C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

1 may 2017

E AO FINAL CHEGOU A GLORIA

C.D. BAIO 4 - C.F. PORTEÑO 0

Foto de celebración dos xogadores sobre o campo
[Foto: Lorena M.C.]

Nunha tarde de domingo desapracible, con intermitentes chuvieiras, xogouse no Platas Reinoso o partido da 32ª xornada da Liga da Costa entre o CD Baio e o CF Porteño. A vitoria baiesa ao remate do encontro trouxo canda si o título ligueiro para as vitrinas do equipo baiés, algo que non conseguía desde hai máis de vinte anos.
Principiou o partido co Baio dominando o balón e o Porteño pechado atrás ben ordenado, pero xa na primeira acción de perigo levada por Javi Suárez chegou o gol baiés. O killer de Quintáns foise dos seus rivais pola banda e cedeu para a chegada en carreira de Martín, que batía de tiro cruzado a meta do Porteño (min.7). Dez minutos despois puido marcar Martin MC pero o seu lanzamento foise fóra, e no min.22 unha perda de balón do Porteño na saída non a aproveitou Javi Suárez, que se precipitou e lanzou mordido ás mans do porteiro cando se atopaba en posición inmellorable. Pouco a pouco o Baio foi saíndo do partido, como se a superioridade amosada no campo fose suficiente para dar por gañado o encontro, polo que o Porteño aproveitou para irse arriba e con esas chegou a súa gran ocasión, nun balón que sae rebotado de varios xogadores e cáelle a Pepe Wii só ante Diego, pero o seu remate sácao o porteiro co pé, e o balón quédalle franco a Roi pero o seu remate en semifallo co porteiro batido sae por riba do traveseiro (min.39). Respondeu o Baio nunha contra entre Javi Suárez e Martín MC, pero o centro deste non chegou Bieito por pouco, e co resultado mínimo foron os dous equipos ao descanso.
Portada do Diario de Bergantiños coa celebración baiesa
Saíu enchufado na reanudación o Baio e con ganas de sentenciar o partido, e chegaron varias ocasións, a máis clara un pase de Javi Suárez cara a Martín MC pero este rematou desviado (min.50). O propio Martín MC tería unha nova oportunidade no min.61, pero o ser disparo vaise fóra cando estaba en boa posición de remate. Pero o pichichi baiés non erra tres seguidas e nun roubo de balón de Bieito na saída do Porteño deixou a Martín MC só ante o gardameta porteño e marcaba o 2-0 (min.67). Acto seguido chegarían o terceiro, obra de Javi Suárez (min.72), e o cuarto, marcado por Martín MC (min.76) para poñer fin ao partido, aínda que MC tivo o hat-trick nas súas botas nun lanzamento de falta que foi ao traveseiro (min.86).
Final do partido e principio da festa para celebrar o título de campión da Liga da Costa, que chega despois dunha xeira de trece partidos seguidos gañados e só tres derrotas no que vai de liga.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

Crónica do partido de La Voz de Galicia. JM Ferreiro
Crónica de quepasanacosta. G.Parga
Especial CD Baio. Piratas de Muxía

No hay comentarios:

Publicar un comentario