Desde que se fundou a Liga da Costa na temporada 1963-64 o CD Baio participou en todas as temporadas, pero tan só conseguiu catro títulos ligueiros: tres Ligas da Costa e unha Liga provincial da 1ª Rexional. Agora facemos un repaso destes títulos:
TEMPORADA 1982-83: CAMPIÓN DA LIGA DA COSTA
Directivos e xogadores que conseguiron a 1ª Liga da Costa |
Na 20ª temporada da Liga da Costa por fin o CD Baio conseguía o seu
primeiro título, o de campión da Liga da Costa. Ata aquela altura
os únicos méritos que conseguira o club eran catro farois
vermellos, moitos menos dos que a lenda futbolísta costeira lle
imputaba, pero que o club baiés levou con tal deportividade que o
incorporou ao escudo. Pero esta temporada todo cambiou. Unha boa
fornada de xogadores locais que un lustro antes gañaran a liga de
xuvenís, xunto coa chegada de tres fisterráns (Ayala, Dito e Manín,
este na dobre faceta de xogador e adestrador), déronlle un salto de
calidade ao club.
Tras
unha gran loita co Soneira SD, 17 partidos seguidos sen perder,
dos cales catorce foron vitorias, sentenciaron a liga, e na visita a
Vimianzo na penúltima xornada o Baio xa era campión. O equipo do
Balsiño gañou 22 dos 28 partidos disputados, con tres empates e
outras tantas derrotas; conseguira marcar 84 goles e encaixara 29,
sumando un total de 47 puntos (cinco máis que o Soneira). Para
redondear a temporada o CD Baio tamén gañaría a súa primeira Copa
da Costa, tras eliminar sucesivamente a Xuventude de Bergantiños,
Sp. Bértoa, Esteirana, Carnota e, na final, ao Coristanco.
Presidido
o club por Julio Diaz, confiárase o asalto ao título nun dos
grandes xogadores da historia da Liga da Costa, o fisterrán Manín.
Con el como adestrador, estes eran os xogadores que disputaron aquela
temporada histórica: Lolo e Serafín (porteiros), Ayala, Braulio,
Busto, Dito, Eduardo, Gonzalo, Javier, José Antonio, Juan Calabanda,
Loliño, Manín, Marcos, Muíño, Paco, Santi Díaz, Santi Núñez,
Suso, Tasende e Toja.
TEMPORADA 1990-91: CAMPIÓN DA LIGA DA COSTA
Directivos e xogadores que gañaron a 2ª Liga da Costa |
A primeira liga conseguida na temporada 1982-83 supuxera o ascenso á
1ª Rexional na seguinte temporada, 83-84, na que o club baiés
quedou subcampión e ascendeu á Rexional Preferente. Cinco
temporadas estivo nesta categoría (da 84-85 á 88-89), e dela baixou
por vontade propia para xogar na Liga da Costa que por esta altura
estaba encadrada no Grupo II-B da 1ª Rexional. Sería na segunda
campaña nesta liga costeira na que o CD Baio volvería saborear os
meles do triunfo.
Especial de La Voz sobre o CD Baio |
Dous
equipos veciños, o CD Nantón e o Sp. Zas, foron este ano os seus
grandes rivais na loita polo campionato. O equipo baiés principiou
ben, pero dúas derrotas consecutivas nas xornadas 5ª e 6ª fixeron
que os nantoneses se fosen na clasificación. A partir de aquí
estivo o Baio 17 partidos sen perder, o que o levou á cabeza da
táboa, aínda que non puido certificar o título matematicamente ata
a última xornada. O CD Baio gañou 19 dos 34 partidos, empatou 12 e
só perdeu 3; conseguiu marcar 93 goles e encaixou 29, para sumar un
total de 50 puntos (un máis que o Nantón e catro sobre o Sp. Zas).
Fora
este o ano da estrea ligueira do Platas Reinoso (xa se xogara a Copa
o ano anterior), cun club presidido por Pepe Muíño, que buscara no
coristanqués José Antonio Moreira o adestrador que levase ao Baio
ao máis alto. Novamente a práctica totalidade do cadro de xogadores
saíra da canteira baiesa e era este: José Carlos e Lolo
(porteiros), Braulio, Costa, Fariña, Feal, Fran, Gati, Gerardo,
Gómez, Javier, Juan Eiroa, Lilo, Loliño, Marcos, Pepe, Reyes, Santi
Díaz, Santi Núñez, Sergio e Vázquez.
TEMPORADA 1994-95: CAMPIÓN 1ª REXIONAL PROVINCIAL
Directivos e xogadores que gañaron a liga provincial |
O segundo título da Liga da Costa colleitado na 90-91 supuxo a
posibilidade de ascender á Rexional Preferente -lembremos que a liga
costeira estaba encadrada na 1ª Rexional-, pero a nova xunta
directiva que saíu elixida para a temporada 91-92 renunciou ao
ascenso. E tamén renunciou a facelo na nova 1ª Rexional provincial
que se creara ese ano, decidindo competir na Liga da Costa, que agora
a Federación volvera colocar na 2ª Rexional. Tres temporadas estivo
nesta categoría o equipo baiés, para ascender na 93-94 grazas ao
subcampionato acadado. Xogaría, logo, o Baio na 1ª Rexional
provincial na temporada 94-95, e aquí chegou un novo título para as
vitrinas baiesas.
Especial do Ideal sobre o CD Baio |
Tardou
en adaptarse á nova categoría o Baio, e na xornada 7ª sumaba xa
cinco derrotas, co que pechaba a clasificación. Pero a reacción non
se fixo esperar e unha xeira impresionante de 26 partidos invicto
colocouno de líder e máximo favorito ao título. A igualdade na
parte alta fixo que ata a penúltima xornada o CD Baio non puidera
cantar o alirón e proclamarse campión desta 1ª Rexional
provincial. Sumara nas 38 xornadas 22 vitorias, 10 empates e 6
derrotas (lembremos que cinco foran no inicio ligueiro), con 82 goles
a favor e 44 en contra, para sumar 54 puntos, catro máis que o Cee e
o Español.
Loliño, o único xogador que gañara as tres ligas |
O
equipo presidido por Touriñán confiáralle o banco ao malpicán
Moncho Varela, que conformara un plantel con algúns xogadores
veteranos que daban as súas últimas tardes de gloria no club baiés,
xunto cun grupo de rapaces que dúas temporadas antes gañaran a liga
xuvenil e conseguiran o ascenso á Liga Galega, na que aínda se
encontraba, polo que moitos destes alternaban os dous conxuntos. O
plantel de xogadores que lograron gañar a liga da 1ª Rexional
provincial eran: Braulio e Norberto (porteiros), Bareta, Canillas,
Chema, David, Fariña, Gerardo, Guillermo, Javi Capador, Javier
Beiro, Loliño, Manolito de Dumbría, Mario, Nando, Pastoriza, Pena,
Rolando, Santi Pastoriza, Silvariño, Touriñán e Víctor.
TEMPORADA 2016-17: CAMPIÓN DA LIGA DA COSTA
Martín en 1991 e 2017 |
Tras o ascenso da campaña 94-95 á Rexional Preferente, o CD Baio
estivo catro temporadas nesta categoría (ata a 98-99), para
descender á 1ª Rexional provincial. Sete temporadas estaría o club
baiés no grupo provincial, desde a 99-00 ata a 05-06, na que baixou
polos arrastres das categorías superiores (fora 13º). Outras sete
campañas seguidas estivo na Liga da Costa, encadrada na 2ª
Autonómica, ata que logra o ascenso na 12-13, na que fora subcampión
e lograra subir na promoción. Tres anos estivo na 1ª Autonómica
semiprovincial, ata que na última, a 15-16, baixou de novo por culpa
dos arrastres (outra vez fora 13º). Así chegamos á actual 16-17 na
Liga da Costa, e 26 temporadas despois o CD Baio volvía conseguir o
título costeiro.
Mantendo
a base da temporada pasada o equipo baiés era un dos favoritos do
grupo, pero as dúbidas afloraron tras as derrotas nas xornadas 2ª e
7ª, pero 11 partidos seguidos sen perder puxérono na parte alta,
por detrás dun intratable Corme. A terceira derrota na xornada 19ª
ante un rival directo como o San Lorenzo fixo saltar de novo as
alarmas, pero a partir de aquí leva 13 vitorias consecutivas que lle
valeron para conseguir matematicamente o título.
Santi Díaz e Costa Os pais gañan a Liga da Costa 1991 |
Baixo
a dirección do adestrador carballés Pedro Gómez, estes son os
xogadores que disputaron esta liga co CD Baio: Cedrón, Diego, Julián
e Recarey (porteiros), Bieito, Brais, Christian, Costiña, Eloy,
Fachal, Fran, Fredi, Isaac, Javi Suárez, Josiño, Luis, Mario,
Martín, Martín MC, Moreno, Norberto, Pedro, Peke, Porto, Ramón,
Rubio, Santi Díaz, e Yago.
Santi Díaz e Costiña. Os fillos gañan a Liga da Costa 2017 |
No hay comentarios:
Publicar un comentario