C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

5 dic 2016

VITORIA 600 LIGUEIRA E POUCO MÁIS

C.D. BAIO 4 - U.D. CORCUBIÓN 2


Josiño e Fran debutaron
esta temporada cos maiores
Se a semana pasada celebrabamos o gol 2500 en campionatos ligueiros, esta semana toca falar da vitoria 600 en todas as ligas que disputou o CD Baio. De momento mantén nelas un saldo negativo, pois son 609 as derrotas, pero agardemos que ao remate desta temporada consigamos darlle a volta. Polo demais, mal partido do conxunto baiés ante un Corcubión que lle puxo as cousas moi difíciles, sobre todo na primeira parte. E iso que quedara unha tarde cunhas condicións ideais para a práctica do fútbol, cun sol outonal que fixo que se achegasen unhas 250 persoas ao Platas Reinoso. 
Presentábase o conxunto local con moitas baixas, polo que Pedro tivo que botar man dos xuvenís e foron da convocatoria Fran e Josiño, que xogaron os minutos finais. Enfronte o Corcubión do que fora o seu adestrador Emilio Corzón, que se impuxo no primeiro tempo ao cadro baiés, coas ideas moito máis claras e tamén coas mellores ocasións. Xa avisou de inicio e no min. 4, Roi, un pesadelo para a defensa local, disparaba desviado un balón solto na frontal da área; pero sería dous minutos despois, cando tras unha boa combinación por banda dereita, o balón chégalle a Roi que de forte disparo bate a Diego por baixo (1-0). Axiña reaccionou o Baio, e en dous minutos deulle a volta ao marcador. No min. 7, tras unha boa xogada por banda, Isaac centra e Martín MC chegando desde atrás empata o encontro (1-1), e no min. 9, é Martín o que marca cun tiro desde a frontal (2-1), lesionándose no lanzamento. Este inicio eléctrico derivou nuns minutos de calma, nos que o Baio pasou a dominar o encontro, e puido ampliar a vantaxe despois dunha xogada por banda de Ramón, que centrou ao punto de penalti e alí o remate a queimarroupa é sacado por un defensa baixo paus, con Abelleira xa batido (min.21). Pero dous minutos despois, un balón en longo do Corcubión, e Roi está máis listo que os defensas e o porteiro locais para meter a punteira e marcar o empate desde 30 metros (2-2). Puido aínda marcar o dianteiro corcubionés un novo gol ao atoparse cun agasallo da defensa nunha cesión ao porteiro, pero o seu disparo foi desviado de maneira felina por Diego a córner (min.41); e no saque do córner o balón escápalle das mans a Diego e Eloy adiántase providencialmente a Roi para despexar o balón practicamente da raia de gol. Co susto no corpo dos locais chegouse ao descanso.
Na segunda parte o Baio tratou de controlar máis o balón, mentres que o Corcubión se mantiña na súa idea de saír combinando pero con transicións rápidas sobre a punta. Tivo que ser unha xogada a balón parado o que desequilibrase o choque, cun córner botado en curto sobre Martín MC, que centrou ao segundo pau, e alí apareceu Porto para poñer o 3-2 (min.61). E coma na primeira parte, dous minutos despois volveu marcar o Baio, nesta ocasión tras xogada de Isaac por banda dereita que centrou ao segundo pau, onde Martín MC de volea introducía o balón na meta corcubionesa (4-2). Baixou un pouco os brazos os corcubioneses e só chegaban máis co corazón que coa cabeza, pois o partido fíxoselle longo, e nos minutos finais puideron recibir algún gol máis. As oportunidades máis claras chegaron no min.72, cando Javi Suárez se vai por velocidade, plántase na área e o seu disparo é desviado po Abelleira, o rexeite recólleo Martín MC e novamente Abelleira conxura o perigo; e no min.79 é Martín MC o que se planta de novo ante o porteiro visitante pero o seu remate vaise fóra. Nos minutos finais os equipos parece que quixeron gardar forzas para o partido copeiro do martes, pois o peixe xa estaba vendido.
En definitiva, o Baio sufriu máis do agardado fronte a un Corcubión que agradou na súa visita ao Platas Reinoso, que competíu mentres as forzas non lle fraquearon a algúns dos seus homes, e demostrou que na Liga da Costa aínda os equipos que están nas zonas baixas poden gañar en calquera campo. A vindeira semana toca visitar o campo da Grixa, contra un dos fundadores da Liga da Costa, o Porteño. Pero no medio a Copa da Costa: o martes fronte ao Corme CF no Platas Reinoso.

Ficha do partido da FGF
Clasificación Liga da Costa

XUVENIL: C.D. BAIO 4 - S.D. LAXE 0

Na mañá do sábado xogábase o partido do equipo xuvenil e recibía o CD Baio a un Laxe que lle puxera as cousas difíciles na primeira volta, e onte tamén llo puxo durante moitos minutos, ante un conxunto local que non se mostraba tan fino como en encontros anteriores. Non conseguían os baieses enfiar xogadas de perigo e perdíanse todos os balóns entre liñas, sen que se chegase con claridade á área rival. Tivo que ser un laxense enrolado nas filas baiesas desde hai anos, Mohedano, o que abrise a lata a pouco para chegar ao descanso ao rematar chegando desde atrás un centro desde a banda de Regueira (1-0). Con este resultado chegouse ao descanso.
Na segunda parte a superioridade baiesa xa foi máis manifesta, e así chegou a sentenza cun gran gol de Santi Moreira, que enganchou unha volea desde 25 metros que se coou pola escuadra da meta de Iván (2-0). Tivo Alberto dúas claras oportunidades tras pases da morte de Regueira, pero non atinou coa portería, enviando a segunda delas ao poste. Á terceira foi a vencida e Alberto remachou un balón solto na área laxense para poñer o 3-0 a cinco para o final; e Sergio, xa no desconto, redondeou a conta cun lanzamento cruzado logo de internarse na área (4-0).  
Terceira vitoria consecutiva dos xuvenís, que os achega aos dous equipos que o preceden, Corme e Cabana, que custou máis do esperado pois o equipo laxense plantou cara mentres se viu dentro do partido, e só o segundo gol dos locais fixo que baixase un pouco os brazos. A vindeira semana toca visitar o campo do líder, As Pedreiras.

Ficha do partido da FGF
Clasificación do Grupo Norte



No hay comentarios:

Publicar un comentario