C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

12 mar 2017

POUCAS OCASIÒNS, MÁXIMO RENDEMENTO

C.D. BAIO 2 - S.D. CASTRIZ 1

Unhas 200 persoas ao final no Platas Reinoso, que foron chegando conforme acababa o partido de Riazor, nunha tarde chuviñenta e triste, que foi un pouco como o partido. Un encontro con moi poucas ocasións e que se resolveu de parte local pola eficacia da dianteira baiesa en aproveitar as oportunidades que tiveron. O Castriz, moi ben posto no campo, con presión alta que dificultou as chegadas á área de Herrera do equipo local.
A pesar do control do balón do equipo local e de tímidos ataques, o primeiro tiro con perigo veu de parte visitante, cun lanzamento bombeado de Steven que petou na parte superior do traveseiro (min.15). Unha xogada de MC por banda esquerda, con centro cara a Bieito, que disparou lixeiramente desviado (min.24), foi a primeira intentona seria dos locais. No min.38 unha internada de Martín MC é cortada en falta pola defensa xalleira, e o colexiado indica o penalti que transforma o propio Martín MC para poñer o 1-0. Pouco máis que comentar dunha primeira parte, na que os dous intentaron xogar pero carecían de profundidade á hora de chegar ás áreas con perigo.
Puido marcar MC ao pouco de comezar a segunda parte (min.51), pero o seu lanzamento tras deixada de Javi Suárez foise por riba do traveseiro. Chegando á hora do partido chegou o gol visitante, logo dunha xogada embarullada que acabou o balón franco para Sebas que superou a Diego por alto (min.57). Non conseguía fiar un xogo combinativo o Baio debido á boa presión dos xalleiros, e non chegaban ocasións. Tivo que ser nunha galopada de Javi Suárez pola banda, que deu o pase da morte cara a Martín MC e rematou este practicamente a porta baleira para poñer o 2-1 (min.73). A partir de aquí si puido o Baio ampliar o marcador, con ocasións para Javi Suárez, nun gran chut desde a frontal que sacou en gran intervención Herrera (min.80),  e tamén para MC, que desaproveitou unha boa internada por banda de Rubio e tras adiantarse á defensa no primeiro pau fóiselle o balón lambendo o traveseiro. O Castriz intentou o empate en xogadas a balón parado, pero aí a defensa baiesa mostrouse moi firme e non concedeu opcións de remate claro. Polo tanto chegouse ao final cun marcador curto pero suficiente para sumar outros tres puntos na loita polo título ligueiro.
A vindeira semana toca a viaxe máis longa da temporada, ao campo da Agra da Filgueira, en Monte Louro.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

XUVENIL: S.D. SOFÁN 2 - C.D. BAIO 1

Na mañá do domingo desprazouse o equipo xuvenil a terras carballesas para disputar o quinto partido da fase previa da liguiña da Copa da Costa. Partido igualado no que calquera puido gañar e que acabou caendo de lado local polo oportunismo dos seus dianteiros. Tardou en afacerse o equipo baiés á herba natural (como cambiaron os tempos!!) e meterse no partido, pero cando o fixo deu mostras de perigo ante un bo club sofanista, que mellorou moito desde o comezo da temporada. Froito desa "falta de adaptación" chegou o primeiro gol local, nunha rápida contra que acabou cun tiro á escuadra de David Dourado. Con este resultado chegouse ao descanso, e na segunda parte o Baio xa tivo algunha clara ocasión, como un man a man de Josiño que se lle foi fóra, ata que no min.71, Estefan marcaba dun tiro desde a frontal. Cando parecía que o empate ía ser o resultado definitivo, chegou o segundo gol local, obra de novo de David Dourado, que máis listo que ninguén colleu o rexeite de Cedrón, despois de gran intervención deste. Coa vitoria mínima do Sofán chegouse ao remate do encontro, o que lles permite aos baieses conservar favorable a golaveraxe para ter a honra de quedar líderes de grupo ao final da liguiña desta Copa da Costa, que xa ten 15 euipos clasificados, e só falta por dilucidar quen vai ser o mellor cuarto dos tres (Camariñas, Monte Louro e Corcubión). 

Ficha do partido da FGF
Clasificación do Grupo 2º

No hay comentarios:

Publicar un comentario