C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

27 mar 2017

MARCAR... E GARDAR A ROUPA

C.D. BAIO 2 - S.D. CORISTANCO 0

Bieito e Isaac
impulsaron ao Baio
Pouca xente se congregou na tarde do domingo no Platas Reinoso, quizais influídos polo cambio de hora, pero non chegaron a 200 os afeccionados alí presentes. Visitaba o campo baiés a SD Coristanco 23 temporadas despois, e facíao coa intención de sumar algún punto para escapar dos postos baixos. Con cinco defensas e catro homes por diante intentou manter a porta a cero e ir intentando saír á contra, pero Corral arriba estaba moi só e non era quen de crear situacións de perigo. O Baio intentaba combinar e achegarse por banda, pero perdía claridade nas inmediacións da área. Tan só un tiro de Martín MC desde a frontal da área colocado á cepa do poste que saca Brais con dificultades a córner (min.9) foi o máis significativo dos primeiros minutos. Intensificou o seu dominio o cadro local no último cuarto de hora, e froito diso chegou o primeiro gol nunha xogada de Javi Suárez por banda, o seu centro recólleo no segundo pau Martín MC, que toca para a chegada de Bieito que bate a Brais (min.35). Nunha nova combinación da dianteira, chegou un centro de Martín MC que remata de cabeza Isaac adiantándose á defensa para poñer o 2-0 (min.40) co que se chegou ao descanso.
Principiou o segundo tempo co Baio intentando pechar o partido, con oportunidades para Javi Suárez (min.47) e Bieito (min.52) que se foron fóra por moi pouco. Tivo Corral a oportunidade do Coristanco nun lanzamento mordido que se foi lambendo o pau da meta de Diego (min.55), pero non houbo máis achegamentos perigosos dos visitantes. O partido ía esmorecendo pouco a pouco e o Baio dedicouse a gardar o balón e deixar pasar os minutos. Seguiuno intentando a dupla atacanta na busca do seu gol, pero Martín MC rematou ao pau tras unha boa xogada de Javi Suárez e pase entre liñas que deixou ao pichichi baiés ante o porteiro (min.63). Pouca máis historia tivo o encontro, que chegou ao remate sen moverse o marcador da primeira parte, aínda que un remate de Martín MC no segundo pau que saca un defensa na liña de gol (min.87) puido variar o resultado.
En definitiva, tres puntos máis os sumados este domingo que deixan as cousas como estaban nos dous primeiros postos, aínda que o terceiro agora é o San Lorenzo polo tropezo do Mazaricos. A vindeira semana toca render visita ao club máis laureado da Costa, o UC Cee.
Serviu ademais esta vitoria ante o Coristanco para resaltar un dato estatístico para o CD Baio: é a primeira vez na súa historia, e van 54 temporadas, que presenta nos seus partidos ligueiros un número maior de vitorias que de derrotas, con 611 por 610. Tan só lograra ter igual número co 1-1 despois da 2ª xornada da primeira Liga da Costa 63-64, e chegou a ter un balance negativo de -135 (89 por 224) logo da temporada 80-81.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

XUVENIL: C.D. BAIO - S.D. LAXE

Simulacro de partido o disputado polo equipo xuvenil do CD Baio na tarde do sábado para pechar a liguiña previa da Copa da Costa. O rival era a SD Laxe, que se presentou con só dez xogadores no Platas Reinoso. Cando ían disputados menos de dez minutos, retírase un xogador visitante lesionado. Ante isto os baieses xogaron cun rival pechado na súa área e tras infinidade de ocasións, algunhas erradas polos dianteiros, outras abortadas polas grandes intervencións do porteiro laxense, tan só puideron os locais marcar un gol, obra de Sergio cando se chegaba á media hora do partido.
Tras a saída dos vestiarios para a segunda parte, o delegado visitante infórmalle ao árbitro que dous xogadores máis non saltaban ao campo por estar lesionados. E non se levaban máis de tres minutos da reanudación cando un novo xogador visitante se ten que retirar. Con seis xogadores no campo, o colexiado dá por concluído o encontro co marcador 1-0, aínda que seguramente o Comité de Competición decrete un 3-0 para os locais. 
Con todo, queda a honra de acabar esta fase de grupos no primeiro posto, e agardar agora pola verdadeira competición co sorteo dos oitavos de final do próximo martes, no que estarán todos os equipos participantes menos o Camariñas e o Corcubión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario