C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

12 dic 2016

VITORIA NA GRIXA, E XA CHOVERA!!!

C.F. PORTEÑO 0 - C.D. BAIO 1

Bieito volveu vestir a
camiseta do CD Baio
Despois de 46 anos, o CD Baio volveu gañar na Grixa, aínda que, todo hai que dicilo, nese tempo só cadraron en catorce temporadas. Pero as cifras estaban aí e das 16 veces que visitara o campo porteño só conseguira unha vitoria. E non foi fácil conseguila hoxe, nun partido de escaso xogo e moita loita, pois as reducidas dimensións do campo e o irregular do céspede así o impoñían. E iso que o tempo acompaña, e o sol estivo presente en todo o encontro, o que motivou que se achegasen máis de 200 persoas á Grixa. Aínda así a superioridade baiesa foi manifesta ao longo do encontro, pero non foi capaz de sentenciar e mantívose a incerteza no resultado ata o final. Hai que destacar o debut esta temporada de Bieito, que volveu vestir a camisola baiesa.
O partido iniciouse demostrando cada un as súas intencións, co equipo local atrás e deixando que o Baio se fixese co control do balón, e buscando as contras cos seus homes de ataque. Pola súa parte, o Baio fiel ao seu estilo pretendeu mover o balón, pero axiña comprobou que non ía ser tan fácil. A primeira ocasión viría para os locais na súa xogada recorrente, como é o saque de banda. Nun deles o balón é despexado pola defensa baiesa, pero cara á frontal onde Pepe Wii engancha unha volea que fai que Diego teña que lucirse e enviar a córner (min. 5). Algúns achegamentos con lanzamentos desviados por parte baiesa foron o preludio do primeiro e único gol do partido. Tras unha boa xogada de Javi Suárez por banda dereita, centra ao segundo pau onde Martín MC controla e fusila a Martín para poñer o 0-1 (min.17). Perdoou o segundo Javi Suárez nunha xogada rápida, co balón que sae de banda e o rápido saque de Martín MC puxo a Javi ante Martín pero este consegue sacar o balón a córner (min.20). Pouco máis significativo neste primeiro tempo, polo que se chegou ao descanso co marcador favorable aos visitantes.
O inicio do segundo período mostrou un xogo impreciso sen chegadas perigosas ata o cuarto de hora, na que o Baio empezou a chegar con xogadas combinativas. Nunha delas perdoou Rubio, que enganchou unha volea no punto de penalti pero foise por riba do traveseiro (min.59). E nova ocasión no min.66, na que Martín MC aproveita un balón peinado por Javi Suárez, e adiántase á saída de Martín, pero o balón sáelle alto e o seu remate sen deixala caer vaise fóra. E tería o propio Martín MC unha nova oportunidade ao atopar un balón solto na área, pero a rápida saída de Martín tápalle o disparo (min.73), xusto despois dunha xogada de Javi Suárez que entrou con vantaxe na área e un agarrón levouno ao chan sen que o colexiado sinalase nada. O Porteño non asomou polo ataque máis que en xogadas de saque de banda, e en balóns en longo buscando a cabeza de Roi Carril. Pero a incerteza do resultado facía que a emoción chegase ata o pitido final, e os locais puideron empatar nun saque de banda, que tras varios cabezazos de uns e outros ten que sacar Diego unha man prodixiosa para enviar a córner (min.85). Tivo Martín MC outra oportunidade despois dunha bonita xogada de Bieito por banda, que centra ao punto de penalti, onde a MC se lle vai o balòn no control (min.87). E coa vitoria pola mínima para o Baio chegouse ao remate do partido.
Novo triunfo do equipo baiés que o mantén empatado co líder Corme tras 17 xornadas. O vindeiro domingo visita o Platas Reinoso o Cerqueda, equipo co que non nos enfrontábamos desde a temporada 81-82. 


XUVENIL: C.F. PEDREIRAS XUVENIL 5 - C.D. BAIO 2

Visitaba na mañá do sábado o equipo xuvenil o campo das Pedreiras para enfrontarse ao equipo propietario do terreo de xogo, o actual líder do grupo, que levou un bo susto polo bo partido dos baieses que estiveron metidos no encontro ata practicamente o final do partido. Na primeira parte adiantouse en dúas ocasións o equipo local, pero no último minuto Alberto marcou un golazo que poñía o 2-1 co que se chegou ao descanso. Mediado o segundo período volveu poñer terra de por medio o equipo berdillés, pero un novo gol do Baio obra de Manuel Mª volvía meter o medo no corpo nas bancadas locais. Pero dous goles case consecutivos nos últimos cinco minutos deulles a vitoria aos berdilleses, máis ampla do que se viu no campo, e que lles permite aos locais seguir liderando a clasificación, cun punto de vantaxe sobre o Ponteceso, que será quen visite o vindeiro sábado o Platas Reinoso.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario