C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

20 mar 2017

TRES PUNTOS MÁIS E GOL 1500LC

U.D. MONTE LOURO 0 - C.D. BAIO 4

Rubio marcou o gol 1500 do CD Baio
na Liga da Costa
Crónica sinxela a desta semana por non podernos desprazar ata o campo da Agra de Filgueira para ver o encontro entre a UD Monte Louro e o CD Baio correspondente á 27ª xornada da Liga da Costa. Unha xornada marcada polo derbi galego da 1ª División, que fixo que se xogasen varios partidos na xornada matinal, mais o Baio achegábase a terras muradanas na tarde deste domingo solleiro, con bo ambiente nas bancadas.
A primeira parte deixounos un encontro igualado en canto ao marcador, pero chegando ao seu remate o gol de cabeza de Yago (min.43) abriu a lata e puxo en vantaxe aos visitantes. Era un gol dos chamados psicolóxicos, como tamén o foi o marcado por Luis nun centro-chut nada máis iniciarse o segundo período (min.47), que puxo terra de por medio e sentenciou o choque. Foi o premio a estes dous defensas que estiveron moitos partidos lonxe dos campos por senllas lesións, e de feito o propio Luis volvía logo de dous meses. Un dos xogadores máis destacados sobre o céspede na tarde de hoxe, Rubio, foi o autor do gol máis bonito do partido, tras bo control do propio Rubio, parede con MC que lle devolve de tacón para que Rubio marcase diante do porteiro (min.62). Significou ademais o gol 1500 do CD Baio na Liga da Costa. 
Nos minutos finais chegou o gol de Martín MC, que o estivo buscando toda a tarde, pero non estaba afortunado cara ao gol. Tivo que ser por mediación dun penalti, cando quedaban uns cinco minutos para o final.
Con esta vitoria o CD Baio sobe ao primeiro posto da clasificación, aproveitando a vitoria do San Lorenzo en Corme, polo que agora o cadro cormelán queda a dous puntos e a seis segue o Mazaricos e sete o San Lorenzo. Pero aínda queda moita liga e a vindeira semana recibiremos ao Coristanco SD no Platas Reinoso.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

No hay comentarios:

Publicar un comentario