C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

30 ene 2017

VITORIA NO PINGUEL NO NOSO PARTIDO 1800

PONTECESO SD 0 - CD BAIO 1

Formación baiesa no Pinguel [FB Ponteceso]
Celebraba o CD Baio o partido 1800 da súa historia, contabilizando todos os seus encontros oficiais, e conseguía a que é a súa vitoria 695. Máis de 200 persoas no campo do Pinguel, con maioría baiesa, para ver un igualado encontro entre o Ponteceso e o Baio, dous dos equipos históricos da Costa e punteiros nesta edición da Liga da Costa. Tarde nubosa con lixeiros orballos que non trouxo un gran fútbol pero si emoción polo resultado ata o asubío final. O Ponteceso viña dunha xeira impresionante de resultados e recibía a un Baio con resultados irregulares nas últimas xornadas.
Comezou o partido cos dous equipos respectándose moito, intentando non cometer erros que penalizasen o seu traballo. E así discorreu practicamente todo o primeiro tempo, con moito centrocampismo e pouco achegamento ás áreas, mantendo sempre a posición e buscando aos dianteiros máis en balóns longos que en combinacións perigosas nas que se puidese perder o balón. Do primeiro período tan só poderiamos mencionar un lanzamento desde a frontal de Recarey (min.18) que sacou perfectamente Diego a córner.
Once do Baio no Pinguel [Foto: FB Ponteceso]
A segunda parte iniciouse con algo máis de mordente e froito diso foi unha combinación que rematou nun pase en profundidade no que tiñan vantaxe defensa e porteiro, pero moi listo Brais cruzouse entre eles e levouse o balón, derrubando a continuación Xurxo ao hoxe dianteiro baiés na súa saída. Do penalti encargouse de lanzalo o propio Brais, pero Xurxo adiviñaba o disparo, pero o rexeite chegáballe a Martín MC, que tras controlar marcaba o 0-1 (min.49). Catro minutos despois puido chegar a sentenza baiesa e a igualada pontecesana na mesma xogada: no ataque visitante Rubio intérnase na área, pero o seu tiro deteno de xeito espectacular Xurxo; o propio porteiro saca a contra e Charro vaise en velocidade da defensa baiesa pero cando se presenta ante Diego envía fóra. Apertou o Ponteceso nestes minutos, e nunha xogada de estratexia, Charro supera ao seu par e o seu centro non o aproveita Mara no segundo pau, enviando o balón por riba do traveseiro. Pero o Baio pasou a controlar de novo o partido, impedindo as chegadas dos locais, que só se producían a través de balóns longos ou parados. Puido sentenciar Martín MC cunha fermosa vaselina, pero esta foise fóra lambendo o pau (min.80), e tamén Moreno lanzou centrado ás mans do porteiro un disparo desde a frontal despois dunha gran xogada por banda de Javi Suárez (min.84). O Ponteceso quería pero non podía ante a contundencia na defensa baiesa, e o resultado non se viu en perigo nestes minutos finais, a pesar de que a vantaxe do resultado era mínima.
Once do Ponteceso [Foto: FB Ponteceso+
Esta vitoria dálles aos rapaces de Pedro unha importante motivación despois dos reveses das últimas semanas, e supón unha consolidación dun proxecto que a pesar das continuas lesións (onte no caso de Luis) non impide competir ao máximo nivel. Agora aproxímanse dous partidos como locatarios ante Malpica e Mazaricos para seguir demostrando o que vai dar de si este equipo.



COPA DA COSTA XUVENIL: CAMARIÑAS FC 0 - CD BAIO 2


Principiaba o equipo xuvenil do CD Baio a Copa da Costa co desprazamento a Camariñas para enfrontarse a un cadro local que puxo as cousas difíciles nun primeiro tempo, no que a igualdade presidiu o encontro. Parece que no segundo tempo o Baio impuxo o seu potencial, e tras o gol de Sergio (min.70) foi amo e señor do partido. Cinco minutos despois, sentenciou Regueira para poñer un 0-2, que puideron ampliar nalgunha contra. Con todo, bo resultado para os rapaces de Fredi, que teñen que adquirir nesta liguiña boas sensacións para facer un bo torneo copeiro e optar ao máximo, pois calidade sóbralles para iso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario