5-2 (min. 86).
Gran
vitoria dun Baio, que, a pesar das moitas baixas que acumula semana a
semana, mostrou un alto nivel competitivo e superou a un Corme que se
mantiña invicto nesta temporada. O vindeiro rival na Copa será o
Porteño, pero iso será unha vez que remate a liga, e nesta hai que
centrarse agora. E precisamente será o equipo da Ponte do Porto o
que visitemos o próximo domingo.
Ficha do partido da FGF
Ficha do partido da FGF
No hay comentarios:
Publicar un comentario