C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

19 dic 2016

NON HOUBO ABRELATAS

C.D. BAIO 0 - U.D. CERQUEDA 0

O Baio non mollou ante o Cerqueda
Última xornada do ano 2016 a vivida este domingo no Platas Reinoso, que presentou a peor entrada da temporada, cuns 150 espectadores nas bancadas, a pesar de que o sol estivo presente en case todo o encontro, aínda que a sensación térmica era de frío. E fríos tamén quedaron os espectadores baieses que viron como o seu equipo perdía dous puntos no que puido ser tamén o seu peor partido como local. Enfronte un Cerqueda ordenado atrás, que veu buscando un empate e ao final logrou o meritorio punto. 
A crónica do encontro hoxe é sinxela: un Baio espeso que non atopou nunca frescura nas súas combinacións e que batía cun Cerqueda ben plantado atrás e que deixaba en punta a Lorenzo, para aguantar o balón e agardar a incorporación dos seus compañeiros, aínda que con escaso éxito atacante. E é que escasas foron tamén as ocasións, tan só podemos mencionar un zapatazo de Moreno que se coaba pola escuadra, pero a estirada de Diego Dourado enviando a córner impediu o gol (min.38). A pesar de que o intentaron os baieses e chegaban ás inmediacións da área, faltaba o pase final ante a aglomeración de homes visitantes.
Na segunda parte máis do mesmo; aínda que o Cerqueda cruzou o centro do campo nalgunha ocasión, as súas chegadas tampouco entrañaban moito perigo, con Méndez agora como punta de lanza. Pero tampouco os locais conseguían crear xogadas claras de gol, e os dianteiros tiñan que zafarse de varios adversarios para poder ter posibilidade de disparo a portería. A mellor ocasión da segunda metade foi un lanzamento desde o pico da área de Martín MC que se foi alto lambendo o traveseiro (min.75).
En definitiva, dous puntos que quedaron no camiño que fan que o Corme quede en solitario na cabeza e achégase o Mazaricos perigosamente por detrás, a só tres puntos. Pero hai que dar por bo o resultado e seguir confiando neste equipo pois un mal día teno calquera. O próximo partido será xa despois das vacacións, en Laxe, para pechar a primeira volta.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa


XUVENIL: C.D. BAIO 1 - PONTECESO S.D. 3

Na tarde de venres disputábase o encontro da antepenúltima xornada do Grupo Norte da Liga da Costa Xuvenil, entre o Baio e o Ponteceso. Chegaban os visitantes cunha xeira impresionante de resultados que os convertía nun equipo temible, pero en Baio tiveron que suar para levar os tres puntos. Tan só ao final e cun home máis foron quen de sentenciar un partido que se mantivo igualado en boa parte del. A primeira parte rematou cun solitario gol visitante obra de Aarón, que chegou ao pouco de inciarse o partido (min.4).
Estiveron os baieses no encontro, pero o dobre cartón a Regueira aos vinte minutos da segunda parte, fixo que o Ponteceso encontrase máis fácil o gol, e este chegou en desafortunada acción en propia meta a quince para o final. Tres minutos máis tarde Luca sentenciaba, pero aínda o Baio marcaría o da honra por medio de Estefan (min.87), cando se igualaran as forzas polo dobre amarelo de Jorge dous minutos antes.
Tras o parón navideño retomarán a competición en Coristanco, equipo que parece destinado a ocupar a terceira praza que dá acceso á segunda fase ligueira, aínda que tamén depende do partido desta xornada que xogará o venres próximo en Corme. Dese partido tamén estarán pendentes os baieses, por canto o Corme é o único rival que poden superar na clasificación, toda vez que se asegurou a sexta praza. 

Ficha do partido da FGF
Clasificación do Grupo Norte

No hay comentarios:

Publicar un comentario